Asegura neste diario e mesmo nesta páxina Antón Peruleiro „que non me deixará mentir„ que andan, supoño que o Concello, a buscar un nome para o nacente barrio do Ofimático, e que hai quen propón Matogrande Segunda Fase, ou Novo Matogrande, pola proximidade a Matogrande-Matogrande, ou, máis liricamente, Barrio de la Amistad ou da Esperanza. Non son contrario á lírica, pero tendo en conta a traxectoria da creación do barrio, eu a Amistad non lla vexo por ningures, e no que respecta á Esperanza, eu deixaríao en Espera, polos 30 anos de demora, ou no da Esperanza en Cobrar, ou da Esperanza en Poder Ocupar o Piso.

Supoño que en todas as cidades pasa que cando son as autoridades (promotores inmobiliarios incluídos) os que poñen os nomes, non hai máis que metidas de zoca, que quedan logo nos mapas, nos mentais e nos gráficos. Debe ser a síndrome do colonizador, de chegar a un sitio e poñerlle un nome independentemente de como lle chamaran os que alí vivían, os seus pais e todos os devanceiros. Un costume que é un espello da realidade: xa non son os veciños quen constrúen cidade, senón as forzas vivas debuxándoa no mantel riba do que comeron mentres acordaban. Na Coruña houbo unha ansia colonizadora extrema, xa desde os tempos do polígono de Elviña, que lle deberon poñer ese nome nun despacho da calle de Alcalá, mirando que monte quedaba preto, porque non está que digamos en Elviña, senón en todo caso en Monelos. Noutras ocasións son os poderes fácticos quen impoñen o nome dos sitios. O barrio de Novo Mesoiro está nun lugar que se chama o Monte do Muiño, e por riba está en Feáns (claro que aos impulsores non lles debeu prestar que a urbanización se relacionara co cemiterio). E xa postos, o nome galego sería Mesoiro Novo, non ao revés. E desde logo, a únicas roseiras que houbo nunca n'Os Rosales estaban soamente na ansia dos promotores do polígono convencer aos clientes de que ían vivir nun xardín de rosas.

Outras veces é a megalomanía do que manda. Iván Méndez Echeoquehai, especialista en toponimia e microtoponimia coruñesa, ten dito por activa e por pasiva que en mapas de hai polo menos dous séculos xa aparecía co nome de A Mexillosa (adiviñen por que) o que agora se coñece como zona do Milenium, a causa do pacolito que se chantou alí hai 20 anos. E os coruñeses actuais identifican xenericamente como "a zona da Domus" os lugares que centos de milleiros de persoas que antes viviron na cidade lle chamaron sempre Furna das Meigas, Punta da Moa ou das Amorosas... E así con centos e centos de lugares, rebautizados coa forza do bastón de mando e do bombardeo mediático, moitas veces xogando coa vantaxe que os seus habitantes e a súa memoria foron reubicados polas boas ou polas malas.

Por esa mesma razón, vai ser difícil darlle un denominación con xeito ao Ofimático, ese nome tan dos 80 e que nunca se soubo moi ben que quería dicir (a cousa anunciábase como "Parque Ofimático con edificios intelixentes, con servizos como videotexto ou correo electrónico"). Xa non queda veciños nin memoria dos nomes de As Cernadas, As Peladas, Cubelo, Freixeiro, que é como lle puxeron os que alí vivían e traballaban. Despois de tanto titular e tanta controversia, supoño que lle quedará "Ofimático", nome entre pretencioso, pasado de moda e impersoal. Eu votaría por chamarlle Eirís de Abaixo, pero sendo prudente, conformaríame con que non lle poñan Novo Carrefour.