O pasado martes 30 de xullo, no artigo de Celso Ferreiro titulado Otrosí digo faise mención no final do texto a Proxecto Cárcere como "ente manumitido de la Marea", Proxecto Cárcere creouse o 20 de novembro de 2010 como plataforma cidadá e xamais estivo ligado a ningún partido político pola propia idiosincrasia do colectivo, que no seu ideario reflicte a non ligazón a ningunha organización política. Se non estivo ligado, moito menos foi esclavo, como dá a entender a súa expresión, de nada que non fosen os propios principios que moven a asociación.Sempre se trata de buscar afiliciacións políticas e se terxiversa a verdade poñendo afirmacións como a anterior. Se PC estivera ligado á Marea Atlántica, como se explica que en xuño de 2011 puideran facerse unha xornadas de portas abertas na antiga prisión da Torre sendo goberno da cidade o bipartito PSOE/BNG, cando á Marea aínda lle quedaban uns anos pra xurdir?

No artigo en cuestión, tamén se ofrece a seguinte expresión "se ha apresurado a ofrecerse al Ayuntamiento coruñés para realizar actividades en la antigua prisión provincial". PC leva dende 2010 "apresurando" ás institucións a que dunha vez por todas non deixen esmorecer un edificio cheo de historia e ubicado nun lugar tremendamente destacado da cidade, esta "presa" non está sendo corroborada por quen ten responsabilidades no espazo e provoca que cada minuto que pasa o gasto en rehabilitala sexa cada vez maior, pero non pasa nada, deben de sobrar os cartos porque ata hoxe, o edificio está en proceso de degradación constante. As obras que se fixeron en 2018 non chegaron a acometer ningunha rehabilitación e só se produciron "melloras" en canto á toma de luz e auga e se fixo un baño accesíbel.

Outro aspecto a destacar do texto é "cuya adjudicación, mediante concurso restringido", novamente faise unha afirmación maledicente pois a convocatoria na que PC resultou adxudicataria foi un concurso de pública concorrencia dirixido a asociacións da cidade e cunha compensación económica de 0 euros

Está claro que chegado o momento en que o cárcere poida ser habitado poderá ter mil e unha aplicacións, Proxecto Cárcere non só reivindica o seu coidado, senón que tamén propón que sexa a veciñanza quen poboe e faga seu o espazo coas actividades (temporais ou permanentes) que, polo cauce asembleario así se decidan.

Esta nota únicamente pretende alertar e aclarar as falsedades que se levan difundindo por algúns medios de comunicación e algún partido político maledicente, que non chegan a intuir o dano tan grande que lle fan a un colectivo que leva perto de 9 anos tratando de defender un espazo honradamente, informando publicamente de cada paso que dá e levando paus con tal de desfacer o tecido social dunha cidade que non merece tales mentiras porque representa unha vía non institucional que nutre e dá vida á sociedade e por extensión ás institucións que rexeitan este tipo de andaina que elixe un sector da sociedade.

Se o señor Ferreiro quere informarse correctamente de primeira man sobre Proxecto Cárcere, estamos coma sempre, a súa disposición.