Una información, por favor, ¿dónde está Santiago?". Era un home que xa non era novo, cun mono negro de motorista, e un castelán o bastante correcto ata o punto de que só o acento revelaba que era italiano „ou iso me pareceu„, que se dirixiu a min na área de servizo de Compostela. Sinaleille o norte e a miña dereita, porque eu viña do sur e el estaba do lado contrario. "Ahá. ¿Pero hay dos Santiagos, o uno solo?, ¿Santiago de Compostela es lo mismo que Santiago?". Si, claro, díxenlle, e deume as grazas. Moita universalidade xacobea e moita globalidade alguén do primeiro mundo, a bordo dun vehículo sofisticado, pregunta se hai máis de un Santiago, pensei, ao tempo que se me ocorría, tarde coma sempre, unha contestación enxeñosa: "Ben, hai outro en Chile". Pero non é certo. Como comprobei despois, mesmo en Compostela hai máis Santiagos (a parroquia de Santiago de San Paio, por exemplo), e en toda Galicia hai 307 núcleos de poboación (dos 406 que hai en España) baixo esa advocación. Con tanto Santiago (e non son tantos, hai 563 lugares, grandes ou pequenos, chamados Castro), é máis desculpable a confusión do motarra italiano.

Ía cavilando sobre iso no coche, sobre como se conxuga a profusión de Santiagos e Castros co individualismo atribuído aos galegos. Se é unha proba ou unha excepción da regra, cando na radio daban o enésimo parte das negociacións „ou o que sexa„ entre PSOE e Unidas Podemos para formar goberno ou facilitar a investidura „ou o que sexa„. É curioso como aquí, en Galicia, o individualismo, o cainismo ou o ismo que sexa tendencia no momento causan os mesmos enfrontamentos e divisións nas forzas progresistas, para á hora das cousas serias, como gobernar e dirixir o país, unha provincia ou un concello, as opcións progresistas déixanse de andrómenas e requilorios. Negociando con máis ou menos habilidade, xenerosidade e cesións, os pactos fanse en tempo e sen montar eses espectáculos que van do vergoñento ao esperpéntico, do cómico ao tráxico, como os que están montando en Madrid (e en La Rioja). Non quizais por ser máis listos ou máis experienciados, pero si por dúas cousas: unha porque as cúpulas son menos volátiles e máis enraizadas, tanto nas propias organizacións como nas sociedades respectivas, algo que supón inconvenientes en moitos aspectos, pero neste ofrece vantaxes. A outra é porque os partidos en Galicia teñen claro para que pediron o voto e o electorado moito máis aínda para que llelo deron. E non é precisamente para que executen ritos de apareamento e danzas nupciais nos platós de televisión e para os micrófonos das radios. Pode que aquí haxa algo de noso substrato rural gandeiro, pero estas situacións teñen que acabar como acaban, que é a forma de que os intereses da casa prosperen. E quizais ese substrato, rural ou paisano, tamén estea na raíz de que formacións tanto ou máis afastadas do PSOE ca Unidas Podemos, como ERC, Bildu ou o PNV, coincidan en apuntar en que, como dixo na súa conta de twitter un biógrafo e amigo de Pepe Mújica, "las izquierdas siguen discutiendo por pelotudeces y la que pierde es la gente... Sabía que de un lado u otro dirían que el otro no es de izquierdas... En realidad me importa un pito como lo llamen, pero hagan lo necesario por trabajar juntos por el bien de la gente que lo necesita. Todo lo demás es payasada". Máis difícil é atinar entre tanto Santiago, e ben que damos feito.