Hai quen se sorprende de que un xulgado de instrución de Madrid lle dea a razón á familia Franco sobre a propiedade dunhas estatuas procedentes da Catedral de Santiago, non porque poidan acreditar a súa compra legal, senón porque levan 20 anos no seu poder. Non sei por que: desde que morreu o patrón, a familia practicamente ganou todos os xuízos, incluídos aqueles „truco se o vello levantase a cabeza„ contra as forzas de seguridade.

Por exemplo, o "nietísimo", Francisco Franco Martínez-Bordiú, aka Francis Franco, ao que lle deron a volta os apelidos para que se chamara como o avó. Non conservou a vocación militar (primeiro quixo ser enxeñeiro agrónomo e logo médico, sen acabar sendo nin o un nin o outro), pero si o gusto polas armas. En 1977 foi condenado a un mes y medio de arresto e á retirada da licencia de armas de caza durante dos anos ao ser sorprendido como cazador furtivo. No verán de 2009, na estación de tren de Zaragoza, perdía o AVE a Madrid e pasou a barreira de seguridade e púxose a petar na porta dun vagón. Tivo que intervir unha vixiante de seguridade e despois os seus compañeiros (os dela) ata que viñeron uns axentes da Policía Nacional. Francis Franco foi acusado de agresión e insultos xenófobos (a vixiante era arxentina), pero finalmente quen foi condenada „a pagar unha multa de 60 euros„ foi ela.

O último trasacordo do Franco pequeno cos uniformes foi en abril de 2012. Nacional 234, provincia de Teruel, 07.00 da mañá. Unha parella da garda civil dá o alto a un vehículo que circula coas luces apagadas e en sentido contrario. O condutor non fai caso omiso e acelera. A garda civil persígueo 30 kilómetros e acábao collendo nunha pista no cu do mundo. Un dos ocupantes apunta cunha escopeta aos gardas, e o condutor dá a volta, embiste o coche patrulla, ferindo a un axente, e sae a escape. O coche apareceu abandonado cinco horas despois. Estaba a nome dunha empresa de Francisco Franco III, o fillo de Francis. Non se denunciara o seu roubo. No xuízo, celebrado no tempo récord de seis anos despois nun xulgado do penal de Teruel, unha testemuña declarou que recollera a FF aquela mañá no sitio onde abandonaran o coche, e o rastreo do seu móbil situábao no día e no lugar do suceso, polo que o neto de Franco foi condenado a 30 meses de prisión por dous delitos, un de atentado á autoridade e outro contra a seguridade viaria, e ao pago dunha indemnización de 1.500 ? ao garda lesionado e de 2.720 á Dirección Xeral de Tráfico pola desfeita no coche patrulla. A fiscalía pedía seis anos de cárcere e 26.500 euros de multa. O acompañante, un traballador romanés da finca de FF en Teruel, quedou absolto.

Non obstante, a Audiencia de Teruel, un ano despois, quítalle a razón ao xulgado, e absolve a Francisco Franco II, apreciando as declaracións de varios amigos seus de que aquel día volvera da finca a Madrid para realizar unhas xestións. O tribunal asegura que a identificación visual dos gardas civís, a pesar de non presentar contradicións, non é concluínte, e polo tanto "no se practicó prueba de cargo suficiente como para desvirtuar la presunción de inocencia". Un sempre se alegra da vitoria do estado de dereito, aínda cunha sentencia tan moderada como 30 meses por apuntar cunha escopeta a un garda civil. Se en vez de ser de madrugada nunha carretera perdida de Teruel chega a ser no medio dunha manifestación no centro dunha capital, seguro que a petición non baixaba de dez anos.