Non estamos en contra da riqueza, estamos en contra da pobreza" con esta torpe demagoxia resumía a súa concepción da política económica o social liberalismo imperante na Europa dos felices noventa e primeira década do presente século.

O novo dogma proclamaba „fronte ao da socialdemocracia keynesiana da Posguerra„ que co simple crecemento económico abondaba para manter e mesmo ampliar o catálogo de servizos públicos cunha menor carga fiscal. O capital privado sobrante „ceibe por fin das torpes gadoupas do Estado„ volvería ao rego da economía aberta, reforzando así o círculo virtuoso de a máis crecemento, máis remesas procedentes dos impostos. En caso de recesión, ademais, sempre restaba o botón vermello do aumento da débeda pública. Un botón destinxido hoxe polo abuso.

Os riscos deste deseño a longo prazo son perceptibles a simple vista, pero a longo prazo, como sabedes, a única certeza é a da morte.

A crise de 2008 destruíu pola vía dos feitos a falacia socioliberal. Os estados atopáronse de súpeto sen recursos financeiros para afrontar o desbordamento da débeda pública derivado do rescate de certos sectores privados considerados estratéxicos, é dicir, a Banca. Tampouco dispuñan „cesión de soberanía entregada gustosamente aos burócratas dos Bundesbank„ dos instrumentos de política monetaria precisos para reducir o custe da débeda desvalorizando a divisa. Para rematar de completar o cadro do desastre, os xestores públicos ao mando non estaban dispostos en ningún caso a afrontar a débeda pola vía fiscal: desde o IBEX 35 mandan recado de xeito moi convincente.

E como os de arriba non estaban dispostos a pagar polo seu propio rescate, debían facelo os de abaixo: reforma exprés da Constitución vía artigo 135; Lei Montoro; Reforma Laboral do 2010; conxelación das pensións e desinvestimento camuflado na sanidade e na educación pública. Como muro de contención ante o previsible cabreo multitudinario: Lei Mordaza.

O VII Informe FOESSA de Cáritas publicado estes días describe con detalle clínico a paisaxe desoladora despois da batalla: 8,5 millóns de persoas en situación de exclusión social no conxunto do estado; 1,2 millóns máis que antes do comezo da crise. Na súa severa diagnose, as patoloxías máis recorrentes son a da exclusión dun mercado laboral hiperprecarizado, a degradación dos servizos públicos, a crise da vivenda ou a carencia de políticas públicas encamiñadas a enfrontar de xeito directo esta dinámica de exclusión social que produce, no seu corolario, un aumento do racismo.

Como era de prever, a sección galega do informe ofrece aínda máis motivos para alarma: Galicia encabeza a porcentaxe de poboación en situación de inseguridade, un 41,58% do total. Números que poñen de manifesto as nefastas consecuencias sociais das políticas de austeridade selectiva que levamos padecendo no noso País desde hai xa décadas.

Cáritas, nota aclaratoria, é unha entidade vencellada coa Igrexa Católica, non un think tank populista financiado de xeito clandestino polos petrodólares iranís ou venezolanos. O seu informe, dispoñible na Rede, non debera suscitar a sospeita

do lector avisado.