O mércores este pasado fun ao acto inaugural do Foro Agenda 2030, A Coruña hacia una comunidad sostenible, que organizaba Radio Coruña. Fun máis por educación que por expectativas de escoitar algo interesante, porque xa se sabe que os actos inaugurais son máis un canto á forma que ao fondo. Pero quedei, e penso que non soamente eu, máis que sorprendido. Un dos participantes era o presidente de Portugal Inovaçao Social, Filipe Almeida, organismo do que descoñecía absolutamente todo e que situara mentalmente nese ámbito de "sociedades estatais/autonómicas con obxectivos temáticos que en realidade non saben moi ben en que gastar os fondos".

Tamén estaba equivocado, e van dúas. Unha mostra máis do pouco que sabemos do que está pasando en Portugal, por moito que estea máis a man que outras realidades sobre as que opinamos mañá e tarde.

Portugal Inovaçao Social (non lle poño as siglas, que queda mal), dedícase a promover as iniciativas innovadoras que teñen fins sociais, sexan crear emprego, ou atender dependentes. Pero non polo método habitual, de subministrar fondos, e logo como moito, dar unha rolda de prensa para presentar uns resultados. No programa de Capacitação para o Investimento Social, un dos catro que teñen, o que financian son plans estratéxicos, sexan de organización de marketing, de deseño da propia estrutura, e dicir, pagan -a traballo feito, validado, e cun máximo de 50.000 euros- a preparación, xestión ou planificación que normalmente unha ONG, ou unha asociación non se pode permitir. Outro programa o que impulsa, cun 70% de investimento, sempre que haxa un 30% de achega privada, son as iniciativas que queiran acadar outro nivel (e que non dependan do socio privado). Os Títulos de Impacto Social (TIS) apoian proxectos innovadores para problemas sociais da competencia da política pública, que son financiados por completo se cumpren os obxectivos fixados, e se non corren a cargo dos promotores (empresas, fundacións...). O Fundo para a Inovaçao Social o que fai é servir de garante ante as entidades de crédito, ou de socio capitalista en proxectos.

Explicado así, todo moi árido. Pero os proxectos van desde dedicar un millón de euros a experiencias de revitalización dos 19 municipios afectados polos lumes de 2017 á creación dunha compañía de ópera de reclusos (Pavillón Mozart, si, delincuentes que cantan por primeira vez), pasando polas Aldeas Pedagógicas: os últimos habitantes dun lugar ensinan as técnicas que xa só saben eles a xente nova, transmitindo eses saberes e promovendo o turismo cara o sitio. En xeral, todos os proxectos, ou iso entendín, precisan que unha empresa ou institución se implique, e habitualmente páganse a traballo feito ou avaliado. Imaxino que haberá picaresca, e cousas inútiles, como en todas partes. Pero pareceume outro mundo en comparación con aquela campaña de Internet en el rural, que consistía en buses que ían polo campo vendendo as vantaxes das novas tecnoloxías. Subían a uns patróns, e poñíanos a fedellar co rato, mentres os fillos e os netos estaban máis que fartos de coñecer os tales adiantos, e de usalos nas casas, nas explotacións gandeiras e agrarias, se non fose porque o que fallaban -e seguen fallando- eran as conexións. Pero sempre foi máis barato, e de resultado máis inmediato facer campañas que pagar infraestruturas. Polo menos en Portugal bótanlle imaxinación.