Se é cousa túa, si; se é cousa miña, non. É curioso este señor, refírome a Pablo Echenique. El que é un defensor acérrimo dos traballadores e traballadoras ven de ser condenado por infrinxir, precisamente, o Estatuto dos Traballadores, incumprir as obrigas coa Seguridade Social e pagar con diñeiro negro a un traballador que, ao mesmo tempo, estaba cobrando o paro. Abraiante, o secretario de Organización de Podemos considera que todas estas circunstancias non chocan co código ético do partido e que, non contempla, por tanto, ningún tipo de dimisión. É moi difícil defender a posición de Echenique. Nun momento tan delicado para o partido dos círculos, a súa postura máis ben é de circo. Pero dun paiaso sen graza. Errejón colleu por outra estrada e deixou a candidatura para a Comunidade Autónoma de Madrid feita unha desfeita. Pablo Espinar, marcha sen remedio; Mayoral anda choromicando polas esquinas e Pablo Iglesias ve como a súa Igrexa vense abaixo. Bescansa non está, Luis Alegre tampouco, Espinar fuxido e Errejón a coquetear co PSOE. Ademais, a casa inmensa de Pablo e Irene non axuda. Parte da finca forma parte dun parque natural. Hai anos que os ecoloxistas da zona protestaron por esas edificacións. Tamén é curioso que cando se decataron de quen era o ocupante cesasen as protestas. O dito, se é cousa túa, si; se é cousa miña, non. Podemos, por outra banda, anda moi dividido polas Españas, na maioría das comunidades autónomas ten problemas. A cinco anos da súa fulgurante irrupción na política, demóstrase que os cargos non tiñan a suficiente formación e que foron aprendendo a medida que ían entrando nas institucións. É un grave erro. Aos parlamentos hai que ir sabidos. Non son experimentos de aprendizaxe senón lugares onde se aplican con cabeciña os programas que antes se teñen defendido. Veremos como responden nos seguintes embites electorais. Vox frótase as mans e o PSOE tamén, aínda que con máis disimulo. Cando menos, unha parte do Partido Socialista. Non sabemos se ese xesto é moi intelixente dado como está a esquerda estatal nestes días. O que quedou claro é que Echenique ten unha vara de medir moi ambigua, como de plastilina, cando se trata de varearse a si mesmo.