Creo que foi Mark Twain quen dixo que se cruzaramos un home cun gato, melloraría o home, pero empeoraría o gato. Pois cruzando un cronista político cun xornalista deportivo „dito sexa con perdón dos presentes„ melloraría o que fai deportes, pero empeoraría o que analiza a actualidade política. Non é que se estean cruzando „máis alá do que a proximidade das redaccións e a química que determina os namoramentos determina„ pero xa hai mestizaxes. Por exemplo, na teima das frases feitas, metáforas e perífrases, necesarias na narración deportiva, mais non tanto na política, onde se van introducindo. A última moda, a conta das estimacións electorais, é a da "España vacía".

Iso de "vacía", sexa España (Estremadura, grande parte das dúas Castelas, de Aragón...) ou Galicia (Lugo e Ourense) explica de entrada porque están así, despoboadas. Revela a idea que se ten desde fóra (desde onde se elabora o pensamento actual, sexan as televisións ou os partidos políticos) do problema e mesmo dos seus posibles remedios. Porque parece que eses territorios teñen unha grao de desertización demográfica similar a zonas de Suecia ou das Highlands escocesas, con mellor clima, porque a xente lle deu por irse do campo porque non había cines nin cafeterías, e aburríanse de non ver pasar xente. Como se e a falta de servizos e a destrución do seu tecido produtivo non tivese algo que ver.

Case peor é a mentalidade dos que dan as solucións. A campaña aquela da Xunta „supoño que pagada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rural„ que animaba a "ruralizarse" nunha aldea idílica, sen eucaliptos que poidan facer un cerco de lume arredor da túa casa, e se coches. A ver, a que urbanita se lle ocorre que se pode vivir sen coches nunha aldea? Saben dalgunha que teña transporte público? O mesmo que Pablo Casado, que propuxo o liberalizar o terreo nas zonas rurais para loitar contra a despoboación. "Hay zonas en las que tenemos cuatro casas y la ley del suelo impide hacer más, u obliga a hacer un adosado, prohibiendo que se construya una piscina o una tapia para que los niños jueguen. Vamos a flexibilizar estas cuestiones de licencias para permitir que se construyan más inmuebles en zonas rurales", dixo. Home, non sei por aí fóra, pero aquí os nenos no campo teñen sitio e sitio para xogar, caso de que houbese nenos. O problema non é que a xente non teña casas, senón que as casas non teñen xente. O problema que describe o candidato do PP parece máis ben o de quen quere construír unha urbanización no medio do monte, para despois venderlle os pisos a quen non está nunca, pero cando está quere ter todos os servizos. Non son só uns políticos. Un ilustre profesor universitario reflexionaba na tribuna dun xornal sobre o asunto e concluía que non se pode pretender que haxa un Corte Inglés en cada lugar, pero Amazon pode servir libros en calquera sitio. O problema de onde saen os cartos para mercalos se non hai librerías ou outros comercios locais onde ganalos, non o mencionaba.

España recibiu no sexenio 2014-2020 uns 20.000 millóns de euros de fondos estruturais e de cohesión da UE, dos que uns 2.000 viñeron a Galicia. Que fixeron as administracións española e galega con eles? Supoño que cousas útiles. E outras como campañas de publicidade de vaite para aldea, que non hai eucaliptos como os que axudamos a plantar nin coches que non vas necesitar gracias ao transporte público que se foi eliminando. Nos próximos anos, os fondos europeos de desenvolvemento rural de seguro que se incrementan. Estou ansioso por ver a campaña.