Este é o título dunha exposición sobre aspectos da creatividade en cestería, cerámica e xoiería en Galiza e que dende o 12 de abril ao 8 de setembro do 2019 se mostra no Museo do Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Posta en escena do feito a man pra enxergar, isto é pra sentir. Tema necesario, como canto implican as artesanías, aínda que de esta palabra „tan usada polo franquismo nas súas mostras folclóricas e a través dos sindicatos verticais„ non se abusa aquí. Ben acaída exposición para un tempo de vertixinosos avances nas novas tecnoloxías e na industrialización, cando as formas se uniformizan na impersonalidade da copia seriada... Receitario con base tradicional pra unha florecente economía. Mostra que ten como materia prima os produtos naturais, que resume herdos que se perden no tempo, que buscan a utilidade sen perder o senso decorativo, tan lonxe dos feismos actuais, resultados da aculturación. Formas que nos remiten á Historia, á estética, a ética, á cultura dun pobo.

Actividade que abre portas a canto significan os artefactos (reparemos nesta verba), acudindo á rutina de saberes tradicionais, a roturas creativas tamén, sumando ás relacións co que se fai noutros pobos... Velaí pois os fíos do sempre inacabado tear da cultura. Sintético paseo a través do deseño e da creatividade a partir do pasado. Onde forma e fondo, isto é o contido e o continente se harmonizan baixo a carcasa deconstrutivista da Cidade da Cultura: presentación tramada dende ópticas do escaparatismo que non son alleas a esa parte da museoloxía que son as técnicas e ao discurso expositivo, sempre sometido a modas. Aquí a montaxe artíllase dentro da mesma mensaxe expositiva, dende un enfoque artesanal e artístico... e velaí tecido o eterno debate entre artesanía e arte, tema no que teimaba a Díaz Pardo e Seoane arredor do que se facía nas industrias cerámicas de Sargadelos e do Castro.

Os que están nesta mostra, na teoría ou na praxe, non son todos os que son no mapa artesanal ou creativo, nin ten por que selo. Mesmo o discurso expositivo puidera ser outros entre as infindas formulas. O que se trata é abrir portas a un forte potencial cultural e económico, introducir ao saber facer deses milmañas da olería, da cestería e da xoiería. Sistemas de produción entre os que poderiamos cuadricular o triangulo expositivo incluíndo o tear, pois as catro habilidades artesanais teñen algo en común: os xogos xeométricos resultantes de trenzar fíos, xuncos, vimbios, cortizas de madeira, aramios...e resultar un cesto ou unha tela... secuencia rítmica que pasa a configurarse como "adorno" na superficie dos cacharros cerámicos: paralelas, zigzags, cordados... velaí tamén na filigrana da ourivería. Xeometrías que, dalgún xeito, tamén se traspasan a outras artesanías, da pedra, da carpintería, do ferro... herdo que en arqueoloxía chámase "esqueuomorfo" (do grego esqueu= pasar, transmitir/ morfe= forma/ isto é transmisión das formas, recordos xa sen uso, como algo ornamental). Matemática de liñas que tamén se mostra na natureza: nas follas das plantas, na pel do corpo humano, no cabelo.... propenso a trenzalo... tema que se leva a orlas, a enmarques, común na tradición "céltica" que abonda e identifica a Arte Galega.

O deseño do montaxe expositivo é produto do mesmo Servizo Técnico da Fundación Cidade da Cultura, intervención realizada dende principios artesanais-artísticos: catro cúpulas artilladas en material orgánico, destacando as sete lámpadas, como o mítico número sete (sostibilidade, transparencia, equidade, cultura, ecoloxía, identidade e innovación) idea da arquitecta madrileña Izaskum Chinchilla. Tramas de cestería que coutan o espazo realizadas pola empresa murciana Cartonlife, contando coa intervención do cesteiro Enrique Taboas, do oleiro de Buño O Rulo e co mobiliario da autoría da cesteira contemporánea Idoia Cuesta. Execución que sirve ademais como máster interactivo.

