C ando Alcoa corría serio perigo de peche, a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, ofreceunos un exemplo perfecto dos límites dogmáticos do credo socioliberal que profesa o goberno en funcións do PSOE e todos os anteriores desde o inicio da Transición. Segundo ela, a intervención da empresa por parte do estado sería comunismo, como comunistas deberon ser tamén sen dúbida a nacionalización de General Motors pola administración Obama ou o rescate bancario perpetrado polo goberno Rajoy, aquel préstamo en condicións moi favorables en palabras do inefable de Guindos.

Da secuencia anterior podemos tirar as seguintes conclusións: Primeira, os países centrais poden nacionalizar empresas cando lles pete porque para iso foron eles os que crearon as regras de xogo do mercado libre, para conculcalas cando sexa preciso. Segunda, nos países periféricos, como é España, a norma da non intervención directa do estado na economía aplícase con estricta observancia agás no caso do sector financiero. Terceira: neste suposto, o da nacionalización dun banco, o estado pode intervir nacionalizándoo coa única condición de que o malvenda ao mellor postor inmediatamente despois.

Todo este rebumbio de sólidos principios de economía política inzados de excepcións segundo a comenencia atopa na coruñesa Isowat a súa perfecta vítima propiciatoria. Unha empresa solvente, con carteira de clientes activa e pedidos por atender que vai á quebra pola xestión neglixente da súa anterior propiedade. Unha empresa que, ademais, está ubicada sobre unha parcela de solo industrial, urbanizable nun futuro hipotetico, da que é titular o seu principal acredor: un banco privado froito da venda a prezo irrisorio da antiga banca pública galega. As caixas de aforros, un dos mortos peor soterrados na historia recente deste país de tan exquisita cultura funeraria como nos aprendeu Marcial Gondar Portasany.

Para acabar de completar o cadro, aparece en escea o IGAPE, disposto a financiar parte da compra dunha empresa que, en puridade, xa debera ser pública, do mesmo xeito que os milleiros de pisos baleiros da SAREB, o chamado banco malo, deberan formar parte desde hai tempo do parque público de vivenda. Así vemos como o mesmo estado que está disposto a cobrarnos dúas veces a nosa medicación, paga gustosamente e por partida dobre o lucro das entidades financeiras privadas: primeiro compra os seus activos cando tóxicos e logo mércaos de novo cando sans.

Contra esta doutrina de neoliberalismo selectivo imperante na clase gobernante realmente existente no estado español desde hai décadas, érguese, unha e outra vez, a vella toupa da resistencia obreira organizada. Como no caso de Alcoa, a plantilla de Isowat sabe hoxe que a súa única esperanza está na incidiencia na opinión pública mediante a mobilización continuada, sabe que o silencio e a pasividade son o anticipo do peche dunha empresa viable e con futuro pola excelente capacitación técnica dos seus traballadores e a súa situación de case exclusividade no mercado. Estamos con eles, na Coruña non podemos permitirnos, nestas datas de peche definitivo e pola calada de antiga Fábrica de Armas, a perda de máis tecido industrial.