02 de febrero de 2019
02.02.2019
SI HOME SI

Todos contentos

02.02.2019 | 19:15
Todos contentos

Os millennials coruñeses, en concreto os que naceron máis ou menos desde 1997 (18.441 persoas), pasaron toda a súa vida baixo a espada de Damocles -é un dicir- de que pasaba co edificio Fenosa. E os que naceron xa unha década antes, toda a súa vida consciente. Debe ser estes aos que lle chaman conflitos herdados. Os que vivimos nisto e disto, ou polo menos eu, xa perdemos a conta das voltas e reviravoltas xudiciais que deu o asunto. E neste aspecto non se pode criticar a lentitude da xustiza, porque catro anos despois da reforma (ben, reforma non foi, foi tirar co edificio que había, de oficinas, e facer un novo, de vivendas que non se lle parecía nada) xa había unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ditaba que aquilo fora ilegal.

O de ilegal díxoo o TSXG, e logo o Supremo, pero aínda que fose legal, un pouco raro si que era que o novo edificio se fixera segundo unha normativa que non só non estaba aprobada, senón que nin sequera estaba na fase de exposición pública. Nesa circunstancia soamente caben dúas opcións: ou o promotor, Fadesa, xa sabía por onde ían ir os tiros do novo planeamento urbanístico, ou non o sabía. Se o sabía, digo eu que a alguén lle poderían atribuír iso de "información privilexiada", que pese a ese nome tan estupendo, non deixa de ser unha irregularidade ou algo peor. Se non o sabía, ábrense outras dúas posibilidades: ou tiña máis que fundadas esperanzas de que o Plan Xeral de ordenación Urbana ía acabar coincidindo cos seus intereses, ou estaba xogando á ruleta rusa inmobiliaria. Cadaquén é libre de apostar por calquera das tres, sobre todo porque non houbo ningún intento, nin de oficio nin a propósito, para que se investigase cal delas foi a correcta.

Din que un bo acordo é o que deixa satisfeito, ou máis satisfeito que insatisfeito a todas as partes. Este é un acordo excelentérrimo. A solución pactada deixa a todo o mundo contento, ou debería deixalo. Os residentes, por non ter que desaloxar ou andar facendo obras e afastar de vez a sombra da piqueta. O actual Goberno local, por non ter que seguir na pouco cómoda postura de defender -e poñer cartos para defender- actuacións ilegais de anteriores corporacións, e porque os cartos cos que tería que indemnizar ao demandante pódeos destinar a un fin máis xusto -ben, máis xusto non, máis para o ben común- como é facer 50 vivendas sociais. E o demandante, porque non só lle dan a razón, que xa a tiña desde hai 18 anos, senón porque se permite o detalle de demostrar que o fixo polo ben común, ese que polo que as institucións deberían velar.

Por alegrar, débense alegrar tanto o promotor inmobiliario, porque fixo un edificio ilegal que acabou vendendo igual, como os promotores institucionais, que o permitiron e logo tentaron tapalo. Porque o acordo contempla o recoñecemento público da responsabilidade que tiña aquela corporación municipal que encabezaba Paco Vázquez en 1997, pero ese coñecemento xa é público e máis que público, e iso, a día de hoxe, non ten ningún tipo de consecuencias. Nin políticas, nin electorais, nin sociais nin, por suposto, penais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook