Como no relato da Carta roubada de Poe, as probas da doenza crónica que padece o noso país están sobre a mesa a disposición de quen queira coñecelas. Abonda cunha consulta rápida á páxina do INE ou do IGE para comprobar como practicamente todos os nosos indicadores sociais e económicos son comparativamente inferiores aos da media estatal e que, na súa evolución dos últimos dez anos, lonxe de converxer, afastámonos cada día máis das posicións medias da táboa.

O devalo demográfico, o abandono do rural e dos nosos montes, a baixada continua dos salarios con relación ao custe da vida, a desertización industrial, a taxa de actividade, os indicadores de produción primaria, a afluencia turística, o comercio polo miúdo... Non existe practicamente un só índice socioeconómico sobre o que construír un relato favorecedor da situación actual do noso país, o cal, sen dúbida, pon de manifesto que un dos nosos escasos activos indiscutibles como Nación segue a ser a gran capacidade fabuladora dos xornalistas afíns ao goberno. A nosa orquestra do Titanic toca sempre moi ben afinada.

Porque, ante esta situación dramática, que fai exactamente o goberno de Feijóo? É difícil, mesmo para os máis adictos, atopar unha soa política pública aprobada na Xunta de Galicia na última década coa que responder de inmediato a esta pregunta. Ninguén lembra unha soa lei, un só programa de investimento social ou nova infraestructura que pola súa eficacia merecese pasar á nosa memoria colectiva. Tal é así que, se tiveramos que definir cunha soa palabra o seu goberno, escolleriamos peche. Peches de fábricas. Peches de granxas e de barcos. Peches do persoal sanitario en continua protesta. Peche de certos medios de comunicación. Peches, en definiva. Por demais, as poucas accións do goberno Feijóo foron basicamente encamiñadas á atracción do máis ruín dos capitais foráneos: o das industrias extractivas e mineiras. Para esta cuestíón, a de remover calquera rastro de protección ambiental e de sustentabilidade, para desregular en suma, si apreciamos dilixencia no seu goberno. Sirva a lagoa simpsoniana de Monte Neme como signo das consecuencias a medio prazo deste modelo.

Porque, para os xestores da Xunta, a solución máxica aos nosos problemas pode chegar unicamente de fóra. Xa citamos unha delas, as industrias mineiras de capital estranxeiro, as outras dúas son o turismo, co Xacobeo do 2021 promocionado co fervor monocultivista dunha república tomada pola United Fruit de primeiros do XX. O último recurso é, por suposto, o AVE. Ese tren invocado desde hai dez anos por Feijóo como o mestre de cerimonias fracasado dunha continua sesión de espiritismo. O AVE conectará algún día Galicia con Madrid, non Galicia con Galicia.

Esta é a nosa visión do país na véspera da Alba de Groria que soñou Castelao no exilio porteño en 1948. Unha véspera de Santiago na que desfilaban, en santa compaña, Priscilano, o Conde de Traba, Rosalía de Castro ou Concepción Arenal. A alba dun país que, lamentámolo Solovio, aínda non atopou a súa conciencia para deixar de andar arredor de si.