A primeira vez que vin a Xulio foi no acto da Ribeira do Cómaro, aquel 22 de xullo de 2014. Daquel acto lembro a conmovedora disertación de Manolo Rivas sobre os alicerces rebeldes da cidade e a súa apelación a "unha marea solidaria de milleiros de dornas". 37.000 nas eleccións de 2015. Grazas a Consuelo Bautista puiden seguir nun programa especial de Radio Coruña a toma de posesión de Xulio desde María Pita e sentín unha emoción grande ao ouvir os nomes dos amigos Luísa Villalta ou Lois Pereiro.

Nestes anos, e sen pertencer ao seu círculo máis íntimo, tiven o privilexio de partillar co alcalde Ferreiro moitos momentos, algúns tensos e complexos, outros calmos e amigábeis. Crin coñecer á persoa que precede ao político. Un tipo normal pero dotado dunha indiscutida capacidade de liderado, capaz de ler o contexto político e entregado con alta responsabilidade e demostrada competencia a unha das maxistraduras máis fermosas e relevantes da política galega: a alcaldía herculina.

Xulio é no seu espazo político e humano unha persoa querida e respectada. Cando viñan mal dadas era o primeiro en non botar leña ao lume e sempre exerceu como unha persoa cordial e próxima. Con sentidiño cascarilleiro. Ás veces tomando decisións nada doadas. Capaz coa súa presenza de elevar a categoría de actos e espazos aos que non soen acudir os alcaldes coruñeses.

Tivemos a sorte de coñecer e tratar a varios alcaldes da cidade. Para moitos de nós, Xulio será durante moito tempo o alcalde co que soñamos. Non é este o momento de facer balance da súa xestión, cos seus erros e cos seus acertos, nin de avaliar os motivos da derrota da súa formación política que conservou 25.000 electores.

A política son tamén emocións. O son da buguina de Manolo en 2015. Tantas cousas que ficarán no corazón e na memoria de moitas persoas. Nas últimas décadas temos lido e ouvido gabanzas dos alcaldes que o precederon. Seica facían obras máis faraónicas. Seica vestían gravatas de seda máis elegantes. Seica practicaban a política con máis vistosa enerxía. Nós facemos o eloxio de Xulio, un político que asume responsabilidades, que marcha coas mesmas mans limpas coas que chegou e que presidiu un goberno de maneira imprevisíbel sen o visto bo dos poderes de verdade.

Case nada do que fixo foi recoñecido e foi vítima dun relato tan simplificador coma inexacto que se pode repetir noutras cidades galegas e na Cochabamba boliviana. Gobernou insolitamente en minoría nun contexto moi difícil. Con moi poucos apoios. Non me estrañaría que algún día se lle recoñecesen os seus méritos como a Domingos Merino.

Ogallá a vida lle regale a Xulio unha recompensa á súa bonhomía, ao seu nulo sectarismo, ao xenio con que dirixiu plenos moi alterados. A esa emoción que o identifica como un ser normal, un profesor da UDC e un fiel seareiro do Dépor. Ese alcalde que algúns e algunhas sempre quixemos ter. E tivemos. Que deu o mellor de si pola cidade. Grazas por todo, grazas por tanto, alcalde!