Acabo de chegar de Madrid e veño un tanto confuso. Un pouco porque quixen redescubrir a sensación aquela das viaxes en liteira, e redescubrina. Agora chámase tren hotel, pero no substancial non cambiou demasiado. Ben, os departamentos creo que son máis pequenos (tamén pode ser que eu sexa máis grande), só teñen catro liteiras (creo recordar que tiñan seis) e están segregados por sexo (antes a cousa era ao chou). A min tocoume cun par de xaponeses (a min parecíanme máis ben chineses) que viñan facer o Camiño de Santiago (ou iso ou tiñan parentes en Sarria, porque alí baixaban) e cun home do Leste de Europa que andaba na construción, e que pasou a metade da viaxe no bar ("¡Oiga, que ya estamos en Palencia!, ¡Ya hemos llegado!, ¡Está usted en un tren!" sacudíao o revisor, ou como se chame, tentando sacalo da liteira). Momento Palencia excluído, dei durmido e todo.

A outra confusión é porque aínda teño a percepción de ter os miolos licuefactos despois de que a cabeza soportase varias sesións a lume vivo. Ou máis ben, era o efecto grill. Por baixo a rúa queimaba, e por riba o sol torraba. En vez desas ondas de calor que afectan a visión de forma que ao lonxe parece que o asfalto se ondula ou hai auga nel, o espellismo que eu sufría era imaxinar que estaba rodeado de patacas novas. Nunha ocasión que subimos catro nun taxi que non levaba aire acondicionado pensei que acabariamos soldados entre nós e coa tapicería. Nunca tanto me lembrei de Mariano Rajoy e do primo seu aquel que negaba o cambio climático.

Pero o que máis confuso me deixou foi a iniciativa do acabado de estrear alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. O xoves 27 de xuño, a véspera do Día do Orgullo (o Orgullo LGTBI, cal vai ser), pendurou un bandeirote de España na fachada do concello. Non, non é que o edificio que deseñou o porriñés Antonio Palacios para sede de Correos estivese sen ela. Estaba a habitual, no cimo, e outra na torre da dereita, segundo se mira, e a maiores, a fonte de Cibeles está rodeada de bandeiras nacionais. Está claro que alí é a capital de España. O bandeirón que puxo Almeida (José Luis Martínez-Almeida Navascués León y Castillo-Cobián, segundo o DNI, caso de que lle caiba) foi, din que a petición de Vox, para contrarrestar a multicolor do colectivo LGTBI, que se ía izar o venres 28. Fose ou non a petición de Vox, non foi un bo detalle.

É como se vas abrir as festas coa Panorama, e de pronto, a véspera aparece anunciada a París de Noia, ou viceversa. Supoño que o señor Almeida-Etc. sabe perfectamente, e incluso os de Vox tamén, que hai homosexuais, lesbianas, bisexuais, pansexuais e trans en todos os partidos, incluídos os seus, e en ningún, saídos do armario ou aínda pechados, e opoñer a bandeira de España ás preferencias sexuais é facerlle un escaso favor tanto á bandeira como aos legtbis. O que posiblemente Almeida-Etc. non sabe (e estou por non dicilo, non sexa que xa) é que no edificio de Correos está fixa unha bandeira que non é de quita e pon, senón que está feita en pedra. É a de Galicia, e púxoa alí o propio arquitecto Palacios. E ninguén lle piou daquela, nin despois.