Advertíalle o sabio florentino ao seu príncipe que sempre era mellor arrepentirse do feito que do non feito, un consello que podemos estender máis alá do plano político e levar tamén á vida en xeral: a covardía fainos máis pequenos.

Lemos hoxe as loubanzas, encomios e panexíricos dedicados a Tsipras trala súa honrosa derrota nas recentes eleccións gregas. Quen as escribe son os mesmos que no 2014 o alcumaban de aventureiro, temerario ou irresponsable. Só debe haber un pracer maior que a derrota do teu adversario político, a súa asimilación: "Gañamos definitivamente Margaret, a oposición é coma nós", disque lle dixo un dos seus ministros á Dama de Ferro referíndose a Tony Blair. E tiña razón.

Cando Tsipras era alguén, aló polo 2014, o seu programa consistía en procurar unha alternativa á da socialización da débeda nacional grega cos bancos centrais do norte europeo contraída polas elites gregas nas décadas anteriores. Era un tempo no que o termo "débeda ilexítima" formaba parte do debate público, hoxe xa non, a pesar de que, no caso estado español, esta equivale ao seu PIB anual. E segue medrando.

A alternativa de só tiña dúas posibles materializacións: a renegociación da débeda cos acredores do norte, a hipótese Varoufakis, que supuña, ademais, toda unha reconceptualización do rol do BCE e, por tanto, do funcionamento da Unión Europea no seu conxunto. A outra vía era o salto ao baleiro, o default, a declaración de bancarrota e negativa ao pagamento dunha débeda considerada ilexítima. Esta vía tiña como consecuencia inmediata a expulsión de Grecia da UE e, descartados tamén o FMI e o Banco Muncial, a súa exposición ás únicas fontes de financiación dispoñibles: China e Rusia.

Finalmente, como sabemos, nada disto foi o que aconteceu. Nin Varoufakis foi quen de convencer os xestores do BCE sobre a necesidade de darlle unha volta moi keynesiana ao seu trebello, nin tampouco Tsipras, despois de gañar de xeito arrollador un referendo no que o pobo grego rexeitaba de xeito masivo pagar a factura da Troica polo seu rescate, asumía a única opción posible: saír da UE.

De nada valeron a sutileza dos argumentos técnicos de Varoufakis nin a altura moral e humanitaria dos políticos de Tsipras. Nun escenario clásico de real politik, a razón da forza é a única que conta, e co resto dos PIGS caladiños no seu recuncho, Grecia enfrontaba en solitario a súa negociación cos emisarios da Troica. Nada de quita nin de renegociación, venda de activos públicos e durísimos recortes sociais se querían manter o caudal mínimo de financiación externa para impedir a morte por inanición. Como nos ensinou a socióloga holandesa Saskia Sassen, a historia da globalización económica é o relato dun desfiuzamento. No caso grego, un pobo enteiro pasaba a ser okupa no seu propio país.

Hai poucos días, un dos perpetradores desta infamia, o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Junker, lamentaba en público a falta de solidariedade da Unión Europea con Grecia no seu día. A boas horas o vae victis.