Cada derradeiro fin de semana de agosto, coincidindo coa súa mítica e milagreira lúa, no concello de Sanxenxo e no máis que pintoresco lugar da ermida da Nosa Señora da Lanzada celébrase romaría e ritos en relación coas fecundantes augas do mar. Pequena península que sirve de asentamento a castro antigo no que viviron xentes que trocaron saberes e negociaron con canto chegaba polos vieiros do mar, incluso do Mediterráneo oriental, fenicios, gregos, romanos, sen faltar torre-faro reutilizado en tempos de incursións islámicas e normandas, no medievo, necrópole tamén. Conxunto logo cristianizado, con ermida románica dedicada a Santa María, Stella Maris, nova Venus. Espazos de historia, mitos e cultura onde a arqueoloxía e a xestión deste atractivo recurso cultural poden dar moito de si. Inspirador Locus amoenus que non pasa desapercibido e cala en quen ten os sentidos no seu sitio, foino en trobeiros do medievo, en poetas como a Antón Tovar, autor de A Lanzada, en cineastas, creadores... pero tamén en construtores inmobiliarios e todos queren deixar pegada. Ameto pois sometido a un intervencionismo que o masacra, onde a natureza e a historia sigan a contar pasados.

Escenarios en diálogo co mar, coa lúa entre ritos de fecundidade, a onde acoden como sempre os romeiros, cada vez máis motorizados e con ese problema de converter os campos de romaría en aparcadoiros. Programa sacro-profano sinxelo. pola mañá misa, ofrendas, os devotos dan voltas arredor do seu altar cunha vasoira que alí se presta pra ir barrendo o camiño andado, contaminado... sácase en procesión á imaxe da Santa, revestida coas súas mellores galas e billetes de cartos prendidos ao manto. Paséase a imaxe pálida pola península, entre o son das gaitas, o estrondo dos foguetes de palenque e pregóns de vendedores de rosquillas, entre carros de sandías, esféricos microcosmos preñados de frescura que se producen nos lameiros da súa parroquia de Noalla, pra aproveitar tamén a xornada como "Festa da Sandía"... E na noite anterior, a da véspera do domingo, igual que se fai pola noite do San Xoán, poida que algunha mulleres seguido a tradición reciba na praia de Nosa Señora o baño das nove ondas, a carón do horizonte, das illas e do faro de Ons. Nove ondas de sal e de iodo das algas soltas, menciña natural. Logo todo o demais nas relacións do yin-yang home-muller... deixar a roupa vella, estrear outra e nove meses pra "conseguir o desexo que se desexe acadar", tal cal se lle pediu á imaxe da Venus feita aquí Virxe. O ser humano entre o converxer dos sacros Catro Elementos :Terra, Auga, Lume, Aire.

O mar sempre en movemento, con mareas e ondas de incertezas é símbolo ambiguo, imaxe da dinámica da vida e da escuridade da morte tamén. Augas purificadoras cara onde ao fin van todas as augas, os ríos, tal cal cantaba Jorge Manrique. Inspirador Atlántico o galego, o das lendas da Atlántida, "Mare tenebrarum", máis alá das Columnas de Hércules, o océano da mítica Hiperbórea ou do Xardín das Hespérides no que se cultivaban as mazás de ouro. Atlántico das illas do estaño, as Cassitérides, de pozos e simas sen fondo, de monstros, serpes, de sereas e homes mariños, de sombras e de ronseis pra arriscados navegante en míticas odiseas, pra argonautas buscadores do pelexo do castrón de ouro ou de tesouros como lle aconteceu ao avarento Creidne, negociante de ouro, mar de Breogán, de conquistadores... pero tamén camiño pra santos magos como Brandán ou Amaro ou o mesmo pro bretón Maeloc... Océano galego, cartilla elemental de aprendizaxe pra almirantes como Isabel Barreto, Mourelle, Benito Soto e poida que pro mesmo Colón. Océano do "Ara Solis", de cidades asolagadas como Duio, a illa de Is... onde o devalar da luz de faros como o de Brigantia peta no pasado, entre berros de gaivotas, son de buguinas... Camiños pra arriscados mariñeiros, mariscadoras, dos afogados e dos que nos volveron, perdidos entre brétemas ou entre un cegador sol. Mar que solicita suplicas de bo vento á Virxe do Nordés ou a do Carme, ronseis de prateadas lúas os que ben souberon interpretar os Urbano Lugrís, pai e fillo.

As relixións ven no mar o principio, contan que del nacen os deuses que o dominan. Así romanos e gregos ofrecían ao mar sacrificios de cabalos e touros. Para os celtas, especialmente os de occidente atlántico, entre os que esta Galiza, o misterio e os deuses tamén chegaban polo mar e polo il tamén se ía ao Trasmundo, xa que Estixia era filla da ninfa Oceánide en relación co río do inframundo que estaba na outra súa afastada orela. E así, entre os mitos interminables do Atlántico dicían os celtas británicos que Moritasgus era o que viña do mar, que o galés mago Merlín, fillo dun Demo e dunha monxa, conciliador de forzas inferno-Ceo, naceu nas covas do Mar, como foi Dilan fillo de deusa ou o misterioso Pelagio ou Paio, tan nos mitos galegos é o que chegou polo "pelagus".

E asociado co mar, entre tantas cousas, está o sal que é cristalización, solidificación, mediación, estabilidade, as súas cotizadas propiedades na alquimia e na maxia. Sal que co xofre e o mercurio é principio básico, que se dilúe nas augas e se extrae pola evaporación da auga do mar. E que antigas supersticións célticas e nórdicas poñen a súa orixe nunha illa de sal engulida por augas que no inicio eran doces... Tentadora auga do mar, que non auxilia como último recurso entre a desesperación de sede na soidade do océano. Pro sal conservadora de alimentos e destrutora tamén do mesmo ferro. Por algo se di dos seguidores de Cristo que son como "o sal da Terra": salsa de vida, transmisores da súa forza, da graza do sabor celestial, pero tamén da súa protección. O sal simboliza a incorruptibilidade e como tal úsase na alianza con Deus a través da liturxia, das oblacións, en todo sacrificio non debe faltar, mesmo no bautismo únxese ao neófito con sal na fronte, "sal sapientae", símbolo de sabedoría, alimento espiritual. Sal aplicada en rituais de confraternidade, especialmente hebreos, no sabbat, compártese o sal e o pan.

Nas crenzas antigas o Demo fuxe do sal e como tal elemento purificador vertíanse presas nas soleiras das casas, no peitoril dos pozos, nas esquinas dos campos, alí onde houbo algún drama ou síntomas de contaminación. Ritual que tamén pode ter sentido simbólico diferente, oposto á fertilidade, xa que a auga salgada é auga de amargura, fronte á auga clara, fertilizante e xa que a terra salitrosa é dura, árida e estéril. Lembramos a pasaxe bíblica da fuxida de Sodoma e Gomorra, cando a muller de Lot mira atrás e se converte en estatua de sal, o peor que pode acontecer... e un Mar Morto cargado de lendas. "Sementar de sal", como no Cantar do Mio Cid "...El Rei daranos morte, arruinará a casa e sementará de sal o pobre campo". Tradicións seguidas dende os romanos, os que despois de incendiar, saquear as cidades vencidas, ciscaban sal sobre as súas agras pra facelas infecundas.

Comedidamente o sal considerase condimento esencial e fisioloxicamente necesario no xantar. Dende a antigüidade cotizada pra conservar os alimentos, as salgaduras, mesmo fórmula de pago en especie que deu lugar ao nome aínda vivo de "salario".

Agosto anuncia o outono mariño: solta de algas que inzan de verde os areais das praias. Vexetais mariños tan cotizadas no pasado como abono pros lameiros, e hoxe pra elaboración de cremas de cosmética e alimento e máis o poden ser aínda no futuro.

Ao respecto moito habería que dicir da illa do Xapón, da cultura marítima dos niponeses, a que se fundamenta no océano, arquipélago onde atopamos acentuados e anovados xeitos de vida, tradicións, ritos moi semellantes aos galegos, como unha alianza entre dous cabos do mundo Oriente-Occidente.