Algúns aínda seguen a bater teimudos no mantra de que "a cultura nin vende nin da votos". Son os que non teñen cultura, os incultos entón, os que aínda non saben que a cultura ou tamén a incultura é o que distingue aos países e aos paisanos do mundo, o que os seres humanos cultivamos de xeito especial pra ser no universo. Algo máis que teorías, feitos, pero tamén pegadas do pasado: arqueoloxía, etnoloxía, reliquias. Recursos "produtos" culturais que estudan e pregoan en congresos os axentes turísticos... logo, á hora da verdade, pechados, abandonos... namentres campa e dana a ollada ese efecto con causa na aculturación, o feismo, o esperpento, a degradación en forma e fondo. Namentres e como paradoxo non falta aparato cultural a anestesiar a verdadeira cultura, comezando polas concellerías, as delegacións territoriais coas súas comisións de Patrimonio, consellerías e direccións xerais apelidadas "de cultura". O artigo 46 da Constitución responsabiliza aos poderes públicos da salvagarda do Patrimonio Cultural dos pobos... e a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, 5/ 2016 de 4 de maio, no seu capítulo 1 da as Normas xenéricas de protección e entre tanta norma, no seu Capítulo 3, no artigo 91 clarifica cales son os "bens que integran o patrimonio etnolóxico", elemental a saber pra quen ocupa unha concellería.

E para exemplarizar facemos parada e comentario en Padrón, antepórtico de Compostela, con tanto recurso patrimonial arredor de canto significa o mito e a Historia, cara á que abre os primeiros camiños que seguen o Ulla e o Sar, e iso atrae e enriquece.

Antes de ser Padrón, no que foi Iría estivo o foro dos Cáporos, porto abrindo á ría de Arousa, encrucillada e mansión, parada e fonda á beira das vías: a "per loca marítima", as militares vía XIX e a XX do Itinerario Antonino, variante esta que ía de Iria a Sobado e a Lucus. Entre elas Iría foi civitas privilexiada a finais do século I, en tempo de Vespasiano e de seguido pola súa dinastía Flavia, distinguida como Iria Flavia. Arredor do ano 500 con basílica, das primeiras e máis prestixiosa sedes episcopais de Hispania, determinante no tempo suevo, visigodo e alto medieval, cando se estribilla o mito da translatio e a tumba do apóstolo, a Raíña Lupa por medio, o monte Libredón... até que no 1095 o obispado pasa a Compostela... Pero aínda máis.

Territorio onde se pon en evidencia esa secuencia que leva á formación de grupos de casta e rango, o feudalismo, con continuidade sobre Iría no Castelo de Rocha Branca, destruído a finais do século XV coas revoltas irmandiñas... mosteiros como Herbón, pazos, como o de Arreten... Por algo en todo tempo terra inspiradora de escritores , no medievo Macias, Rodríguez de la Cámara, na contemporaneidade Rosalía, Murguía, Cela... Nicasio Pajares entre as mellores tarxeta de presentación. Pero hai quen non o sabe aínda. Recursos sometidos ao tempo, a plans urbanísticos, á acción individual e oficial, mesmo dos que cifran o progreso na destrución das orixes. Exemplos dese desequilibrio abondan. A pesares tamén de que moitos monumentos de Padrón teñen a súa protección e con eles o seu contorno, mesmo unha importante area declarada como Paraje Pintoresco (Decreto 326071977 1 nov.)

Vaiamos ao asunto: fai días soubemos que Patrimonio estuda as medidas para reparar o Pazo de Arreten, nunca é tarde, e ben que lle compre amañar as falcatruadas que se deixaron facer. Pois agora unha sentencia firme do tribunal Superior de Xusticia de Galicia obriga aos propietarios a repoñer a legalidade e condenados a un ano de prisión por danos no ben histórico con protección integral. Mesmo alí fixéronse obras pra rehabilitación subvencionadas e sen control xa nos 80, logo aumentadas e sen permiso no 1999. Dende o 2002 seguidas de catro amoestacións de paralización... E a boas horas búscase un consenso entre a Dirección de Patrimonio Cultural e o propietario.

Mentres que son os concellos, as administracións máis achegadas, as que deberan coñecer e velar polos seus recursos. Serodia e precursora determinación, cando os seguidores da Ruta Rosalián coñecían e denunciaban o lamentable estado dos míticos, etnográficos, históricos e literarios espazos de Arreten.... Pero non queda no Pazo a nosa ollada, deberase extender tamén a súa contorna, os despropósitos burocráticos e desfeitas sobre o terreo cultural provocados dende o 2010 pola variante da AP-9 a Padrón: a burla aos veciños, a destrución de carballeira, dos conxuntos de muíños, liño, arcas de fontes do lugar da Horta dos Cortizos.

Arretén é unha pequena e atractiva aldea de Padrón, ben chantada nas abas do Monte Meda, hoxe coroado por eólicos e antenas, casal liberado da experiencia das cheas ás que se sometía a parte baixa das ribeiras da confluencia do Sar e do Ulla. Núcleo antigo, refeito no XVIII sobre o que campa o devandito Pazo, solar do Castros, que foi da familia Perez Lugín, parte materna de Rosalía de Castro, propietarios tamén da Casa da Matanza, a carón da Estación do Ferrocarril, a que prestaban á familia Murguía Castro en pra afianzar raiceiras na Terra. Arretén é hoxe zona fortemente industrializadas, á que dan as costas esas naves e galpóns de traballo e almacéns que reclaman vías de acceso... e que mesmo puideran dialogar mellor con ese pasado que conserva as esencias orixinarias: casas, cruceiro, cabaceiros, hortas e un espazo singular o devandito da Horta das Cortizos e o do Sartego, pegado aos mesmos muros do Pazo ... Foi aquel un atractivo lugar: carballeira, hortas, fontes, captación de augas que nutriron a antiga Iria, eiras, construcións nas que atopar aspectos relativos á produción labrega galega. Espazos que noutras partes do mundo civilizado estarían a converterse en ecomuseo, isto é onde aínda se mostraría vivo o xeito antigo de produción: onde o muíño moe, onde os cortizos teñen abellas e se recolle o mel, onde se mostra a riqueza que significou e deu sona a Galiza, o seu liño, con canto supuxo a fía e o tear; o millo e as esfollas, a alimentación do gando... onde a auga, recollida en minas ou por sartegos seguiría a nutrir fontes, a correr polos comareiros, nas fontes ou se apoza en bebedoiros, lavadoiros...

Foi este atractivo locus amoenus, sedutor e inspirador lugar para unha Rosalía nena e moza, ao que sempre volveu cos seus, contado, cantado, pintado... lugar con espírito propio, co seu genius loci... E que nada parece importar ante a "prioridade das "variantes" de acceso a Padrón, cando, si se quere, hai esas solucións que vemos en países maduros, pero que parecen custosas pra manter uns muíños... A frialdade a administrativa argumenta o desinterese do lugar, depréciase a tradición, asóciase e publicítase en relación cun pasado inútil mcoa pobreza... encárganse informes que logo transpapélanse e gástanse sumas en trasladar, sen sentido e sen rigor algunha construcións de interese etnolóxico: muiño refeito noutro lugar, sen auga... cun coste de 178, 700 euros pra liquidar así o asunto "cultural", burlar aos propietarios e finalmente quedar o sitio como os vemos hoxe, entre as silvas... masacrado por unha cirurxía inexperta. Provocación , comezando polos que foron propietarios. Pero hai quen pode e persiste na denuncia, o empresario Andrés Quintá Cortiñas e faino por todos os camiños, reclama, solicita novos peritaxes, arqueolóxicos, etnográficos, recorre aos xulgados e atopa novamente coa insensibilidade: valorado o lugar da Horta dos Cortizos e o Sartego polo Xurado Provincial de Expropiacións forzosas en función da produción de eucaliptos, en 9,194,33 euros...Quizais no futuro, cando madure o sentido común, convirase doutro xeito.