Cada Terra ou lugar ten o seu tempo, os seus días, e uns e outros devalando entre si, isto é a crear matices e sensacións para quen saiba enxergalos. E para iso está a cultura para catalos e darlle novas dimensións ás cousas. Algo a aprender para logo resolver problemas. E velaí eses fios do tear da cultura: as tradicións, a creatividade e a investigación e por suposto as relacións, ferramentas que nos axudaran a distinguir e valorar artefactos, persoas ou pobos que entregan o seu aporte á cultura universal. Unhas cousas quedan, outras pérdense e será por que serven ou non serven, mesmo tamén por que se esquecen ante tanta dose e adición propagandística e consumista, mesmo tamén se esperpentizan pola aculturación, isto é pola incidencia doutros comportamentos? E diso, arredor de feismos que non soamente son arquitectónicos, senón tamén xeitos de comportamento ou castrapos, poderiamos falar moito? efectos con causa, a crise de identidade.

Pois nada mellor para recuperar forzas e identidade nun mundo que acelera a uniformidade que aproveitar esta primavera, alterada en grados climatolóxicos, para seguir unha ruta temática, aínda deixando nos mesmos camiños argumentos de todo tipo histórico, os que en Galiza non faltan. Refírome á "Ruta da Camelia", a mesma que desestacionaliza esa teima xa rutineira a concentrar toda iniciativa no rigor do verán. O devandito itinerario ten o seu tempo na metade do inverno e cando abre a primavera e a súa mellor cerna nas terras pontevedresas do Salnés, entre pazos e emparrados de viños albariño ou de espadeiro. Por algo terra de escritores e de escultores.

Compre facer parada e deixar algo do noso tempo no Pazo de Rubiáns, parroquia de Santa María, case na entrada de Vilagarcía pola estrada que ven de Caldas de Reis, paralela a antigos camiños. Aquí a palabra "excelencia", a que tanto enche grandilocuentes discursos, faise máis que realidade, entra polos sentidos, provoca emocións, ilusións e mesmo nos envolve nese pano de maxia indescritible que caracteriza Galiza, quizais pola súa carga de Historia, contos, cantos, labiríntica, barroca, de contrastes, de luces e sombras...

Visita que paga a pena, mesmo pra coñecer o esforzo na súa xestión dende a praxe da sostibilidade: predio aberto ao aproveitamento integral dun recurso histórico e cultural e polo tanto turístico. A posta en escena, comeza pola mesma marca, que aquí será unha efémera camelia, pois presúmese das máis fermosas camelias do mundo e propáganse en concursos, encontros arredor desa ciencia que ben se pode chamar camelioloxía. Rubiáns compite a nivel internacional entre varias sociedades dedicadas ao estudo e cultivo da camelia. O biólogo don Antonio Odriozola dixo, fixo e escribiu moito ao respecto, seguindo a tradición de Cruz Gallasteguí, a camelia forma parte da cultura galega.

Alégranos sentir, máis que "ver", iniciativas como a de Rubiáns, referente, na liña de madurez de moitas desas casonas que honran á Provenza ou a Toscana e ofrecen a quen as visita a súa beleza e con ela os seus produtos.

Pódese sintetizar o noso encontro cunha visita guiada polo interior do pazo, polos xardíns, hortas, viñedos... que dura a redor de dúas horas, con degustación final de viños nas súas adegas. Espazos que tamén se ofrecen para celebracións especiais, onde a marca de Galiza queda ben patente.

A historia deste pazo pérdese no tempo, a arqueoloxía no futuro falará de novos achados en terra ben situada, estratéxica, rica en augas e axeitada ao cultivo esencialmente da vide? apropiada para unha vila romana daqueles que serían descendentes do castro de Alóbriga, os que ao cabo do tempo, cos señores de Rubiáns darían tamén orixe a Vilagarcía de Arousa. Temos datos de Rubiáns xa do ano 912, dos tempos de Ordoño II que outorga estas terras ao abade bieito Guto de San Martín Pinario en Compostela, despois, na metade do século XII, xa se menta Rubiáns como torre que vai recibindo e ampliando feudos na contorna... Tanto así que o nome de Vilagarcía darallo o señor de Rubiáns García de Caamaño de Mendoza, fidalgo de liñaxe, de armas tomar, dos que acompañaron en vangarda aos Reis Católicos na conquista de Granada, litigante co Mosteiro de San Martiño Pinario... Casa, en tempos de Carlos I moi beneficiada. Señor casado con Constanza Sánchez de Bendaña, filla do rexedor de Noia e sobriña de Diego de Muros, base dunha prolífica familia que, dentro das costumes fidalgas vai emparentando cos Soutomaior e con outras poderosas casas galegas. O xenealoxista Eduardo Pardo de Guevara Valdés, ten estudado a García Caamaño de Mendoza, casa á que no 1761, Carlos III, concédelle o titulo de "Grandes de España"? Rubiáns é o único señorío de Galiza e un dos tres recoñecidos oficialmente en España.

Rubiáns é pazo en simbiose coa paisaxe, 68 hectáreas de finca, repartidos en parque, bosque, viñedos... O arco de entrada mostra a unha e outra banda dous medallóns renacentistas cos rostros dos señores de García Caamaño e a lenda "Caamaño avante coa cruz adiante", paráfrase que resume as ansias imperiais baixo o lábaro da cruz. Dende a entrada mandan no terreo as variedades de magnóleas e as camelias, os rododendros, as azaleas e os sebes de buxo... a veces organizados en xardín xeométrico, ao estilo francés e outras con certo "anyway", ao estilo inglés. Sabemos que na metade do século XIX foi o xardineiro francés Martín Dorgambide quen os planificou. Moda que coincide con intervencións de xardineiros franceses noutros xardíns de pazos galegos. Inspirador pazo, propicio a escribir e contar, onde o aire se impregna de recendos en cada estación do ano e o sol devala en sombras e matices.

"Casa Forte" erguida sobre chanzos, como xardíns colgantes, solemne, a que, aínda sendo obra do século XVIII, responde a unha traza cartesiana, francesa, contida en liñas, sen dar concesión á tendencia galega ao barroco... Con sinxela escalinata a unha e outra banda, sen balaustres, na parte máis baixa coas esculturas de dúas quimeras en mármore branco, eses monstros con corpo de león e cabeza de muller? no derradeiro chanzo que abre ás escaleiras a cada banda ofrece as pequenas esculturas dun "putti" recostado sobre unha rocalla barroca? como detendo esa tendencia? Edificio sobrio, onde as reestras de xanelas marcan ritmo coa súa carpintería reticulada en vidros antigos, deses que aínda fan augas e permiten un xogo de luces? fachada propicia a acoller fantasmas entre cortinas.

Conforme se mira, á dereita, o pazo ten unha pequena capela, como pedindo permiso pra ser e acoller, ao carón do altar e no chan, as campas funerarias dos señores marqueses de dona Dores de Urcola, viúva de Aranda. Ermida presidida polo retablo barroco coa escena dos desposorios da Virxe no centro, á esquerda a Anunciación e na dereita a Visitación. Conxunto sen máis enmarque que unhas sinxelas "placas" superpostas que poñen procedencia no Barroco Compostelán. Retablo que unicamente da protagonismo ao representado, trabalado nun estilo que recorda a escultura do imaxineiro Castro Canseco.

Interior do Pazo ben coidado, con mobiliario fundamentalmente do século XIX, con esa variedade de épocas, estilos e procedencias que en orixe caracterizaba aos pazos galegos, proba dunha cultura nacida dos camiños. Alfombras da Real fábrica, pratería abundante, lámpadas holandesas, cadros con bodegóns e flores... No coidado vese hoxe a man e a preocupación continuadora da súa derradeira e actual señora, dona Paloma Rey Fernández-La Torre, familia ben coñecida en Galiza.

A camelia está omnipresente, aínda que traída de Asía, da China, especialmente a través dos navegantes portugueses é xa flor de Galiza... e do Minho portugués, sementada no que poido ser o século XVII, cando o xesuíta Georg Josephus Kamel embarcado nun galeón español da noticia delas, pra quedarlle na súa honra o nome de Camelia. Exótica flor que lle outorga casta, rango e misterio ao pazo. Si ben as camelias, igual que as magnolias do Pazo de Rubiáns, sábese que foi no 1830 cando se plantan, regalo dos duques de Caminha... Cen anos despois será dona Dores de Urcola quen retome o tema da camelia e en varios concursos internacionais reciba os primeiros premios. Á vista están as variedades de camelias, entre as que son resultado de novos experimentos, espectaculares... tema nunca acaba. As árbores de alcanfor... laranxas, limoeiros, eucaliptos de gran porte, dos maiores de Galiza, en fin 800 especies diferentes.

As fontes, o cruceiro, o hórreo... paseo guiado que segue polos viñedos, entre emparrados enxebres do Salnés. Pra rematar a visita nas adegas, degustando e brindando cos seus viños, coñecendo os produtos sacados da camelia, mesmo aceite para cosméticos... Rubiáns deixa marca e tras dela unha longa, florida e continuada historia.