Xa estamos reflexionando outra vez. Nesta ocasión para ver a quen colocamos, ou mais ben a quen axudamos a colocar nos concellos, e a ver a quen mandamos para Europa para que se preocupe polo noso, ou iso é o que deberían facer, aínda que algúns volven como foron, coa folla de servizos en branco inmaculado. Parece ser que nas pasadas xerais houbo moita xente que decidiu o seu voto a última hora, nesas 24 horas que son como a calma que precede á tempestade, ou, nos westerns, como ese silencio repentino que se produce antes de que ataquen os indios. Non sei que uso -electoral- lle dan vostedes a estas vésperas de calma, pero eu, polo que recordo, sempre pasei as xornadas de reflexión esperando que rematara dunha vez, a xornada e o proceso electoral. E cando me asaltaron dúbidas foi practicamente camiño do colexio electoral.

A xornada de reflexión ten mala prensa, pero non a debía ter peor que outros usos, costumes e normas do proceso electoral. Por exemplo, o de que as votacións se realicen en domingo. Non sempre foi así, e supoño que a medida se tomou para que as empresas non tivesen que pagar as horas ás que os traballadores tiñan dereito a coller para achegarse ás urnas. Ou tamén -perdoen a teima, sempre o digo- o de poder imprimir, enviar e dar en man papeletas, que o único que serve é para encarecer o proceso para o Estado, discriminar os partidos pequenos, facilitar a manipulación do voto e que o censo electoral anda en mans non sempre de fiar, con perdón.

As eleccións de mañá teñen unha considerable vantaxe desde o punto de vista democrático sobre as outras. Permiten, en certa forma, palpar o xénero. Coñeces, sobre todo en ámbitos pequenos, a quen se postula, aínda que en moitas ocasións, ser descoñecidos foi moito mellor para eles, como a experiencia demostra e noutras non se coñeceu quen realmente eran ata que xa estaban elixidos. E tamén podes valorar, con bastante máis precisión, os acertos e carencias dos que optan a ser reelixidos. Pola contra, cada vez máis, escoller candidatos para circunscricións máis amplas, como os representantes en Cortes, é como mercar eses produtos plastificados que non podes tocar nin cheirar, guiándote unicamente polo prestixio da marca, pola preferencia que lle teñas, ou por hábito. No caso dos eurodeputados, a verdade e con moi contadas excepcións, vótalos coas mesmas garantías e coñecemento real do produto que se os comprases en AliExpress.

As eleccións locais supoñen, a maiores, unha maior dose de formación democrática. Quero dicir que as consecuencias de ter escollido entre A, B ou C vense de forma máis directa, a pé de rúa, nunca mellor dito. O filtro da ideoloxía, ou para ser máis exactos, da devoción partidaria é moito menor. Aquilo do que se estrañaba -retoricamente, claro- Alberto Moravia, de que curiosamente os votantes no se senten responsables dos fracasos do goberno que votaron é máis difícil de crer cando o que se votou foi un goberno local. Porque iso de que o pobo non se equivoca non é certo. Hai unha chea de casos que o demostran. O que pasa é que a cidadanía, a diferencia do que lle pasa a outras instancias, como a Igrexa, a banca ou o FMI, cando se equivoca, é ela a que paga as consecuencias.