21 de agosto de 2019
21.08.2019
ALGO QUE DECLARAR

Salvini

20.08.2019 | 21:25

Este mes de agosto tiven a sorte de pasar uns días en Nápoles, máis en concreto na Rione Sanitá, o barrio máis popular e icónico da cidade, berce do gran Totó e escenario predilecto dalgún dos primeiros filmes do neorrealismo italiano da man de Vittorio de Sica: O ouro de Nápoles ou Hoxe, onte, mañá. Desgrazadamente, o de Sanitá é tamén un barrio tomado pola camorra, a mafia napolitana que retratou Saviano en Gomorra e trasladada hoxe maxistralmente ao formato artístico por excelencia do noso tempo: a teleserie.

Cine e violencia ou arte e violencia, son desde sempre unha asociación doada. Deixóunolo escrito Graham Green: trinta anos dos Borgia deron lugar a Miguelanxo, trescentos anos de paz en Suíza ao reloxo de cuco. Pero máis alá das idealizacións artísticas está a espiral de exclusión, infravivenda, desemprego e baixo nivel formativo que atopa na mafia a súa única posibilidade de ascenso social para boa parte da xuventude de Rione. Aquí tería Salvini un reto á altura da talla como estadista que decote se atribúe, unha problemática na que se mesturan o histórico, o económico e o cultural, que esixe solucións lentas, ben pensadas e a longo prazo para resultaren eficaces. Pero desde logo ese non é o estilo Salvini.

O estilo Salvini son os portos pechados ás persoas que foxen dese inferno no que a intervención da OTAN converteu Libia, a antiga colonia italiana. Portos pechados, barcos á deriva e retórica xenófoba para agochar o vello programa neoliberal de sempre: baixada de impostos por arriba e grandes infraestruturas de dubidosa rendibilidade social por abaixo: un tren de alta velocidade italiano.

Velaí o eixo de fractura cos grilos logo do voto divido na Eurocámara nunha manobra sen precedentes: a metade dun goberno de coalición promove unha moción de censura contra a outra metade, unha mestura de trapallada xurídica e xenialidade política, segundo se vexa. O populismo inxenuo devorado polo populismo macarra. Salvini salta a escena como outro dos Arturo Ui do noso tempo, o máis meridional de todos, pero coa mesma linguaxe tosca de Trump ou de Orbán, e o mesmo programa de saída abrupta dos mecanismos internacionais de control do capitalismo serodio que chamamos Globalización.

Así, a crítica da UE e a cuestión migratoria aparecen asociados no discurso de Salvini do mesmo xeito que no dos apoloxetas do Brexit en Gran Bretaña ou, no caso norteamericano, o muro mexicano e a guerra tarifaria con China. O control dos fluxos de poboación equivale control dos fluxos de capital, nunha tentativa ilusoria de volver ao estado-nación do modernismo.

Falta por saber cal é o programa da esquerda ante esta situación alén dos argumentos humanitarios para situacións críticas como a do OpenArms. Unha esquerda que debe opoñer a súa tradición internacionalista á cancelación en modo chauvinista da Globalización por parte dos mesmos imperialistas fracasados que a promoveron no seu día. Amosóunolo aquel ilustrado parteonpeo que foi Giambattista Vico: "os terceiros gobernos son os humanos nos que, dada a igualdade da súa natureza intelixente, todos son iguais ante a lei".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook