Non sei que sairá do que vostedes, e o electorado en xeral, reflexionen hoxe. Se é que teñen algo que reflexionar. Eu confésolles que o necesito máis ca nunca. É pavero que cantas máis opcións hai para escoller, máis difícil é facelo. Seguro que ata a xente de dereitas bota de menos os vellos bos tempos nos que a única dúbida era ir votar ilusionados ou un chisco cabreados. Debe ser unha consecuencia da libre competencia. E desde logo, quen estivese confuso e quixo aclararse vendo os debates, debeu quedar como estaba.

Julio Anguita fixera famoso o mantra “programa-programa-programa”, en demanda de que o importante á hora de optar por nunha opción política era o que propoñía, non se o líder era máis ou menos simpático ou de bo ver. Rajoy acabou definitivamente coa crenza no do programa, facendo no goberno non só o contrario do que dicía que ía facer cando era opositor, que calquera se equivoca nun discurso, senón o contrario mesmo do que esixía en campañas publicitarias. Pero, en fin, unha cousa é sacralizar os programas electorais (creo que máis importante que ter un gran programa é ter un programa realizable e/ou a capacidade de levalo a cabo), e outra o que vimos, ou vin, tanto nos debates dos líderes dos partidos estatais, como nos titulares que deron ao longo da campaña.

Do que escoitei, a conclusión que saco é que o líder do PSOE e candidato á reelección na presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, non concita a simpatía dos líderes das dereitas, Pablo Casado e Albert Rivera. Mesmo que lles cae moi mal, e por iso lle chaman de batasuno (o epíteto actualizado debería de ser bilduino, ou algo así, pero non queda tan contundente) para arriba. Tampouco lle teñen demasiado aprecio profesional, na súa faceta como presidente do goberno (aínda que non deixa de ter o seu mérito conseguir en nove meses ser o peor presidente de España, segundo lle achacan). Ben, supoño que para facer amigos están os bares e non a loita política, pero ademais das súas opinións persoais contrarias e algunha atribución de delito en grado de tentativa (romper España) eu non escoitei ningunha proposta de pódese facer isto ou aquilo para os problemas que hai: paro, empregos que é como non telos, desigualdade, cambio de modelo produtivo. Un momento, non estou sendo xusto. Pablo Casado anunciou que baixaría os impostos, sen detallar canto e a quen, e suprimiría algúns. Esa medida tamén serviría para loitar contra o paro, porque ao parecer os empresarios non contratan a alguén cando o necesitan e poden, senón cando lle sobra o diñeiro. Tamén Rivera dixo o de baixar os impostos, porque onde mellor están os cartos é no peto de cada quen, e non nos do Estado, declaración coa que todos estamos de acordo, por moi demagóxica que sexa, quitado cando tes que ir a un hospital, pedir seguridade policial na rúa, mandar un neno ao colexio, etc. Tamén propuxo -outra vez- o contrato único, que en realidade é o contrato que empeora as condicións dos que xa o teñen e regula os novos, se os hai. En todo caso, non deixa de ser discutible.

Curiosamente, ou non, quen citou os problemas reais foi o candidato á reelección, Pedro Sánchez, que é quen se viu na tesitura de enfrontalos, aínda que fose nove meses, e quen fixo propostas foi Pablo Iglesias, que o que ten menos posibilidades de levalas a cabo. Pero, en resumo, a conclusión que saquei é como se os de Gran Hermano ou Sálvame discutisen de pe e vestidos con traxe. Ata botei de menos a Jorge Javier Vázquez.