Lamento ter perdido o debate no Parlamento sobre a crise do Open Arms, o barco da ONG do mesmo nome. Laméntoo porque para unha vez que se poñen de acordo en algo, aínda que sexa tan básico como que á xente que se afoga hai que socorrela, non estou coa orella posta. Non é que se abrazaran todos, se mazaran a bicos e quedaran para facer unha paella na Casa de Campo, a política consiste en confrontar visións distintas, pero polo menos non insultaron o sentido común, aproveitándose de que neste país -tamén noutros, pero neste máis- hai xente que lle pon a mesma racionalidade e a mesma paixón a escoller un partido político que a un club de fútbol, e podes dicir que a herba é azul que sempre haberá unha chea de xente que o subscribirá como a verdade revelada.

É como para felicitarse porque hai cousas que non deben, creo eu, servir como pedras para andalas arrebolando uns aos outros. Pódese debater sobre política migratoria, e mesmo debería facerse, pero non sobre que facer con vidas humanas en perigo. Mesma nas guerras rexe -ou rexía- a Convención de Xenebra, unha serie de normas de como había que tratar ao inimigo. E para discutir, hai que facelo sobre realidades, e non, como se felicitaba o partido de Abascal, o único que disentiu, "sobre las verdades sobre la inmigración ilegal que has oído mil veces en boca de tu familia, amigos y vecinos en la libertad de las conversaciones privadas, dichas por primera vez en el Congreso". É dicir, dos rumores, medias verdades, mentiras enteiras ou incluso crenzas de boa fe, que se poden dicir coa liberdade de que non hai ninguén que saiba do tema que o poda desmentir. Como o de que atenden antes aos migrantes na Seguridade Social, que cobran (?) máis os menores estranxeiros que as viúvas (non é certo, os menores sempre que estean tutelados, sexan de fóra ou do país, reciben una axuda entre os 12 e os 40 euros, segundo autonomías. Nin sería raro: aquí hai 12.500 menores deses, mentres España é o país con máis pensións de viuvez, 2,5 millóns, e unha de cada cinco a persoas en idade de traballar). Os inmigrantes achegan máis ao sistema do que reciben e usan moito menos o sistema sanitario, segundo un informe de Obra Social La Caixa, esa entidade bolchevique.

Con todo, a mentira máis instalada é a de que esa xente, despois de deixar fortunas atravesando o norte de África, se bota ao mar arriscando a vida polo efecto chamada das mafias, como se as mafias fosen as compañías de viaxes que te tentan convencer de que vaias a Punta Cana ou a un cruceiro polos fiordos, e non bandas que se aproveitan da desesperación e da necesidade que ten a xente de buscarse a vida, aínda a costa de perdela. Como se os que saíron de aquí a facer as Américas venderan leiras e bois para pagar a viaxe a Bós Aires (e nun barco de verdade) porque aparecía un tipo cun folleto da Hamburg Amerika e non porque quixera mellorar de vida. No caso dos galegos de hai cen anos, o efecto chamada era saber que, traballando duro, podíase facer uns cartos ou non, pero quedando non. No dos africanos de hoxe, o efecto chamada é ver na televisión ou en internet un mundo no que a xente ten educación, luz eléctrica, auga corrente, e non hai guerras nin fame. Mentiras no Congreso recordo moitas, e para contos en familia, mellor os de aparecidos.