Canto dura un pobo?", preguntábase no Vietnam Canto aquel beatnik do Courel que foi Uxío Novoneyra. A súa pregunta era, en realidade, un xeito de expresar a súa angustia ante a posible extinción da comunidade cultural da que formaba parte, a galega.

Un colectivo de mulleres de orixe africana e veciñas da Coruña, as afrogalegas, dálle hoxe unha resposta esperanzada ás inquedanzas do vate lugués. Elas reclaman o seu dereito a formar parte en igualdade de condicións da nación galega incorporando orgullosamente a súa diferenza racial. Tres identidades subalternas: as condicións de muller, negra e galega esixindo o seu dereito pleno á cidadanía.

Toda unha impugnación, como vemos, das supostas teses xenéticas sobre as que se sustenta todo nacionalismo, segundo acredita a esquerda xacobina española de onte e de hoxe, con poucas e cada vez máis inhibidas excepcións. Deberan saber que desde Rosalía non hai lugar para unha concepción aristocrática e excluínte da nación galega que, desde o seu "cando vén, vén coma negros", este é un país de emigrantes, mariñeiros e labregas e que, xustamente por esta razón, resulta doado asimilar as identidades africana e galega.

Pero o xesto das afrogalegas é tamén unha denuncia do racismo estrutural que as exclúe do acceso a certos traballos da nosa sociedade e a certos espazos públicos da nosa cidade, nunca abondo denunciados, e que, nalgún caso, ten o agravante de se tratar dunha concesión pública municipal.

Un racismo, ademais, agora politicamente organizado que senta nas principais institucións de representación democrática do estado. Un racismo machista e moi español que alicerza o seu ideario sobre as chamadas políticas do medo, as da guerra do penúltimo contra o último „que vén roubarnos o traballo, saquear os nosos servizos sociais, etc.„, e non dos de abaixo fronte aos de arriba, verdadeiros responsables da súa situación.

O combate ao machismo ocupa un lugar central na escena dos principais debates políticos do noso tempo e, sen dúbida, a mobilización do voto que se identifica co principio da igualdade de xénero, alarmado ante a emerxencia dunha opción política abertamente machista, tivo un papel decisivo no resultado das pasadas eleccións xerais de abril.

Lamentablemente, o debate sobre o racismo e a cuestión migratoria non ocupan o protagonismo que mereceran nun estado con dous dos puntos fronteirizos máis quentes do planeta, Ceuta e Melilla, e separado de Marrocos por apenas 14 quilómetros de mar angosto. O muro de Trump ou os portos pechados de Salvini son a saída autoritaria e en falso a un problema que pon de manifesto o deseño asimétrico e imperial da economía-mundo que teorizou Wallerstein. Cómpren outras solucións, moito máis complexas, para evitar que Europa se convirta no 2022 na fortaleza que profetizaron os Asian Dub Foundation no 2003.

"Un pobo nace sempre, un pobo non remata nunca, nunca...", así contestaba Novoneyra nos versos seguintes do Vietnam Canto a pregunta coa que comezamos este texto. Coas afrogalegas nace tamén a Galicia do presente e que está por vir.