Entre o 20 e o 22 do mes de xuño dáse no Hemisferio Norte o solsticio de verán. Dende o Neolítico celebrado acontecer, cando o ser humano comproba a incidencia dos astros na climatoloxía, nos animais, nas plantas e nel mesmo... orienta os monumento, celebra festa e tece os principios da relixión.

Sesenta días despois do domingo de Resurrección, nun deses luminosos xoves, o máis próximo ao solsticio de verán, a Igrexa Católica celebra o Corpus Christi. Si ben agora, en tempos máis laicos e polo almanaque laboral, trasládase a súa liturxia ao domingo seguinte. Manifestación pra afianzar a fe cristián arredor da Eucaristía e farase cun sedutor ritual sacro-profano. As tradicións non traizoan e perviven por ser necesaria chamada ao encontro . A Eucaristía será tratada como cosmogonía de pan, o escintilante e entrante sol do verán, raiolas que se fan petar nas cámaras funerarias do Megalitismo.

E para remitirnos ao pasado dos avós neste singular confín de devocións e de liturxias aos santiños, non temos outras que coller a Etnografía de don Vicente Risco, pousaremos neses capítulos que recomendaría nas escolas para coñecer un pasado inmediato que aceleradamente vai mudando e perdendo senso. Sábese que estas celebracións cristiáns remóntase ao medievo, á metade do século XIII, a partir da difusión do milagre Eucarístico da Bolsena italiana, semellante ao que acontece nunha misa do Cebreiro no século XV, cando o pan e o viño se converten en carne e sangue... e alí seguen a venerarse esas reliquias... Risco entende que a celebración que enxalzan a Eucaristía en Galiza non van máis atrás do século XVI ante as teimas relixiosas do emperador Felipe II. Festa e feira promovida por unha Igrexa que convidaba aos gremios a formar confrarías, motivo tamén pra aguilloar a lei da oferta e da demanda, a un tempo que se afianzan os poderes, as xerarquías eclesiásticas e a nobreza. E neste país propenso ás tribos farase rivalizando entre vilas e cidades, pra sacar a relucir na festa canto ofrece a tradición: arcas e alfombras florais, cabezudos, cocos e cocas, máscaradas do pasado, danzas e músicas gremiais, de bombos, paus, de espadas, entre cintas de cores e arcas florais... E Compostela, a "Gran aldea de Galiza" será modélico referente: saían á rúa oito xigantóns representando os camiño cara á tumba do Apóstolo.

Días nos que cada casa contribuía engalando os seus predios, os escenarios do recorrido da procesión: sobre os balcóns colchas exóticas, na noite anterior debuxábanse as rúas pra lo cubrilas a modo de alfombras florais con ramas, a "enramar" con moito e arrecendente, mouradas espadanas de estraloques, cinamomo... e a repartir pétalos e cores, mesmo complementado con area e serraduras tinxidas de cores. Armábanse nas encrucilaldas efémeros castelos de madeira, flores e papel, complementados no interior con pirotecnia que se acendía ao paso desa procesión. Luz, cor, músicas, cánticos, incenso e bombas de palenque, ao paso da comitiva. Engalanada e baixo palio a custodia, a veces sobranceiras xoias, obras de arte de ourives históricos, coidados obxectos litúrxicos dos que ben se gababa a parroquia ou a catedral... As vilas mariñeiras sempre foron leais a esta festa, en especial modélicas as portuguesas, como a Povoa do Varzín. Procesión nas que ademais saian, ben repartidas, todas as irmandades, erguidos ao vento os seus estandartes. Herdanza das tribos e que algunhas parroquias celosas das súas tradicións aínda conservan bandeiras e estandartes coas imaxes dos seus padróns bordados ou pintados. Comitiva na que non faltaban os particulares danzantes e figurantes, con ese bailes tan das vilas mariñeiras do norte, do Cantábrico tamén: eles vestidos de branco e con banda vermella, ao xeito pamplonica, danzando como buxainas, brazos erguidos, trenzando pasos e cintas, entrecruzando arcos florais, pasando baixo deles, tocando paus ou ao equilibrio con remos... Cariño, Fisterra, ensaio tras ensaio, festa tras festa, manteñen a tradición. As relacións mariñeiras entre portos fanse evidentes. Tamén se sacan a relucir os xigantes e cabezudos, mesmo amazonas ou pantasmas, como lembra Risco, verdadeiras obras de artesanía, imitando monarcas, persoeiros doutro tempo: as Cocas, eses monstros que a tradición di habitaba nas rías, nas lagoas ou nos pozos encantados dos ríos... confeccionados en tela e papeliños de cores, como os monstros das festas orientais, herdo das tarascas célticas, nos altares cristianizadas e representadas esmagadas por santos, como a imaxe do San Miguel, de Santa Marta, da Santa Margarida ou da mesma Raíña dos Anxos, sobre Leviatán, o diaño que é anxo traidor... Xeitos de educar a vencer os medos.

Redondela, vila mariñeira na baía de San Simón, compite con Ponteareas, a que dende o 2009 ten a súa declarada Festa de Interese Turístico Internacional, así presume de alfombras florais. Mentres que Rendodela ofrece unha antolóxica mostra do que dicimos, incorporando ademais a danza das penlas, documentada mesmo en Compostela, propia do gremio dos forneiros: mulleres adultas, vestidas de encaixe branco, chamadas "as burras" portan sobre os ombreiros a rapaciñas que cos brazos abertos ao ceo semellan anxos... e veña, a virar e virar.

Nos tempos do católico Felipe II os concellos obrigaban aos gremios a participar nas procesións e velaí ofrendas de gremios de prateiros, xastres, acibecheiros, zapateiros, canteiros, carpinteiros, armeiros, ferreiros... cada cal honrando a un santo, coa súa singular danza, entre elas unha de exóticos indios. Compre lembrar a Festa do Boi celebrada en Allariz e que conmemora o feito polo cristián Xoán de Arzúa, cando por burlarse do Corpus, arremeteu cun touro contra os incrédulos xudeus... Boi das Cordas que concorda con outras festividades como a celebrada na lusa Ponte da Lima. Expresión esta da forza brava da natureza, controlada, que tenta romper o orde civilizado arredor do culto solar feito Eucaristía... No medievo festas argalladas por mordomos e ramistas dos gremios con programa que se complementaba con autos sacramentais, representacións que aguilloaban a creatividade literaria e escenográfica. Sabemos que en Betanzos tramábanse vidas de santos e que saían un xeito de demos tentadores, os Gaimanchiños que, hai unhas décadas rescatou o cronista oficial, Xosé Raimundo Núñez Lendoiro. E non todo eran historias de santos e mantras relixiosos... a festa tiña tamén súa parte profana, non faltaban titiriteiros nen xogos, competicións, demostracións cabalares, touradas, herdos dos ritos do taurobolio xa documentados de xeito arqueolóxico dende a protohistoria. Manifestacións de tauromaquia que lle deron sona a vilas como Noia, Allariz ou Ribadavía...

Corpus das estreas de temporada, no que lucirse e asomarse ao balcón. Risco di que moitas carnavaladas, consideradas groseiras aínda que pintorescas foron desaparecendo dende a visión crítica, pedante dos curiosos impertinentes da Ilustración. Non cabe dúbida que todo o que tenta contra a vida vai desaparecendo. A celebración do Corpus vive entre a concentración de comuñón de nenos e procesión e Ourense fai do Corpus a súa festa maior.

No Principiño de Saint Exupéry, no diálogo entre o Principiño e o raposo conclúe que "os ritos son necesarios": "¿Qué é un rito? „preguntou o Principiño. „É algo demasiado esquecido „dixo o raposo„. É o que fai que que un día nos se pareza a outro día e que unha hora sexa diferente a outra. Entre os cazadores, por exemplo, hai un rito. Os xoves bailan coas mozas do pobo. Os xoves entón son días marabillosos nos que poido ir de paseo cara a viña. Si os cazadores no bailaran en día fixo, todos os días se parecerían e eu non tería vacacións".