02 de marzo de 2019
02.03.2019
La Opinión de A Coruña
Si home si

O Entroido é cousa seria

02.03.2019 | 00:15
O Entroido é cousa seria

Escoitei por aí que non sei que asociación relacionada coa enfermería pediu -tampouco sei a quen, supoño que así, en xeral- a retirada ou que non se usen eses disfraces de enfermeira sexy que venden en todas as grandes superficies comerciais, empezando polos chinos. Non creo que a protesta dea resultado, e non soamente pola falta de concreción no destinatario, senón porque deberían tamén protestar as asociacións policiais (tamén hai disfraces de policía sexy), as ordes relixiosas ( monxas sexy) e unha chea de profesións e actividades máis. E tamén quizais porque haberá quen argumente que o problema non é que haxa versións sexy de profesionais mulleres, senón por que non as hai de homes ( mariñeiro sexy, bombeiro sexy). A contestación da industria sería posiblemente -caso de que contestasen- que uns teñen demanda e outros non. Contestación falaz, porque moitas veces non se sabe se hai demanda ata que hai oferta, e porque a principal razón contra eses e outros disfraces é que o Carnaval/Entroido facíase como protesta e motivo de esbardalle, e non para poñerse modelitos (non sei se en Venecia, pero aquí non). Ademais de que un entroideiro ou entroideira de verdade nunca poñerían un traxe comprado.

Dos vídeos que máis lembro cando por internet comezaron a circular pezas maxistrais pensadas para o medio era un arxentino dunha nai á que lle chegaba o neno de clase dicindo que ao día seguinte tiña que ir ao colexio disfrazo de castor. A boa da muller nin sabía como era un castor, máis aló de que eran peludos e cuns dentes enormes e saíntes. Mentres o neno durmía, ela pasou a noite buscando teas, cosendo, recortando, ata que no abrir do día o disfrace estivo listo. Levaba no asento de atrás do coche ao pequeno ao colexio, vestido convincentemente de castor, cando o neno comeza a cantar: "A Belén, castores...". Eu solidarízome por completo con esa nai, e reivindico ese momento da procura de materiais e elementos e posterior confección do disfrace e dos complementos necesarios, ben en solitario e para cada un ou para os cativos, ou de forma colectiva. Recordo a elaboración dun gorro de Merlín, bastante conseguida, e a dunha espada, non tanto.

Por esa razón, para evitar a estereotipación dos disfraces e estimular a creatividade en todo o proceso, desde a idea ata a produción final, creo que ademais do martes de carnaval como festivo oficial, deberíase declarar o luns como non laborable, para así, sumado ese día ao fin de semana, ter un tempiño para dedicar a ese nobre labor de pensamento e elaboración de disfraces. Se, para evitar a picaresca, fai falta xustificalo logo coa presentación do resultado final, e dunha fotografías acreditando o making off do proceso, por xustifícase. Esta medida, sen ser suficiente, si sería unha axuda nos aspectos inmateriais (conservar o espírito do Entroido, estimular a imaxinación da cidadanía ao tempo que as súas habilidades manuais), senón nos materiais (dinamización de sectores máis diversos que os das grandes superficies: ferreterías, droguerías, mercerías, menaxe do fogar). Por suposto, tamén se convalidaría o horario destinado a poñerse de choqueiro. Pode parecer fácil e que calquera trapallada serve, pero todos sabemos que para ser un choqueiro redondo non chega co buzo e unha perruca fucsia. Un choqueiro de verdade debe ter o aspecto de alguén que empezou a disfracerse dunha cousa e no medio trasacordou e acabou disfrazándose de outra, ou mellor de quen se escorna a escuras contra un tendal cheo de roupa de todo tamaño e condición.

A ver se agora que estamos en precampaña electoral alguén fai propias estas medidas, porque o Carnaval é cousa moi seria.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook