Aínda acabamos de saír do inverno e nin estreamos abril, e xa inauguramos a temporada de grandes incendios cun de máis de 1.000 hectáreas no Barbanza. Queda tamén inaugurada a tempada dos grandes debates sobre os porqués, a estrutura da propiedade agraria, o abandono do campo e a industria forestal e madeireira. As grandes análises sociolóxicas, as enormes xeremiadas contra incendiarios desalmados e contra a lamentable idiosincrasia que caracteriza o mundo rural, que ignora o tesouro que ten, como se os urbanitas coidasen a cidade e as rúas nas que habitan con primor e delicadeza.

Xa sabemos que a casuística dos incendios forestais é moi diversa e ampla, e que se pode resumir en que o monte -alto, raso ou arborado- arde fundamentalmente porque lle prenden lume. E os incendios prodúcense porque o lume atopa moito materia combustible. O incendio de Rianxo-Dodro é moi interesante porque nel quedou despexada unha incógnita, a da orixe do lume, e permite centrarnos na outra, na de por que ardeu tanto. É dicir, do lume do Barbanza non se lle pode botar a culpa a un veciño vingativo, ou que quería deixar os marcos ao descuberto, nin a quen quería ter pasto no inverno, nin a un tolo que lle gusta ver o lume, nin sequera a esa man oculta do mercado que usa o lume para incidir na oferta e na demanda de madeira ou de terreo onde plantar.

O incendio queimou máis de mil hectáreas, ameazou varios lugares poboados e illou outros orixinouse polo máis parecido á cólera dos deuses antigos que temos na actualidade: unha descarga eléctrica, ou un chispa, non de Zeus ou Xúpiter senón dunha torreta de alta tensión. Ninguén tivo a culpa, e de tela, supoño que sería de imprudencia, ou de neglixencia, e non houbo ánimo incendiario ningún. Non necesitamos a ninguén que odie a Galicia, ou queira destruír o futuro nas novas xeracións para desencadear unha catástrofe. Nin sequera necesitamos que se produzan unhas temperaturas excesivamente altas ou uns ventos inusualmente activos. Soamente fai falta unha política forestal irresponsable, unha normativa xa de por si laxa e que ademais non se aplica, feita en beneficio dunha empresa-refuxio de ex ministros e ex conselleiros de Medio Ambiente (e tamén, todo hai que dicilo, de propietarios absentistas). Unha administración que lle bota a culpa a quen constrúe casas a carón das árbores, como se fosen as casas as que se movesen e non os eucaliptos os que avanzan invadindo todo.

Alguén pode dicir que quizais estea sacando conclusións precipitadas, que non foi a chispa, senón outra causa. Pode que si. Que o prendera un pirómano, un pastor, un veciño, un hater de Galicia. Pero ningún experto di que esa orixe casual da torreta Zeus-Xúpiter sexa imposible. É dicir, xa nin necesitamos incendiarios nin pirómanos para que arda o país, casas e propiedades incluídas, e en ocasións xente. Soamente irresponsables -por dicir algo- nos despachos.