28 de abril de 2019
28.04.2019
La Opinión de A Coruña
o labirinto do alquimista

Punxín: do San Vintila a Alberto Cortez

28.04.2019 | 00:54
Alberto Cortez.

Soará estraño este epígrafe e explicarémonos. Punxín é un deses novos e pequenos concellos, nacido no 1870 ao escindirse do de Maside, limítrofe cos de San Amaro, Maside, Amoeiro e Cenlle. Terra chantada na bocarribeira ourensán da banda dereita do Miño, a que abre ao ribeiro ao Babantiño. Río que é o seu eixo fundamental, o que despois dun atractivo recorrido entre fervenzas, a espesura dun bosque e veigas propicias a Merlín, verte aquí augas no Miño. Beirado de mananciais e pozas de augas termais. Terra farturenta en bo e cotizado viño, onde noutrora tamén o río era máis rico nesas anguías que caracterizaron o prato típico xunto cos pementos, asuntos do que dan conta e sona os mesóns que tamén bordean a estrada. No pasado zona de paso entre unha e outra banda do Miño por medio das dornas de dornas, esas balsas que transportaban carros, gandos, culeiros de uvas, bocois de viño... En moi boa parte hortas asolagadas dende o 1970 pola presa do encoro de Castrelo e ao que non se da a esquecemento. Paisaxes ben coñecidas, queridas e referenciadas na sabia e barroca literatura de Otero Pedrayo, que en Trasalba, sobre Punxín asenta casa patrucial, parroquia esta xa do veciño concello de Amoeiro, miradouro do devandito "Ribeiro do Barbantiño", presidido por esoutro pico sacro que ben enxerga o paso do Miño, o Monte de San Trocado. Altar coroado por humilde ermida cristianizando o que sería santuario pagán, seguro que dedicado a Xúpiter a xulgar polos epígrafes aparecidos na zona. Área de minas antigas e máis modernas de volframio, mesmo con vestixios do Paleolítico, inmediatas ao castro de San Ciprián das Lás, como dicían os clásicos da arqueoloxía galega e os textos medievais "das Lás". Inmenso e ben defendido castro, coñecido entre os máis vellos do popular como a "Cidade de de Antioquía". Civitas, quizais a "Lansbrica" da Antiguidade, situada xeoestratexicamente, controlando un amplo panorama: ao poñente o Coto de Novelle que sinala o paso á Bracarense pola serra do Xerez, os Montes do Suido e da Pena Corneira... ao norte a Serra da Martiñá e a Lucense, no oriente Ourense, as siluetas do Monte de San Mamede e Manzaneda, polo que ían e viñan as vías cara a Astúrica... os Picos de Allariz... Castro dende o que se enxerga canto significa o río Miño, como fío condutor que artella o país. Terras de Punxín coñecidas no medievo como Castela, polos moitos castelos que coroaban os seus montes, quizais tamén polas agrupacións de pedra, de penedas coñecidas como "castelos" ou por tantos castros e castelos que houbo, como o de Formigueiros, cos vestixios desa pedra decorada con motivos "célticos", orla de entrelazos baixo a que se ve unha ringleira de cabalos... Terra de petróglifos, paraíso arqueolóxico. O arqueólogo Ladislao Castro, natural destas terras puidera abondar sobre o tema. Terra na que no medievo señoreda polos Condes de Ribadavía, os Sarmiento, como proban os igrexarios de Vilamoure, Vilela, Ourantes ou Freáns, onde o Barroco recobre os templos e pode sobre as artes anteriores. Terra pois de pazos como o mesmo de Punxín ou o do Souto de Freas e a igrexa parroquial de trazas románicas, reformada no século XVII, a que garda o sartego do San Vintila, quizais provinte de Xermania e de casta fidalga segundo a tradición, que aquí asentou polo tempo do convulso século IX, cando manda o terror de islámicos e normandos, cando como vacina non cabe outra que afervoar coas reliquias do apóstolo Santiago. Compren entón misioneiros, "santiños", "homes santos" que dicían os paisanos, logo ensombrecidos e perdidos na historia por outros santos, como o San Antonio que segue as mesmas tradicións panteístas, que cultivaba o San Vintila, e das que facía misión cristianizando vellos cultos nesas abas do Castro de San Ciprián de Lás. O Padre Florez e a tradición contan que vivía nunha cova, que abría fontes... que ensinaba as artes da domesticación de animais, da gandería e da veterinaria, o cultivo e a vitivinicultura, a falar, escribir, a construír, a curar... Santo celebrado o domingo de Pascua, como tantos outros lugares de cultos pagáns. Vintila pasa a ser deses santiños aos que o coengo don Cesáreo Gil Atrio, axiógrafo, dicía se "escriben con minúscula", os que non foron, nin son recoñecidos por Roma e que en honor aos seus milagres deberan representarse cun animaliño, como o San Froilán co Lobo ou o San Mamede co cervo. Pois na tradición dise que o San Vintila é padroeiro dos animais, que domesticaba bois pra xunguilos aos carros... os devotos ofrécenlle espigas de millo ao santo lembrando a súa misión de sabio labrego e gandeiro. Santo con venerado sartego, con epígrafe que da conta do seu pasamento , tema que preocupou a Angel del Castillo así como a don Manuel Chamoso Lamas. Polos anos sesenta o escultor Camilo Nogueira fixo o cruceiro da igrexa de Punxín e no capitel lembra os milagres do santiño Vintila. Xentes das terras de Punxín seguiron tradicións de curandeirismo, con sona de meigas, como as lembradas da veciña aldea de Rañestres.

A pesares de tanta riqueza natural, ao longo do século XX estas terras desangráronse en emigración ás américas, a Bos Aires especialmente, e despois do encoro de Castrelos rumbo a Europa... E este é o tema que nos trae aquí para recordar a Manolo, "El abuelo" de Punxín, emigrante homenaxeado por un dos grandes cantoautores da historia, Alberto Cortez. E así en cada recital a súa bonhomía agradecida lembraba ao seu avó e a aquela súa terra de Punxín. Cortez non sabía pronunciar o xis galego e dicía "Punllín"... A canción de El Abuelo resume unha de tantas historias da emigración galega... e velaí que o neto cumprindo o desexo dos seus... visitou "Punllín", recibírono como fillo ilustre, homenaxeárono, dedicáronlle placa e rúa... bombas de palenque e festa.

... El abuelo un día,

cuando era muy viejo,

allende Galicia.

Me tomó la mano

y yo me di cuenta

que ya se moría.

Y entonces me dijo,

con muy pocas fuerzas

y con menos prisa,

"prométeme, hijo,

que a la vieja aldea

irás algún día,

y al viento del norte

dirás que su amigo,

a una nueva tierra

le entregó la vida..."

Alberto Cortez, naceu na Pampa un 11 de marzo do 1940, finou en Móstoles nos inicios desta primavera, o 4 de abril do 2019. Entre un cabo e outro da súa vida de viaxeiro, buscábase a si mesmo e como un novo bardo contaba e cantaba penas, amores. Poeta, cantoautor, trobeiro desas soidades que está no adn galego. Panteísmo e franciscanismo, o mesmo que está no Martín Fierro, con algo de fado e mesmo de tango en ritmos e sons propios, envoltos en néboas de enigmas, na maxia do que pasa e do que queda eternamente: Velaí e eternas cancións e musicas: "En un rincón del alma" "No soy de aquí, ni soy de allá", "las palmeras", "Cuando un amigo se va", "Castillos en el Aire"... Colega, amigo, mestre e aprendiz de Facundo Cabral, de Maria Dolores Pradera, de Mercedes Sosa... e esas valiosos regalos da autoría de Cortez, musicadas por il e que populariza Joan Manuel Serrat, como as "Nanas de la cebolla", imperecedoiros versos de Miguel Hernández, como de Antonio Machado "Retrato" y "Las moscas". Serrat, como tantos e mais os de Punxín sentimos a despedida do amigo que se vai. Iso si queda a máxica e labiríntica aura, a mesma que deixou o seu paisano Vintila e o seu avó, xente galega e de camiño.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook