A Capela é un concello da provincia da Coruña, chantado nos vellos e novos camiños que da Mariña suben e baixan á Chaira, isto é os que de Pontedeume levaban á Vilalba da Terra Cha e continuaban a Lugo. Situado entre montes, espesos bosques e sobresaíntes penedas dirección ás Pontes de García Rodríguez. Terras e vieiros que tanto saben dos andares do San Rosendo como do paso dos fidalgos e vasallos da casa de Andrade... Por aquí aínda semella escoitarse a corna dos cazadores medievais de besta e o aturuxo detrás do xabaril... E esa vocación de nacer dos camiños implica feira, dar servizo ao camiñante, ao arrieiro, ao gandeiro e labrego, ao que vai ou ven. Camiños pois propicios á parada e fonda, ao mesón de xantar enxebre.

Moito queda aínda por coñecer e dar a coñecer como atractivo ou recurso turístico e mesmo hai quen o fai, como parte da cultura, mesmo en concellos como este da Capela, o que ao cabo do tempo e polas novas estradas quedou como apartado, escondidos entre tradicións, arqueoloxías, historias e bosques propios pra un Merlín, onde dar renda solta á fantasía entre penedas con formas estrañas e que recibiron cultos pagáns... ruínas de casonas, torres, curros de gando... A serra do Forgoselo e os montes de Fontardión lindando as bisbarras do Ferrol e as do Eume. Territorio rico en arroios recen nacidos, o Velelle, o Neda e sobre todo o Eume, fluír que serviu de guieiro a antigos e medievais camiños, furando entre sombrías fragas, río ao que van regueiros como o Rebardille ou Porqueiro ou o Amarela. Coas freguesías de suxestivo topónimo como Bermui, Faeira, Goente, Cabalar, Capela, Espiñaredo, Eume, Riba do Eume, Seixo, e o San Boulo de Cabeiro, arciprestado de Bezoucos xa nomeado no Parrochiale suevum. Con celebradas ermidas en honra de santos camiñantes como o San Roque ou o culto romano á Virxe das Neves cristianizando a que foi Pena Maior, co tempo fendida.

A Capela foi terra de carboeiros, de canteiras, de agricultores, gandeiros e tamén de moitos emigrantes. Riqueza acuífera do Eume explotada de xeito precursor no 1902 no lugar de Ventureira pola Eléctrica Coruñesa, seguida da minicentral do Parrote. Riqueza aumentada a partires do 1955 coas obras do encoro do Eume, dirixidas polo enxeñeiro coruñés Luciano Yordi de Carricarte, entón coa novidosa bóveda de dobre curvatura. Lección pioneira en canto supón a enerxía hidráulica e que por outra parte supuxo o empobrecemento da pesca e das pesqueiras, perda da lamprea, anguías, angulas... como ben sabían os frades dos mosteiros.

Historia de camiños polos que a tradición conta que pasou o San Rosendo e que aquí fixo fundación, parada, fonda e misión sobre o outeiro e farallón de Caaveiro, erguido sobre o Eume. Algo que compre contar como a lenda do anel do santo lanzado por el ás augas do Eume e logo por el atopado entre as espiñas dun peixe fritido... presaxio pra deixar Caaveiro rumbo a Celanova. Así é que a xoia do Concello da Capela é o mosteiro e as reliquias da que foi colexiata e mosteiro bieito e logo agostiño de San Xoán de Caaveiro, o que merece tomo aparte por esa longa historia que se perde nos tempos da cristianización, con esplendor no século X, nos tempos do San Rosendo deica chegar ás intervencións da contemporaneidade. Atractivo e misterioso lugar, onde se entrelaza o cósmico e o histórico, o que non pasou desapercibido aos creadores de todo tempo.

Pero o que nos trae a este contexto é quen e o qué o pon en valor, a iniciativa exemplar e que non caeu en saco roto do mestre Secundino García Mera... quen coa colaboración de canto supuxo o seu colexio, cun traballo de formiga, formou e organizou unha importante colección etnográfica en relación coa historia labrega da Capela. Da exposición nos corredores e nas aulas buscou e atopou espazos que foron cedidos polo arcebispado compostelán na parroquia de Santiago da Capela, lugar de Pazo... Nome de "Pazo" que poida remitirnos a un antigo "palatio", "palatus": recinto de paus que couta e protexe propiedades que dan casta e rango. Lugar, museo, escola a través dos obxectos expostos e dende o que facer sementeira etnográfica. Velaí xa a "rede" de iniciativas interacciondas no etnográfico e con rutas que nos meten na paisaxe e na acción da paisanaxe ao longo do tempo. O devandito é a cerna da cultura tradicional galega nun area con fondas raiceiras que veñen da prehistoria e chegan a unha contemporaneidade industrial e multinacional. Pois pra meternos no mundo labrego velaquí o Museo Etnográfico da Casa do Pazo e logo seguir polo Parque Etnográfico do Sesín e a Escola de Guitriz.

Tomen nota as administracións das ideas nacidas de xeito espontáneo do pobo para o pobo, as que agroman da necesidade de ser pra logo presentarse aos visitantes: saber de onde vimos pra reconducir camiños cara onde imos, mostrar a orixinalidade das orixes.

Daquelas coleccións formadas dende 1981, froito de experiencias pedagóxicas dunha Mostra do Libro Galego, organizada por mestres e escolares do Colexio de Educación Infantil e Primaria Mosteiro de Caaveiro das Neves, foi nacendo unha colección estable e con ela a Asociación Padroado do Museo Etnográfico da Capela, inaugurado no 2006.

Museo acollido na devandita Casa do Pazo, a carón da Igrexa parroquial de Santiago da Capela, antiga casa reitoral, cesión do arcebispado compostelán mediante un convenio asinado no 2003. Atinado contrato, pois ao fin e ao cabo nunha misa bendícese o pan e o viño, "froitos da terra e do traballo"... e desas cousas é do que se trata na casa-museo: a casa como unidade de produción e consumo propio. Casa sobranceira nun entorno natural do que aproveita os seus recursos, lameiros, eidos, hortas, congostras.... conxunto coutado polo valado, cos seus anexos, hórreo, combarrizo, palleiro, cortes... Recorrido museístico que se inicia pola cociña, lareira, co seu forno, paredes que gardan cantos e contos, onde se tece a cultura, madura, onde tamén o idioma e as verbas se asocian cos artefactos e o traballo, entre, gramalleiras, potes, ferralas, sellas, artesas, escanos, huchas... mobiliario intelixente feito pra servir. Sigue a visita pasando polos cuartos nos que se mostran os vellos oficios: o liño, a la e o tear, a costura, o zapateiro, zoqueiro, o ferreiro, o canteiro, o latoeiro, o leñador...

Idea e obra animada por Secundino Gacia, un referente que segue man á obra de algo sempre inacabado, a sementar sensibilidade, pedagóxica coa que saber valorar a historia da cultura galega, os artefactos, aprender a recollelos, seleccionalos, estudalos, sabelos expoñer... e o tempo agradecera cada vez máis esa lección. A mesma que predicaban dende o Seminario de Estudos Galegos, Risco, Cuevillas, Xocas, Fraguas... maxisterio vivo.

Neste conxunto o Parque Etnográfico do Sesín serve de ecomuseo, mostra viva de fórmulas de produción ancestral no agro: o millo, a pataca, a gandaría, rozas, apicultura, muíños, as ferraxerías...

Namentres que a Escola de Guitriz, outro topónimo de raiceiras xermánicas, lévanos ao mundo do ensino no pasado: os pupitres, os mapas, as lousas pra escribir, as enciclopedias... E sobre todo o fondo valor documental da fotografía.

Espazos pra entender, aprender a protexer, a amar as orixes nas que radica a orixinalidade.