Dicía o eterno Chomsky aló pola metade dos felices 90 que o pouco que sabemos sobre América Latina a través dos medios convencionais ou é mentira ou non é relevante. Vintecinco anos despois, o seu axioma conserva intacta toda a súa actualidade.

Que sabemos entón sobre o que acontece hoxe en América Latina? A resposta é doada: coñecemos con detalle cada unha das doenzas sociais que padecen aqueles países dirixidos por un goberno de esquerdas eleito democraticamente, e que aparecen decote descritos como "réximes" de estilo "populista" liderados por un "autócrata".

Pola contra, cando ese mesmo país sofre un golpe de estado ao estilo virulento do século XX, ou ao máis estilizado do XXI „lembrámoste Lula„ inmediatamente desaparece das crónicas. Podería dicirse que a paz social e a xestión eficaz imperan de novo no interior das súas fronteiras, corroborando o vello adagio do xornalismo anglosaxón de no news, good news. O silencio é estilo das tiranías.

Honduras é un caso puro de patio traseiro, de crónica da política latinoamericana de Guerra Fría incrustada en pleno século XXI. Son as desvantaxes de estar situado na periferia da periferia: nas marxes do sistema permítese aínda o que David Harvey definiu como acumulación por desposesión.

Poucos lembrarán xa quen era Manuel Zelaya, o presidente de Honduras deposto en xuño de 2009 polo xefe do estado maior do exército cando pretendía modificar a Constitución para optar a unha cuarta reelección. O seu mandato „caracterizado polo impulso ás políticas de progreso: redución da pobreza, incremento do salario mínimo e expansión e afortalamento da sanidade e a educación públicas„ rematou de xeito abrupto cando decidiu cruzar unha das grandes liñas vermellas da xeopolítica do seu tempo: a adhesión ao grupo ALBA.

Desde aquela e deica hoxe, en Honduras reina a paz dos teletipos. A pouca información que recibimos do país „de xeito esporádico e nas notas marxinais„ trasladan a crónica dun país en estado de sitio onde as violacións continuas dos dereitos humanos son un feito cotián e normalizado. Só o asasinato da activista e líder indíxena Berta Cáceres en marzo de 2016 interrompeu fugazmente a procesión dos caladiños, pero por pouco tempo e sen máis consecuencias que a da condea formal e protocolaria de parte da comunidade internacional.

Hoxe volvemos saber de Honduras case unicamente polas mesmas canles minoritarias de costume. Estas crónicas fálannos das manifestacións masivas e pacíficas que ateigan cada día as principais rúas de Tegucigalpa para esixir a restauración da lexitimidade democrática e a dignificación dunha sanidade e educación públicas sometidas ás coñecidas políticas de austeridade selectiva do receitario neoliberal.

A historia non dá rematado, como ben recoñeceu hai pouco Fukuyama, o arrepentido. Despois do seu longo soño Posmoderno, a sociedade occidental descobre ao espertar, e mentres frota os ollos, que os vellos monstros do século XX seguen ocupando exactamente o mesmo lugar de sempre ao pé da súa cama: o malestar social, como o reprimido no subconsciente, sempre acaba por volver á superficie.