18 de mayo de 2019
18.05.2019
La Opinión de A Coruña

Liberdade para escoller

18.05.2019 | 18:57
Liberdade para escoller

Pasou o Día (das Letras) e pasou a romaría. As institucións descansan, e moitos seres humanos cargados de boas intencións tamén. Xa festexamos a cousa. É certo que as letras galegas teñen unha mala saúde de ferro. Os nosos creadores seguen a ser recoñecidos fóra, e incluso aquí. Claro que o libro, o sistema editorial, vai como vai, pero vaille como ao resto das industrias, quitado Inditex, Estrella e pouco máis. Se non se aposta por sectores estratéxicos, como podía ser o cultural, seguiremos tendo os resultados que estamos tendo. É o galego, ese que o Estatuto define como o idioma propio de Galicia, o que anda como anda. Nenos que non saben dicir as nomes das cores (das cores básicas, as que todos sabemos en inglés) ou adolescentes que xa foron "educados en galego" (que tiveron materias nese idioma) e son incapaces de manter unha conversa máis alá do primeiro intercambio de cortesía.

A estas alturas haberá alguén que saca o seguro da pistola da liberdade: "cada uno que hable lo que quiera". Efectivamente, pero para escoller hai que ter opcións nas que elixir. Podes escoller entre ser analfabeto ou non selo (de feito, hai xente orgullosa de ser monolingüe) da mesma forma que podes optar por ter dúas orellas ou unha, pero non entre ser alto e ser baixo. Se só sabes un idioma non podes escoller falar nese e non noutro. E un dos obxectivos da educación obrigatoria e ter un dominio funcional dos dous idiomas oficiais.

Por experiencia propia, sei que a falta de habilidade en falar nun idioma que escoitas habitualmente —e iso vale hoxe en día tanto para o galego como para o inglés— é un problema de práctica, ou de necesidade. E como se considera que non hai necesidade, mais ben ao contrario, de saber falar galego, pois bótase man do de "a mí no me lo hablaban en casa" (como di o amigo Craig Patterson, que como o seu nome indica, é de fóra, "a min tampouco e ben que o sei"). No IES María Casares de Oleiros, por exemplo, de 600 alumnos, ningún falaba habitualmente galego (aínda que seguramente na casa de algún usaríano). Así que ao encargado de normalización, Nel Vidal, ocorréuselle facer unha campaña, pero non as de sempre. Primeiro houbo varias desas de mosqueo: posits e avións de papel coa mensaxe "Atréveste? #48h" e "Desafío #48h". Cando todos falaban do asunto, os alumnos promotores foron polas aulas buscando compañeiros que se animasen ao reto: usar o galego 48 horas, con dous niveis. ProGalego, falalo só no IES, e ProGalegoPlus, dentro e fóra. Había que asinar un contrato de "compromiso lingüístico". Como contou Nel no seu twitter, agardaban asinar 20, ou como moito 50 "contratos". Houbo colas e asinaron 200, un de cada tres alumnos, e a gran maioría, o formato ProGalegoPlus.

Non sei que resultado daría, e se algún dos 200 pasará a falar galego habitualmente. O que si creo é que despois de usalo con compañeiros dous días porque lles petou, e non só cos profesores, moitos comprobarían que maior esforzo non é usalo, senón romper a utilizalo, e que non se escorda a lingua, nin che tiran pedras (ben, polo menos non na maioría dos sitios), e mesmo algunha xente che pon boa cara. E logo é cando podes escoller que idioma usas, total, parcialmente, segundo con quen, ou ter días.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook