Na lembranza dos amigos Monse Erauskin e Jurjo Torres

Fai uns días asistín na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña a unha lectura de teses de iso que chaman TFM (Traballo Fin de Mestrado), versaban sobre aspectos pedagóxicos aplicados ao ensino. Un sempre se achega a actos así coas orelleiras de certos prexuízos, pesimismos, menoscabos que afortunadamente mudan a cada paso, sen faltar lembranzas dos amigos e o aprendido cando Piaget, entre outros eran referentes na psicopedagoxía. Chamáronme positivamente á atención varios aspectos, entre eles o mural previo á entrada da aula-taller de plástica, encabezado cun texto con algo así como que "Se non se soña non hai creatividade". Tamén me inspirou pra canto diremos abaixo a asertividade, o bo criterio dos tres membros do tribunal nos comentarios sobre o fondo, forma e aportes dos estudos presentados. Eles, os alumnos, como sempre, enredando nervios coa traumática teimosía de calzar e soltar novidades "científicas" do aprendido, "mapeos", "gráficas" "resilencias", "neurociencia", "sinerxias", a virtualidade... ideas que non sobran, mais coido que de costas a outras realidades tanxibles e urxentes na Galiza de hoxe, como a aculturación e dentro dela a anomía ou crise de identidade, coas súas conseguintes causas e efectos. Unha das teses, a que me empuxou a asistir a esta sesión e a que máis tensión creou, erroneamente presentada máis como conferencia que como exposición de tese, resumía o esforzo da Xeración Nós e dos seus herdeiros, os do Laboratorio de Formas de Galicia en buscar, estudar e divulgar esas orixes da cultura galega nas que radica a orixinalidade, a identidade. O que Díaz Pardo resumía así: "As formas han de ter patria como as linguas, ao fin e ao cabo elas son un linguaxe e xa sabemos o que pasou cos esperantos" (Caderno do Laboratorio de Formas, Sargadelos, n- 1).

Do devandito parten os cavilares que seguen: abrir portas á liberdade da fantasía, maxinar outros mundos... máis compren as raiceiras da cultura. Asuntos predicados e practicados dende antes de Cervantes á señora Rowling, pasando por Umberto Eco e por tantos xenios con obra que pon a proba a capacidade ilimitada do maxín. Iso si, sen esquecer a dor que acontece neste noso mundo, sen deixar de buscas xeitos de mitigala.

A fantástica escritora dos nosos días Xoana K. Rowling, autora da saga con sona universal de Harry Potter, naceu no condado Gloucestershire, até 1996 Condado de Avón, bisagra entre os célticos Gales e Conualles, formada no Edimburgo escocés, terras de enterramentos megalíticos, de hills forts ou castros que dan orixe a eses sufixos "chester" que como un "briga", "berg" ou "burg" abondan en tantos topónimos. Confíns británicos de bosques, fontes e pedras consideradas sacras, de ruínas en relación con lendas, fadas, magos enteloeirados, trasnos ou o paso do Rei Arturo e do seus cabaleiros, de castelos enmeigados con pantasmas dos seus nobres penando, de abadías de frades sabeotodo... entre unha climatoloxía de brétemas que semella bordalo todo. País de celebradas alboradas e solpores, de festas arredor do lume en noitiñas de solsticios ou equinoccios que teñen como banda de fondo o son nostálxico da gaita e o ritmo dos pandeiros, entre xerras de cervexa ou de sidra... Semella que falamos de Galiza. E ben que se lle notan esas fondas raiceiras célticas á escritora que as anova. Fabuladora que xa excede a media ducia de libros publicados sobre o tema do neno catro ollos, armadanzas, teimudo aprendiz de mago, na labirinto de aventuras, nacido no 1980 na vila de Lavenham, no oeste inglés. Ademais temática base para videoxogos, para todo tipo de souvenirs e outras tantas películas co suxestivo nome do protagonista, como Harry Potter e a Pedra Filosofal, na cámara secreta, co prisioneiro de Azkaban, co Caliz de lume, entre a Orden do Fenix, no misterio do Príncipe, coas Reliquias da morte, entre animais fantásticos ou indagando os crimes de Grindelwald... Mesmo experimentou no teatro con Harry Potter e o legado maldito. Autora de contos de cerna céltica, interaccionando vellas e novas maxias.

Así que coidamos que a señora Rowling puidera ser escritora deste tamén confín e máis aínda Terra Meiga. Saga, ascese, peregrinatio que se perde nas historias célticas de magos, fadas, druídas e bardos, buscadores do Grial, como a de Arturo e os seus cabaleiros, orixe das novelas de cabalerías. Asuntos ben sabidos, anunciados e tratados por Alvaro Cunqueiro ou Xosé María Castroviejo, saberes compartidos polo escritor catalán Xoán Perucho. Uns e outros eruditos culturalistas, sabios do fantástico, de alquimias e maxias, de misterios e sombras, gastronomías, perfumes... mestres de ironía refinada, onde a fantasía é a base da sedución, fonte do realismo máxico. Pois entre esas a capacidade inesgotable da Rowling fai que lance agora a un mercado xa adicto aos seus temas, catro novos temas. Textos en formato de libro de papel electrónico, formato este propicio a intercalar o sedutor audiovisual, pra levar aos plasmas e á gran pantalla, abrindo a espiral de novidosas empresas, spinoffs. Novos títulos como Animais fantásticos e onde atopalos co que a escola potteriana de maxia de Hogwarts nos enreda aínda máis no labirinto dunha historia intermibable. E velaí tamén o título de Harry Potter: unha viaxe a través dos encantamentos e a defensa contra as artes escuras, mesmo os de Harry Potter : unha viaxe a través de pócimas e herboloxía, Harry Potter: unha viaxe a través da adiviñación e da Astroloxía e Harry Potter: unha viaxe a través do coidado das criaturas máxicas... Edicións ilustradas polo londinense Rohan Daniel Eason, debuxos encantados, xogos de maxia... convite a esquecer a realidade e meterse máis na virtualidade, arredor da que maduran as tecnoloxías .

Canto tería que dicir ao respecto autor de Merlín e familia e de Escola de Menciñeiros, Alvaro Cunqueiro. Pois quen anda entre os contos de lareira e as tradicións galgas ben sabe de cousas así, entre elas dese grimorio, libro atribuído ao San Cibrao de Antioquía, por que hai varios e moi venerados San Cibrao. Referímonos ao libro do Ciprianillo ou coñecido tamén como O Tesouro do San Cibrao ou Os segredos do Inferno, cos que a inspiración xa está servida. Máis ten maior glamour dicir que a Rowling inspirouse nunha exposición da British Library, cando contos así esvaecen nas lembranzas dos máis vellos do rural galego. Galiza, "País das benditas ánimas" que dicía a condesa de Pardo Bazán , fonte importante de inspiración, de historias e contos máis de meigas feministas que de magos, contos de aparicións e desaparicións, de tesouros encantados, de alboradas, cobras e lobos, entre os presaxios do ouvear do can, do canto do galo, dos graxos de corvos e das curuxas, lavandeiras, carrizos... pegas, cucos, avisadoras do mal... e todo un amplo repertorio de botica aldeán, entre ungüentos, remedios amoados con graxas de cobras, sapos, lagartos, potaxes de herbas, raiceiras, flores de namorar, desenamorar, sanar... País o noso de feretristas, funerarias, panteóns, enterradores, de viacrucis e cruceiros, onde o "Dies ira" e os responsos semellan envolverse en grises... Onde acudimos aos amuletos, talismáns, escapularios, cornos de vacaloura, de castrón, unñas de raposo, cairos de xabarín, camisa de cobra... esconxuros, exorcismos para a prevención do mal de ollo ou das artimañas do diaño, onde as ánimas se encarnan. E sobre todo confín dos trasnos, de diaños, señas, biosbardos, xianas, mouras, baluros, guímaros... seres máxicos, dragóns, basiliscos, arpías, incluso sereos, alicornios, expostos aos Catro Elementos, a solsticios e equinoccios, á luz e á escuridade, labrados en canicelos e gárgolas pra quen queira tocarlle coa súa vara xenial e darlle nova vida. Asuntos celebrados en ritual caseiro arredor do lume da nova apócema da queimada.

Todo canto toca a señora Xoana, como unha nova fada, trocase en atractivo recurso turístico e velaí a HarryPottermanía, as peregrinacións ao Café Nicolsóss, ao The elefant house da cidade sombría e gardadora da Pedra do Destino, Edimburgo, a onde acoden os potteriáns a deixar mensaxes nos caixóns das mesas, sobre algunha das que a escritora escribiu os inicios destes contos... pra seguir ao cemiterio de Greyfriars, coa tumba do amo e do leal canciño Bobby, a sepultura "do peor poeta escocés"... e como non, a Libraría Lello de Porto, que hai uns anos ao borde do peche, por servir de inspiración para a escritora británica, pasou á galaxia anovadora da maxia potterián. Velaí o valor da cultura, do ensino das orixes, o que xa por aquí, dun xeito ou doutro, tentaron os ilustrados, Murguía, Castelao, Risco, Seoane, Díaz Pardo...