A comisaria de Pensar coas mans é Verónica Santos, unha historiadora da Arte experimentada a pé de obra e de canto fenómeno creador acontece en Galiza, como poucos formada nesa parte da museoloxía que é exposición. Mostra arrodeada de actividades coa ansia sacar releve a un sector económico vinculado a canto supón o turismo: o souvenir, a vaixela, a moda... Recorrido que inevitablemente nos remite ao mérito, á constancia e bo facer do Museo do Pobo Galego, referente, semente agromada do Seminario de Estudos Galegos.

Onde se pon de releve que o feito a man en Galiza está na vangarda, motor que tira por este sistema de produción, non so no Estado Español, senón en pobos de Europa. A nova artesanía galega está presente en feiras, en catálogos, en libros, en revistas como a de Artesán, onde a Asociación Galega de Artesáns e a figura, constancia e saber de Manolo Gonzalez, tanto teñen e seguen aportando, seguido dunha serie de marcas e de deseñadores.

Como orixe de tanta orixinalidade non faltan nos museos galegos as mostras dos oficios artesanais extinguidos ou "en perigo de desaparecer", aquí móstrase a continuidade anovada a partires da re-creación. Dende sempre a arte tradicional foi punto de partida e fonte de inspiración deica confundirse cunha Arte sen máis apelidos e que ás veces disgregamos en "culta": nos esquezamos que "da arte dos canteiros naceu o Pórtico da Gloria"

Mostra que se enceta e se enreda cun folión multicolor de novas formas, que nos mete na deconstrución de formas cerámicas, cesteiras, da xoiería e a bixutería de hoxe... contemporaneidade, orixinalidade que radica nas orixes, tal cal atopamos no decurso expositivo: dende hoxe regresando a formas da prehistoria para retornar ao hoxe. Mostra que, unha vez máis deixa en evidencia que a cultura galega é propia de encrucillada, aberta.

Non creemos en que a arte popular sexa anónima, como sempre se dixo, xa que polo seu bo facer xa se distinguen as obras e os seus autores. Algo irrecoñecible hoxe entre os novos conceptos de marketing. O mundo dos artesáns era o do mercado das feiras, herdeiros do foro romano, encontro onde se vendían olas, amboas, cántaros, xerras, cuncas feitas polos oleiros ou oleiras desaparecidas de Portomourisco, Lañoa, Batán, Samos, Mondoñedo, ou os que resisten como herdeiros en Niñodaguia, Buño, Gundivós, Bonxe, Meder... entre diferentes tipos de cestos, gueipos, patelas, culeiros e molidas pra soportalos ao lombo... con tantos aportes etnoarqueolóxicos. Os de antes en contraste cos creadores de hoxe, entre os que faltan moitos, artesáns, mesmo creadores de moi boa sona e sentimos non nomealos por ser tantos e bos, moitos deles xa vencellados a marcas internacionais.

Mostra con cesións do Museo do Pobo Galego, do Museo de Lugo, este cunha interesante colección de ourivería tradicional galega, a que ben merecería saír dos seus fondos de reserva pra pasar a ser exposición permanente. Colaborando ademais o Centro de Artesanía de Vigo , o Museo Liste, o da Terra de Melide, o Forno do Forte de Buño, as coleccións de García Alen, de Fernando Vilanova... as das escolas de Arte e Superior de Deseño. Coleccións que nos fan pensar nas non menos importantes que non están representadas nesta ocasión.

Exposición con catálogo a ritmo coa exposición, tramado igualmente con esa harmonía integral de forma e fondo, coa dignidade que merecen as tradicións artesanais e que mesmo tinxe de bo facer aos responsables, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura, colaboradores, asesores, comisariado, algo de agradecer, pois somos o que facemos e como o presentamos.