Hai 31 anos que traballo na Policía Local da Coruña. Tempo no que vin pasar alcaldes e concelleiros de seguridade de distinto sesgo político que, salvo algunha excepción, ás penas amosaron pola Policía o interese que precisa.

Trátase dunha unidade moi complexa dentro do organigrama municipal; as súas intervencións poden xerar polémica a cotío, e a súa xestión pode ser incómoda e pouco entendida polo político. Sen embargo, o seu papel é fundamental para o bo funcionamento do Concello. O policía é o primeiro funcionario que atende ao cidadán na rúa.

Malia os investimentos feitos no Corpo nos últimos anos, estes nunca chegaron abondo para cubrir as súas necesidades. A PL vixía no termo municipal, as 24 horas do día, todos os aspectos relacionados coa seguridade e as normativas legais, para o que padece importantes carencias en material, instalacións, vehículos e persoal (agravadas polos recortes e xubilacións dos últimos anos).

O 28/08/ 2017, fixen nestas páxinas a proposta de aproveitar a construción da Estación Intermodal para ubicar a Policía coruñesa na actual Estación de Autobuses e así dotala da base operativa que realmente demanda. Xa que logo, o vello cuartel de Orillamar é unha mostra máis das carencias que afectan ao noso Corpo.

Un modelo a seguir témolo no Servizo de Extinción de Incendios da Coruña, cun Parque extratéxicamente situado e medios materiais e vehículos constantemente renovados e actualizados. Para o que conta cunha parte do seu presuposto costeado polo Consorcio de Seguros (o que alixeira os gastos do Concello). Ademais, os bombeiros teñen unha importante participación na escolla e adquisición do novo material.

Coas novas incorporacións de persoal, forzadas polo relevo xeracional, xa é hora de darlle a esta Polícia o impulso que precisa para acadar o nivel do corpo policial que A Coruña merece.

Cumpre que o novo Goberno municipal colla esta área con agarimo e, sobre todo, que escoite aos policías. Se o fai ben, descubrirá o enorme potencial que ten este Corpo para mellorar as actuacións dos innumerables servizos municipais con el relacionados.