Como a primeiros dos 80, prodúcese de novo un aliñamento neoliberal á fronte dos gobernos de Londres e Washington, do par Reagan-Thatcher pasamos ao Trump-Johnson que hoxe padecemos: a mesma revolución conservadora co declive na calidade individual de quen os representa característico da nosa época. Fase de farsa da historia, que diría o clásico.

O corolario da chamada Revolución conservadora dos 70 serodio é ben coñecido: desregulación do mercado financeiro, combate ás estruturas de resistencia obreira, os sindicatos, e demolición programada daquel edificio tan custosamente construído ao redor do consenso de posguerra que coñecemos como socialdemocracia: estatalización dos sectores económicos estratéxicos e ampliación dos servizos públicos, nomeadamente, da educación e a sanidade así como das pensións. Eran os tempos da Doutrina do Shock, dos Chicago Boys de Hayek e a súa receita universal de neoliberalismo para todos como resposta á crise do petróleo e do sistema Bretton-Woods. Fin de toda unha era, en definitiva, culminado co colapso da URSS en 1991.

A desregulación financeira dos 80 está no cerne, como sabemos, da Gran Recesión do 2008, con todo o seu catálogo de produtos lixo chamados subprime que aínda hoxe estamos a pagar entre todos. Non houbo corrección de erros neste sentido senón fuxida cara a diante: socialización da débeda privada por parte dos estados e redución dos salarios e dos dereitos laborais como tentativa de recuperación da rendibilidade perdida e hoxe recuperada. Só por uns poucos.

Agora non vivimos o mesmo tempo que daquela. Pouco resta por desmantelar xa do chamado estado do benestar e tanto nos USA como o Reino Unido o cambio de rumbo estratéxico dos seus líderes semella idéntico: os dous antigos imperios, un antergo e o outro declinante, abandonaron as prácticas de mercados abertos e abrazan sen escrúpulos o proteccionismo: guerra arancelaria con China no caso norteamericano e Brexit disque duro no caso inglés, á espera do que pase nos sete condados co recordo aínda fresco dos anos dos troubles.

Todo un paradoxo ou ironía da historia: as mesmas potencias que no seu día impuxeron a China pola forza a apertura do seu mercado, a Guerra do Opio, son as que hoxe tratan de defender os seus mercados internos ante a competencia chinesa. En ambos casos, semella que están disparar sobre o seu propio pé: o principal acredor dos USA é China, que atesoura máis dólares nestes momentos que a propia Reserva Federal. No caso inglés, porque o único produto realmente competitivo da súa economía nestes momentos é a libra, e a súa circulación, verase severamente castigada co Brexit, de aí as resistencias da City e as dúbidas do Labour.

Como nos 80, as diferenzas en canto ao nivel de cultura política e cultura xeral dos liderados ianquis e británico resulta obvia, mais non tanto no que se refire á consistencia e solidez dos seus principios, aí son idénticos: trátase de dous oportunistas, dous demagogos dispostos a perpetrar calquera manobra para conservar un poder que acadaron sobre a mesma promesa imposible: recuperar as fronteiras do estado nación soberano anterior á Globalización. Desexémonos sorte.