A principios da semana pasada, este periódico publicaba un informe que aseguraba que o 56% da rapazada tiña actitudes sexistas. Maioritariamente homes, pero tamén mulleres. O estudio, o I Informe Jóvenes y Género. La (in)consciencia de equidad de la población joven en España, de Federación de Ayuda contra la Drogadicción (FAD), o Banco Santander e Telefónica, distribúe as actitudes en tres tipoloxías. Unha, as conscientes e equitativas, aquelas que manteñen unha consideración menos estereotipada sobre os roles e as capacidades de homes e mulleres, son conscientes da existencia de desigualdades e aposta pola súa corrección. Constitúen o 44% das persoas enquistadas, e nelas a maioría son rapazas, case o 65%. A segunda tipoloxía é a dos que teñen actitudes tradicionais e sexistas, é dicir, que pensan máis ou menos como seus pais, e son o 39% da mostra (con maioría de homes, o 62%, como era de prever). A terceira é a dos negacionistas e conservadores, os que pensan como os avós. Son o 17% e o 65% son homes, algo normal (xa non me parece tanto que o 35% restante sexan rapazas e que vexan normal que as ameacen se deixan ao mozo, que lles controlen o móbil...).

Non me casa isto coa repercusión que tivo a convocatoria, tres días despois, do 8-M tanto na Coruña como nos arredores, é dicir, en España toda. Aquí, como puideron comprobar quen asistiu, non foron os de sempre, e participou moita xente, de moi diverso tipo e distintas idades. O que agora se chama un fenómeno transversal. Como se conxuga isto co informe de marras? Ou só se manifestaron os dese 44% de xente empática coa igualdade, ou hai moitos que se manifestan só porque teñen un acusado sentido do acto social, e son incapaces de deixar de asistir a calquera cousa que vai estar en boca de todos. A conclusión é que, por moito éxito que tivera a mobilización do 8-M, queda moito que facer en sectores que parecía que non.

Algo parecido pasa con esa medida que lle atribúen a Pablo Casado sobre nenos, adopción e inmigrantes, ou como titulou o diario „non precisamente progresista„ que sacou a noticia, Blindaje a las sin papeles que den hijos en adopción. Casado primeiro botoulle a culpa aos periodistas, así en xeral, e logo o PP matizou o alcance exacto da proposta: "En la actualidad, cuando una mujer en situación irregular da a su bebé en adopción, esos datos podrían utilizarse para iniciar el expediente de expulsión. Evidentemente este sistema causa graves inconvenientes para la madre que ya ha decidido dar a su hijo en adopción". O asunto parece ser logo, que as mulleres que queiran dar nenos en adopción queden anonimizadas. "Así se evitará que aparezcan recién nacidos en contenedores", aseguran. Paréceme ben esa preocupación, e non sei se hai por aí moitas nais nesa situación (o último neno que lembro que aparecera na Coruña nesas circunstancias, a nai era moi de aquí). O que non se evitará é que, rematados os trámites de adopción, expulsen as nais. E por outra parte, a lei actual xa prohibe expulsar embarazadas, vaian quedar co neno ou cedelo.

Así que, polo que parece, efectivamente entendemos mal. Non os periodistas, toda a xente. Desculpas pola parte que me toca, como periodista e como xente, señor Casado. Pero o peor é que todos pensamos que era perfectamente posible que o propuxera, non xa os periodistas ou a xente „que xa se sabe como somos„, senón no seu propio partido, onde de entrada confirmaran que si, que era unha medida. Aí tamén, nese campo, no de non dicir barbaridades e de que non llas atribúan, ten o PP moito que traballar.