No meu primeiro ano de facultade, convidei a un amigo a pasar uns días de vacacións na miña casa. Cando chegou, non debía haber ninguén na casa, non sei por que trasacordo, así que deixou a maleta (una daquelas pequenas que se chamaban "neceser de viaje") no descansillo e foi dar unha volta. Ao volver, atopei un par de policías onda o "neceser", aberto, xunto ao seu aterrado propietario e a miña nai aclarando o asunto. A veciña de enfronte, alarmada polo "neceser" avisara a policía por se era unha bomba. Situémonos: todo o mundo deixaba daquela, e deixa, cousas na porta ou no descansillo e, mediados os 70, non había unha particular alarma terrorista en España, e moito menos en Galicia, por non falar de que a quen e por que se lle ía ocorrer poñer un artefacto na casa dun pequeno industrial de Monforte.

Lembrei o caso lendo unha información sobre as apps de moda nos Estados Unidos en cuestión de vixilancia veciñal. As máis descargadas son Nextdoor, Citizen ou Neighbor. Nextdoor está pensada como un foro de contacto entre veciños para ofrecer e demandar axuda ou servizos, dar avisos ou intercambiar información. Citizen, como o seu nome fai sospeitar, serve para alertar as autoridades cando hai algún incidente. Neighbors é unha aplicación de Amazon para usar o seu servizo Ring, co que se pode xestionar por control remoto abrir a porta da casa ou vixiala por se deixan un paquete.

Como vén, todas teñen obxectivos nobre e colaborativos. Pero como todas, as ferramentas, depende do uso que se lles dea. Nos EUA, posiblemente a utilizarán para pedir azucre ao veciño do lado, ou para ofrecerlle tarta de mazá acabada de facer, pero o uso maioritario é para advertir que hai un tipo sospeitoso „negro ou hispano, seguramente o novo contratado para o mantemento da piscina„ murando polo vecindario, ou que o veciño musulmán que sempre saúda ten no garaxe unha fábrica de chalecos-bomba. De feito, na publicación The Outline contan o caso dunha californiana que chamou a 091 (o 911 alí) porque un vira con Ring como un home entrara na súa casa hai 20 minutos, e quería que lle acudisen. A policía contestoulle que lle parecía moi raro que o home levara case media hora na súa casa e ela non o vira. Mirou a gravación e comprobou que quen entrara había 20 minutos era ela, non home ningún.

Todos auguran que esa moda da vixilancia de ámbito próximo acabará chegando a Europa. En Madrid e Barcelona xa hai fenómenos (polo menos fenómenos mediáticos) de patrullas cidadás contra carteristas e delincuencia miúda. Pero o que é aquí non lle vexo moito futuro a esas aplicacións. Como se non estivese todo o mundo fichado polas amigas da nai, polos coñecidos do pai, polos compañeiros dos fillos e polos dependentes do supermercado, e non se souberan vidas, milagres, usos e costumes de todos (e non nos comportásemos como se non nos importara). Non digo eu que non haberá paranoicos, e xente que usará as redes sociais para avisar de que o fillo da veciña do quinto está deixando barba, sinal evidente de radicalización, ben para o xihadismo, ben para o nacionalismo extremo. De feito xa se usan grupos de WhatsApp para promover levantamentos contra profesores, as ANPA ou pais, pero creo que nada pode substituír aquí o vello pracer do chisme, a difamación, o falso testemuño feito a man, difundido boca a orella. E así a policía pódese centrar no seu. Para algunhas cousas, non hai como de antes.