As negociacións entre PSOE e UP para formar goberno, quedar con vistas a unha relación seria ou o que xurda non pasan da fase de "a quen me dea un pao doulle un peso". O único movemento político de Pablo Casado neste verán foi deixar medrar a barba e propoñer iso de España Suma (y no cincuenta y una) con pouco éxito de crítica y público. Albert Rivera debe estar na ídem Maya porque leva tempo sen alertar que se rompe España e periga o castelán. Os náufragos rescatados do Open Arms xa fixeron abanear o goberno de Italia e invadir non invadiron Europa, pero si as redes sociais españolas, así que pouco máis proveito mediático se lles pode sacar. Entón, como en algo había que centrar a tensión, e apareceu a listeria.

As doenzas novas teñen unha chea de vantaxes sobre as de toda a vida, Ademais da novidade en si mesma, que non é pouca. Outra é o descoñecemento. Se de algo se sabe pouco, pódese especular longamente sobre causas, alcance, efectos, transmisión, patoloxías, síntomas, prevención, tratamento, medicación, morbilidade, mortalidade e prevalencia. Tamén hai unha chea de expertos dos que botar man, sexan contrastados ou por descubrir (non hai nada máis agradecido para un medio, non digamos xa audiovisual, que un experto que se explica de forma que se lle entenda). Por exemplo, non sei se lembran a gripe aviar aquela que encheu o aire informativo que respiramos hai uns anos. Resulta que segue. Mesmo en España, hai dous reportáronse cerca dun milleiro de casos... de parrulos e un par de cegoñas. Afectou a algún humano, pero creo que vítimas mortais non houbo. Porén, da gripe común „da que toque cada ano„ morre bastante xente, e non ten interese informativo ningún.

Agora tócalle a listeriose, a enfermidade causada pola bacteria Listeria monocytogenes, que ten a súa orixe „os casos detectados en España„ nos produtos dunha cárnica sevillana. A listeriose ten eses síntomas comúns a unha chea de cousas (febre, dor de ósos, diarrea), e cóllese por consumir as verduras crúas ou pouco feitas, produtos artesanais, por non ferver o leite... xusto o contrario das actuais tendencias e do que aconsellan os nutricionistas. Así que entre unha cousa e outra „e que a bacteria "é moi intelixente"(?) lin por aí„ todo o mundo anda apalpándose a ver se lle doe algo. A Listeria monocytogenes será ben lista, pero as autoridades sanitarias andaluzas parece que non moito. A doenza pode tardar ata dous meses en manifestarse „lista, pero folgazana, a bacteria „, así que o lóxico sería interromper de inmediato a produción e distribución do produto orixe da infección, e inspeccionar a fábrica. Optaron por non alarmar á poboación e por louvar a colaboración do fabricante. Xa se sabe o que pasa neste país cando desde arriba chaman á calma.

Agora hai voces que, a conto da listeriose piden a recentralización do control sanitario. As maiores desfeitas relacionadas coa saúde alimentaria sucederon precisamente cando todo estaba centralizado. Entre outras cousas, supoño, porque canto máis próximo se está ao consumidor máis doado é controlar a fabricación e o consumo, e porque se hai un torpe entre 17 encargados de controlar que se come en cadansúa comunidade, o mal atállase moito antes que se o torpe é o que se encarga de supervisar todo o que se consume en 17 comunidades. Porque a maioría das cousas malas que pasan teñen máis que ver coa estupidez que coa maldade.