14 de julio de 2019
14.07.2019
o labirinto do alquimista

Arredor da luz e das sombras da Torre de Hércules

13.07.2019 | 21:11

Aí está vendo pasar o tempo... a Torre de Hércules. Monumento que un 27 de xuño do 2009, sendo ministro de Cultura do Goberno de España o coruñés César Antonio Molina foi declarada Patrimonio da Humanidade. E non sobra no país que, dende os romanos, se dicía do "Río do Leteo" ou do esquecemento, esconxurar os silencios, os punto cegos da Historia, facer memoria arredor do faro milenario, escudo da cidade, símbolo dos confín do vello mundo...

Fitos pra agradecer xestos e tramar futuro, xa que detrás de cada obra están os seus obreiros, ¡os canteiros! Sabemos que o rochedo no que se asenta serviu de canteira, como a mesma Torre da que no medievo se sacou pedra pra construír as murallas da cidade, onde estiveron os canteiros até os anos oitenta... a pedra da mesa da Alcaldía no hemiciclo do concello da Coruña, seguindo a sensibilidade simbólica masónica, provén daquí.

Ben se entendeu a significación da obra do Estado Romano pra facela chegar até nós, pra ser cerna de estudos e preocupacións sobre a súa orixe, estrutura orixinal, intervencións, usos, como cuartel, vixía, faro e fonte de inspiración.

E entre a selección de nomes a celebrar está o que campa no epígrafe da peneda ao pe da mesma , exvoto alusivo á divindade Marte, a Augusto e a Caio Sevius Lupus, arquitecto aeminiense, lusitano; orixe de interpretacións: si se trata do pedestal dunha escultura a Marte ou a Augusto divinizado, se ten relación co mesmo arquitecto da Torre. O certo é que resulta acaída a irmandade da torre coruñesa co criptopórtico de Aeminium (Coimbra), tamén atribuído a C. S. Lupus.

Feitos e nomes arredor do muiñar de luz do faro milenario, esperanzado ronsel de luz en despedidas e benvidas: as crónicas grecorromanas relativas a Brigantia e ao seu faro, como as de Dión Casio, Ptolomeo, Istro Aetico, Paulo Orosio, etc. Ergueita ao ceo na porta do porto pra darlle nome propio ao lugar, Faro Precantium, Brecantium... Castillo de Faro, Castro de Faro... No medievo fortaleza, vixía e refuxio, onde se coñecen historias de sobrevivintes pechados comendo corvos... Canto terían que contar se as pedras falaran das incursións vikingas, desafiando os mitos do Mare tenebrosum, das lendas celtas cristiáns irlandeses, con anterioridade ao século XII, como o Leabar Gaabala (Libro das Invasións a Irlanda) sobre o periplo de Ith e do seu pai Breogán dende a Torre de Brigantia, portando o símbolo do poder céltico, a Pedra do Destino. E os contos inspirados no periplo de San Barandán, como a de San Amaro ou a de Trezenzonio.

Alfonso X, o Rei Sabio nas ansias de argumentar a Historia Xeral do seu imperio arredor de obras significativas como a Torre, outorgarlle esta construción a Hércules que aquí di deu morte ao atlante Xerión, pra erguer sobre a súa tumba o faro... e dar lugar a novas interpretacións en relación co topónimo de Cruña.

Do século XVI ao XVIII o faro coruñés ollou arribadas e partidas de emperadores, de monarcas, de nobres, conquistadores, comerciantes, misioneiros, científicos, curiosos impertientes... E mesmo sabemos que no 1586 penaba nun castelo de San Antón en obras como primeiro preso, o torreiro Gómez Catoira, condenado por malgastar o aceite co que se alumeaba o farol... No 1588 viu recalar as naves da fracasada Gran Armada e un ano despois dende a mesma anunciábase a chegada do terror dos mares, Drake.

A finais do século XVII, tempos do gobernador da cidade duque de Uceda, o enxeñeiro Amaro Antunes practica polo interior da Torre un novo acceso, abre as bóvedas romanas para unha escaleira. Será no 1788, tempos de Carlos III cando as expedicións dos ilustrados se multiplican, cando o Consulado do Mar intervén para a súa rehabilitación encargándolle a dirección das obras ao enxeñeiro da Armada o pacense Eustaquio Giannini Bentallol, vida dividida entre Galiza e o Mar da Prata, onde deseña o porto de Bos Aires pra morrer como un heroe do Mayo Argentino. Proxectos nos que por desexo da Academia da Historia o asesor será o sabio coruñés José Cornide, imprescindible no seu estudo. Temos denunciado que nos derradeiros anos se deixara perder na súa rotonda alta a cartela pintada co epígrafe que daba conta da dirección de Giannini. E ben viría dar coa maqueta que fixo o enxeñeiro militar León Gil del Palacio, sobranceiro persoeiro no Trienio Liberal, antes de ascender e marchar pra Madrid onde fixo a gran maqueta da capital da Corte.

Así que ao encetarse o século XIX a Torre foi testemuña dos desencontros entre absolutistas e liberais,entre ilustres nomes Porlier, Macanaz, Alexandre Malaspina... A un tempo que, no 1799, dende o Porto da Coruña Humboldt, baseado en saberes e experiencias mariñeiras galegas, comeza o seu periplo americano. Maquinaria de luz que soubo de técnicos milmañas como Joseph Giannini, irmán de Eustaquio, Antelo, ilustre entre os afamados reloxeiros coruñeses. Por algo a Torre foi Escola de Fareiros e Museo dos Faros e que o desleixo fixeron que se perderan na cidade das Ciencias. E aquel o seu "libro de visitas", onde a Pardo Bazán estampaba eloxios... anacos do crebacabezas histórico. Inspiradora Torre pras ansias do neno Picasso, pra modernistas como o malogrado Díaz Baliño, pra buscas subrrealistas como as de Urbano Lugrís, pras sínteses de Luis Seoane. Muiñar de estralampos que nas madrugadas da guerra abría no ceo derradeiros camiño pros fusilados do inmediato Campo da Rata.

Nos oitenta as ansias maduran, lembramos o interese de don Emilio González López arredor do Faro e de Brigantium, dos seus ilustres visitantes... a divulgación do fareiro Sánchez Terry, as teorías arqueolóxicas de Hutter, Auschild, Hague, referentes nas que latexa a polémica sobre a súa estrutura exterior e acceso, até as novas teorías de Rodríguez Colmenero e as que poden faltar como a sobreposición de tres módulos en diminución, con acceso a tres terrazas e como eixo central a obra romana que se conserva, como en moitos outros faros romanos.

Aos seus mesmos pes soubo de naufraxios: no 1971 o do Isla, con 14 mortos; o do petroleiro Urkiola no 1976 e o Aegean Sea no 1992, o fume espeso deste danando a estrutura externa, mesmo cando estaba en rehabilitación por insistencia e entusiasmo do enxeñeiro de Obras Públicas Eduardo Toba, sacando á Torre do estado de abandono, cando mesmo non se sabía quen eran os seus responsables. Entón dende o Museo Arqueolóxico, asumindo a súa importancia arqueolóxica retranqueabamos en que "habería que preguntarlle aos romanos".

Faltaba man pra o recoñecemento mundial: no 1991, con motivo do segundo centenario da súa reconstrución, o Concello do alcalde Francisco Vázquez programa unha gran exposición, Ciudad y Torre: Roma y la Ilustración en la Coruña, fito para o estudo, entón o arqueólogo Bello Dieguez será o seu comisario, antes xa a Academia Galega de Belas Artes, presidida por Fernández Argüelles movía ás administracións para tramitar a declaración de Patrimonio da Humanidade das Murallas de Lugo e da Torre de Hércules... as contestacións esquivas quedan nos arquivos desta institución, mesmo as de Fraga Iribarne que se entregou á causa acollida polos lucenses, os que conseguen declarar as súas murallas no 2000. Momentos nos que a Torre tiña como fareiro ao fisterrán Xosé Insúa que removía arquivos arredor da súa Historia da Torre e dende a Demarcación de Costas a sensibilidade do enxeñeiro Eduardo Toba iniciaba a rehabilitación integral do faro e do seu entorno, obras dirixidas polos arquitectos Pablo Latorre e Leandro Cámara e que conlevaban escavacións arqueolóxicas da man de Caballero Zoreda e fundamentalmente de X. M Bello Diéguez. É entón cando por iniciativa do doutor Xosé Luis Vázquez Iglesias, Manito e de Segundo Pardo Ciórroga, coa ansia de propoñer á Torre ao Patrimonio da Humanidade nace o Instituto de Estudos Torre de Hércules, pra abandeirar trámites e mesmo conversas con Mayor Zaragoza, director xeral da Unesco, até que no 2007 chega ao Ministerio de Educación e Cultura César Antonio Molina, polígrafo que sempre tivo como leitmotiv o faro da súa cidade pra desempoar os cartafoles e conseguir o celebrado. Máis non todo queda feito, o contorno do monumento, a súa conservación, a xestión dende preceptos museolóxicos, o centro de recepción con canto implica pra dar servizo integral ao recurso, entre outros seguen sendo asuntos pendentes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook