Está a Xunta mosqueada polo que considera signos de turistofobia que detecta „non sei como, pero detecta„ sobre todo en Compostela, e fixo polo tanto un chamamento a ser amables, e a demostrar a tradicional hospitalidade galega que a todo o mundo marabilla. Ben, non sei se era así, pero esa é a trécola habitual. De feito, non sei se lembran que das primeiras campañas institucionais que fixo o goberno galego en canto tivo cartos para gastar en publicidade foi aquela de "Hai que tratalos ben, para que volvan". Ben visto, non deixaba de ser unha mensaxe un chisco humillante, por un lado porque daba a entender que non se trataba ben ao visitante e polo outro porque parecía unha adaptación da tradicional ameaza que se lle fai aos nenos cando van de visita: "pórtate ben, que se non, non nos van volver invitar", dando por suposto que os nenos querían volver a aquela casa onde había que estar quieto de todo.

Eu entendo que as autoridades se poñan todas orgullosas de que medre o número de turistas. En xeral, gústalles que medre todo. Pero non entendo porque nos ten que alegrar á cidadanía en xeral. De feito, non coñezo compostelán ningún que non estea farto de aturar xente nas rúas, nos bares e nos comercios, por moi adestrados que estivesen en aturar botellóns de estudantes. Polo menos era un día ou dous á semana. Tampouco creo que os hostaleiros estean como para botar foguetes. Se están completos, iso significa que haberá máis demanda de eirenbis deses, legais ou ilegais, que seguirán sendo competencia cando veñan as vacas fracas. E nos bares e restaurantes anda a xente a cen, atendendo como poden, e espantando aos clientes habituais. Como di un amigo meu, representante desa vella caste taberneira en extinción, "a min quen me dá de comer son os clientes de todo o ano, non esas avalanchas das pontes e das vacacións, que o único que dan é traballo". Se Santiago xa está intransitable e intragable este verán, e para o ano que vén anuncian a chegada de 9 ou 10 millóns de xentes, o negocio vai ser dar refuxio aos composteláns que saian escapando da invasión, mentres os hostaleiros, eses heroes, resisten e se encargan de subir o PIB e de crear non se cantos milleiros de empregos.

Claro que non sei para onde van coller. Para A Coruña non, por favor, que xa non se cabe. Non sei se haberá sitio no Birloque, por exemplo, pero creo que tampouco. Todo o mundo que ten parentes por aí fóra sufre asaltos familiares estes días, a conto da praia, dos concertos ou do que sexa. Os parkings están cheos e non se circula, nin en coche nin a pe (quitado cando chove, pero deseguida escampa). Supoño que a bares e restaurantes lles vai ben „aos camareiros non tanto, pola cara de extenuados que teñen„, pero os indíxenas non damos entrado, ou sexa que o comido polo servido. Un amigo queixábaseme o outro día de que o problema era que os atractivos non estaban desestacionalizados. Quitado a Catedral e o mar, que están aí todo o ano, na Coruña por exemplo concéntranse en poucos días e á vez as Feiras do Libro, do Cómic e da Artesanía, e o Noroeste. "Xa ben me chega ter que escoller a que concerto ir, e aínda por riba coincide coa presentación dun libro que me interesa", dicía. Quizais vai sendo tempo de pensar algo menos nos de fóra e algo máis nos de dentro.