03 de febrero de 2019
03.02.2019
O labirinto do alquimista

Arredor do pote 'galego'

03.02.2019 | 01:06

Cruceiro, cabaceiro, carro, pote, lacón con grelos, pulpo, meiga ou alala... están entre os primeiros dos vellos tópicos galegos. Porque haber tamén hai outros de hoxe, máis televisivos e esperpénticos, revestidos de estridente grosería chocalleira, efectos da degradación cultural. A sumar a tantos feísmos campantes, e que, pra acentualos, mesmo a alguén se lle da por defendelos como "enxeños" do aproveitamento popular, outro feísmo máis....

Cruceiro, cabaceiro, carro... vellos tópicos identitarios, entrañables restos arqueolóxicos, como dinosauros, protagonistas dun tempo. E velaí ao pote, como parte sobresaínte do enxoval do lar, entre tarteiras, pucheiros, tixolas, ferrallas, cazos... da mantenza, chantado no corazón das lareiras. Recipiente con reminiscencia de tribal caldeiro céltico, honra dunha casa, hoxe cotizados nos anticuarios, solicitados pra "adornar", como un veterano soldado do pasado, aburatado, coxo, eivado polos anos e as batallas... ennegrecido aínda, entronizado nun lugar solemne do xardín, da adega... como instintivo homenaxe.

O nome latino de pota ten que ver co recipiente de líquidos, de beberaxes. Contundente nome de "pote" co que tanto se bautiza unha taberna como a un revista ou unha peña de amigos... quizais e pra maior filigrana antepóndolle unha "O´" acentuada, iso si, co seu correspondente e inútil apóstrofo como pra darlle un enxebre e exótico aire céltico gaélico. Pote que lembra un pasado rural de sombras e lume, de tristuras e ledicias, de fartura e fame, de emigración, de contos e cantos lanzados a redor do fume, a ferver tradicións, compañeiro dos trasfogueiros e das badilas, coroado de touciño, lacóns, restras de chourizos, paquetes de unto... como unha romántica locomotora da fartura ou nimbado ovni aterrado na lareira.

Pota e pote, con esa diferenciación de xénero moi presente en Galiza: pois a pota é de figura uniforme, máis baixa, sen barriga, como recordaba o lembrado escritor da Terra da Chispa, Xosé Fernández Ferreiro, experimentado no tema deste xeito de locomotoras. Diferenciado da feminina pota, esta coa boca máis aberta, máis alta e sen barriga, pra dar cabida ao que non entra pola boca do pote, por exemplo os lacóns e a cachucha; namentres que o pote é igualmente cacerolo de ferro caracterizado polos tres pes acaroados á base, bandulleiro, tendendo á esfera pero estreitando o pescozo e a boca, con dúas angas ou asas a unha e outra banda, dende as que parte un aro que serve pra penduralo da gramalleira sobre a biga, o xiratorio burro ou a angarela.

Pote que ven a ser como un ídolo de ferro, centro das olladas, a quecer sobre o lume da súa esencial lareira. Habíaos de diferentes tamaños, que van do un ao cincuenta, segundo o poderío da casa e así se ofrecían nas ferraxerías, sen faltar ao menos dous tamaños. Feito pras caldeiradas do que fora: de carne ou de pescado, pro caldo, pro cocido do porco... que ferve axiña, precisamente pola estreita boca tapada. Entre eles o patriarcal pote grande, de un metro de alto e medio de diámetro, usado pra quentar a "calda" ou penso a base de nabos, verzas e patacas cos que mimar aos cochos ou outro tipo de gando no seu tempo de ceba.

Polo Entroido ou nas algarabías festivas os mozos pasaban a man pola quente, cincenta e borrallenta barriga do pote e logo entre eles tisnábanse . A cinsa do pote e do entre remol da lareira era solicitada materia prima pra logo disolver en auga e elaborar o feluche co que xogar a tisnar... e velaí as "mascaritas da borralla".

Pesados e solemnes potes de ferro coa súa longa historia tras si, herdeiros dos caldeiros prehistóricos, imprescindibles e solicitados na ferraxería e na feira de noutrora, dende a metade do século XIX, innovados en forma e trespés pegado, fundidos e comercializados por Malingre de Ourense, fundición establecida polo belga Manuel Malingre Parmantier no 1849, empresa do ferro e os metais de gran influencia en logros culturais galegos, comezando pola incorporación do ferro á arquitectura, galerías, balaustres tapacanos... entre moitos outros artefactos, especialmente pra cociña que traía e levaba, con éxito, modelos tamén pro entón Congo Belga, entre eles o pote. Pote quizais inspirado en cacharros de barro, inventados nas culturas máis antigas do Crecente Fértil, sumerias ou exipcias... Potes que logo serían imitados por outros fundidores... e velaí o pote arqueolóxico, ante tantos avances, entre tantas diferentes formas de utensilios, xa entre as vaixelas e as novas enerxías de quentar as cociñas vividas nas derradeiras décadas... novos materiais, novas formas, quedando o pote como fonda lembranza etnoarqueolóxica, e arredor del palabras que pasan aos arquivos e ao museo da memoria: burro, angarela, gramalleira, feluche...

Co nome de "pote" podemos referirnos tamén, máis que ao continente, ao seu contido, ao pote gastronómico, ao cocido cargado de canto poida dar o despece do porco, lacóns, touciño, xamóns, unllas, orellas, fociño, rabo... chourizos, androlla... con cachelos ou mesmo con castañas, fabas, grelos, chícharos e iso si, a migalla de unto que lle da o toque especial navegando por riba desa tona espesa que remove o cazo pra logo verter na cunca... "Alegría alegrote baila o rabo do porco no pote", dicían os raparigos. "Pote" que se entende semellante ao cocido, o mesmo manxar que o Domingo de Corredoiro e dende 1969, se agasalla e se celebra en festa no Lalín, nesa Romea recreada por Laxeiro, paraíso de tantos outros magos e artistas, como Festa do Cocido. Álvaro Cunqueiro magister máximus nos asuntos da cociña cristián de occidente, puntualiza que "non hai tal pote galego como prato. Pote é onde se coce a carne, e non co contido. Dise, chafando: puxéronnos unha pota de carne, ou fixemos unha potada de caldo". En Galicia non hai equívoco co pote e o caldo e coa carne de porco que se bota nel en días maiores, pro fora si...". Pese a esta aclaración, na linguaxe común foi prendendo o do "pote galego", como variado, farturento xantar e beberaxe comunal. Mesmo a sabelotodo da condesa de Pardo Bazán, moi na base destas cuestións, nas primeiras páxinas do tomo da súa Cocina Española Moderna, referíndose ás tradicións gastronómicas que resisten batallas fronte ás innovacións, no apartado referido aos caldos e ás sopas, aos "pucheros", "cazuelas", "marmitas", "escudillas" e ás "ollas podridas", inclúe o apartado referido á variedade dos "potes" e entre eles o "pote gallego" e di a señorona, como non, "Es todavía la comida de los aldeanos de Galicia. Son sus elementos berzas, habas y patatas, deduciendose que el labrador gallego es vegetariano (por fuerza) y no le va mal con serlo, desde el punto de vista del vigor. En la tierra no se llama pote, sino caldo a este manjar".

E si a boca do pote falara canto máis tería que contar, queixarse tamén, do seu esquecemento, á intemperie, si acaso cuns xeranios prendidos asomando na súa boca, á beira da canceira do chalé, da camelia e da mesa de pedra mostrando sobre a súa pel de ferro negro as cicatrices das súas feridas, de festas, miserias e batallas...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook