27 de enero de 2019
27.01.2019
O labirinto do alquimista

Murguía "Frasquiño de esencias"... galegas

27.01.2019 | 00:49
Murguía "Frasquiño de esencias"... galegas

Merecido sitio ocupa o historiador Murguía nesas procesións de pálidas almiñas imaxinada por Castelao, a Santa Compaña da Alba de Gloria, inmortais, nimbados na galaxia de Galiza.

Aínda así, algúns, sempre lle atoparán tacha ao máis florecente representante do Romanticismo, mesmo ensombrecido pola obra de quen el ben afoutou, a súa esposa Rosalía de Castro: que si a sacralización dos precursores, o uso e abuso da "raza", que non usou o idioma galego... misoxinia... ou as contradicións sobre as súas relacións.

Manuel Murguía, fillo de boticario compostelán asentado na Coruña, nace en Oseiro de Arteixo, cando a súa nai, guipuzcoana de Oyarzun, cumpría coa tradicional peregrinación ao santuario de Pastoriza, proba de que hai quen ten estrela e que "haber hailas": data que pasará á historia, un 17 de maio do 1833, por algo o mesmo día do 1863, trinta aniversario de Murguía, faise saír do prelo e en Vigo, o primeiro exemplar de Cantares Gallegos de Rosalía. Bo acerto tamén o da Academia Galega para instituír nesta xornada do 1963, a celebración do Día das Letras Galegas, homenaxeando a Rosalía.

Murguía fórmase en humanidades e con cursos inacabados en medicina e farmacia en Compostela. Moi marcadas quedan as algarabías do 1846 por mor do levantamento de Solís contra o goberno de Narvaez e os fusilamentos de Carral o 26 de abril, semente de galeguismo provincialista. Batalla polas diferencias identitarias galegas que serán abandeirada polo precursor Antolín Faraldo. Murguía participa naquel ambiente que anova o provincialismo frustrado, arredor do Liceo da Juventud de Compostela, con Aguirre, Pondal ou Rosalía, os mesmos que o 2 de marzo de 1856 da man dos obreiros brindaron en Conxo polo futuro de Galiza. Momentos nos que escribe a súa primeira novela Desde el Cielo (1954), comezando a interesarse pola historia e velaí la La primera Luz, recomendada nas escolas de Galiza por Real Orde. Con 20 anos vaise a Madrid, colabora en varios periódicos dende unha óptica progresista, participa nos parladoiros da casa dos Lugín, parentes de Rosalía, onde coñece a Rosalía, coa que casa en Madrid o 10 de outubro de 1858 e coa que terá sete fillos. Comeza aquí unha traballada vida tras os destinos de Murguía, sumando problemas de saúde, económicos... pero sempre unidos nas ideas democráticas, nas literarias e sobre todo na defensa de Galiza. No 1859 retornan para dirixir El Diario de La Coruña, momentos claves para o Rexurdimento Galego, coa publicación de Cantares Gallegos, cos Xogos Florais de 1861. Momentos nos que o historiador pon bases, como lembra no prólogo de Los Precursores (1886) "Olvidados estaban los muertos y los vivos, y el silencio que los envolvía, no por penoso era de los que justificaban las medio revelaciones. De pronto surgió la queja, tomó fuerza el desdén, y se vió con harta claridad que los nuevos, creyéndose los únicos ungidos, desconocían y negaban la obra de los que les habían precedido, allanándoles el camino".

Murguía retoma a autores do pasado e do seu presente e enceta a Historia de Galicia dedicada "A la santa memoria de mi esposas, Rosalía de Castro, a nuestros hijos, Alejandra, Aura, Gala, Ovidio, Amara, para unir con un mismo lazo y un mismo y piadoso recuerdo cuanto amé, cuanto amo, cuanto amaré toda mi vida, esto es, esposa, hijos, patria" (Iria, 10 de agosto,1883). Aviva o celtismo de Verea y Aguiar e abre camiños científicos en relación coa historiografía europea. Nas "Consideraciones generales" previas pon a raiceira na diferenciación celta, raza e nación, caracterizada polo amor á Terra, o lirismo, a falla de agresividade... relixiosidade coa que romanos nin os visigodos puideron... Si houbo entendemento cos suevos e a adaptación cristián enfrontada ao islamismo, Reino que florece no Románico. Pon as bases do galeguismo político, do paso do rexionalismo ao nacionalismo, co idioma como cerna da afirmación nacional, "el pueblo que olvida y escarnce su idioma, dice al resto del mundo que ha perdido su dignidad" (1859). Risco e Castelao tomarán nota.

Pondal anímao a presentarse ás Cortes Constituíntes do 1868, máis prefire quedar como arquiveiro en Simancas, pasando no 1870 á xefatura do Arquivo Xeral de Galicia, do que é cesado no 1875. Retornando a Madrid, apoiado polo seu vello amigo Alejando Chao, poñen en marcha a Ilustración Gallega y Asturiana. Galiza sempre na mente, e Irlanda como exemplo...

Baixiño de estatura, o que compensaba cun anticuado sombreiro de copa, levita corta, bigote e perilla becqueriana, poeta do que era bo amigo... Os rapaces coruñeses esperábano ao seu paso polo Derribo pra apuntar con pedras ao sombreiro, chamándolle "Frasquito de esencia", cando en verdade gardaba, "ex abundantia cordis" poéticas -e sombras tamén a morte da esposa, a do fillo Ovidio en 1900 nos que tiña postas tantas esperanzas- as esencias diferenciais galegas."Pequeno de corpo, pero grande de esforzo". Como un rei Arturo que retorna: "Pues queriendo levantar un pueblo, preciso era que se conociese bien y pronto".

Pra entrar en Murguía e no Rexurdimento Galego, na que enraíza a contemporaneidade, compre enxergar o legado que recibiu en herdo testamentario de quen atendeu á derradeira descendente da familia Murguía Castro, Gala e a disposición en varias institucións. Referímonos a Xoán Naya Pérez, bibliotecario da Academia Galega, e quen dende neno participou na construción física desta entidade ideada por Curro, Murguía e Fontenla Leal... Compre tamén repasar a Biografía de Murguía (1933) escrita con devoción por Risco, "Homenaxe á súa lembranza agradecida a do home enteiro que vivindo padeceu aldraxes, esquecementos e traballos por mor da xustiza da causa da nosa Terra..." sumando o prólogo de Castelao ao Regionalismo Gallego de Murguía (1945) dicindo que Murguía "tapa a boca dos que falan do actual galeguismo político como cousa recente, improvisada, mimética e por tanto transitoria..." Nesa espiral da Historia atopamos xa situacións semellantes as que logo sufriría o o rianxeiro ou mesmo ás de hoxe. Latexaba tamén en Murguía a cuestión galaico portuguesa, país moi nas súas miras. Ao respecto teremos moi en conta os estudos de Xusto Beramendi, así como os aportes, a raíz da publicación das súas cartas por Barreiro Fernández.

Respecto ás relacións literarias Rosalía-Murguía, Naya nos Inéditos de Rosalía ( 1953) alude "a la participación de Murguía en la obra rosaliana; a algunos trabajos comenzados por el marido que llevan el mismo título de otros publicados por su mujer..." Insiste en que "...o nome de Murguía ten de figurar á fronte de toda a obra de Rosalía polo amoroso coidado que puxo no seu brilo, fronte á recatada actitude da súa esposa, apartada dos cenáculos ..."

Muguía xustifica "como ya se acercan los días de la muerte, he empezado por leer y romper las cartas de aquella que tanto amé en este mundo. Fuí leyéndolas y renovándose en mi corazón alegrías, tristezas, esperanzas, desengaños... pero tan llenas de uno que, en realidad, al hacerlas pedazos, como cosas inutiles y que a nadie importa, sentí renovarse las alegrías y dolores de otros tiempos". Transpapeladas sempre quedaron cousas, como comproba Naya.

A compostelán Sociedade Económica de Amigos do País, no 1885 propuxo a Murguía como Cronista Oficial do Reino de Galicia. Os centros galegos da emigración auxiliárono e considerárono Patriarca, o nacionalismo catalán inspirouse nas súas posturas...

No 1893 pasa ao Arquivo de Facenda da Coruña, xubilándose no 1905... sen pensión e frustrado pola morte do fillo. Aínda así vencéllase aos liberais rexionalistas, os creadores do centro de iniciativas que foi a Cova Céltica... por onde mesmo pasou Emilia Pardo Bazán, antítese de Murguía, tema merecedor dunha tese. Nun 17 de Maio de 1913 recibe un apoteótico homenaxe na Coruña. Pra morrer un 1 de febreiro de 1923, a condución cara ao camposanto de San Amaro puxo de manifesto a devoción popular que se lle profesaba.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook