O Oribio é serra de siluetas mansas, lombas que diría don Ramón Otero Pedrayo, revestidas de bosques e espesas devesas, entre fluír de regueiros. Conformando horizontes a xogar cos nubeiros e petar nas miradas sensibles: nas dos peregrinos que polo Camiño Francés, entre Triacastela e Samos, bordean a súa soidade misteriosa, na ollada dos arqueólogos, velaí, entre outras ameazas, a Cova de Eirós, vestixios da actividade de bandadas humanas de fai case 40.000 anos... e máis dirá o tempo. Atraínte paisaxe pra mirada dos xeólogos, dos biólogos... pero tamén na visión de especuladores que abandeiran un falso progreso sobre a destrución do seu patrimonio natural e cultural.

O nome de Oribio, como o de Samos, sementan as dúbidas, Amor Meilán di que nun inicio se chamaba Cribio, logo pasou a O ribio, coa similitude de o ripio, borde, e finalmente pasou a Oribio. O certo é que son lombas que serven de marco ou lide natural pra chaira de Lemos. O Padre Sarmiento, bieito oriúndo destes montes, tamén repara no topónimo de Samos, Murguia, guiado pola sobranceira topografía atribúeo a Samumand, montaña en sánscrito... e fala do valor eglóxico desta serra. García da Riega pon máis os pes no chan e derívao de psamos (ribeira, borde...) outros a Samáns, como concentración de ermitáns...

No século XVI o historiador galego Castella Ferrer sitúa no Oribio abundantes asentamentos castrexos; nos comezos do século XX é estudado polo xesuíta, naturista, Baltasar Merino, pra nas súas Viaxes de Herborización dar conta do interese da Devesa do Oribio, da riqueza da fraga, de aldeas que, dende o val do Louzara e do Louzarela levan ás súas cimas: Queixadoiro, Aira de Padrón... humildes casaríos entre carballos, castiñeiros, bidueiros, acivro, o serbal...

Montes e val situados nun centro xeoestratéxico do pasado, nos que radica o orixe e o poder económico do mosteiro bieito de San Xián de Samos. Terras de antigo ricas en ferro, así pois en ferrerías, sendo o río Lóuzara mostra da riqueza mineira por canto arrastran as súas areas de minerais arrincados das cristas, mesmo ouro e prata. Cumes entre as que está perdida a pequena lagoa, da que dicían os paisanos que "tiña ondas e mareas"... Serra fecunda en gandaría, as bestas bravas, os cabalos, noutrora base do transporte e da arriaría; bosque madeireiro, veigas de farta agricultura, froiteiros... Con Historia que trunfa na Alta Idade media, como paso entre a Galiza Lucense e a Asturicense, así pois obrigada parada e fonda nos camiños reais que serpean pola serra. Territorio repoboado en tempos de Ordoño II, protexido polos prelados e os reis. Mesmo o Abade de Samos sempre foi administrador dun ancestral legado material e espiritual, titularase Capelán da Casa Real, recibindo privilexios, tendo xurisdición propia e dereito de asilo pros perseguidos... Mosteiro que contaba cun importante tesouro, entre eles unha cruz das de tipo asturiano, desaparecida e da que da conta López Ferreiro; velaí do século X, os tempos de San Rosendo, a capela do Salvador ou do Ciprés...

Gastados camiños por onde pasou de todo, rufiáns, fuxidos, sobranceiros abades ou santos. Cenobio gabado pola súa biblioteca e arquivos, pola obra de Albito, considerado santo e onde o monxe Trasmondo colleu sona por transcribir vellos códices. Libros nos que se documentou o Padre Feixoo. Tan alta significación acadou esta casa e canto a arrodeaba, que na metade do século XX tentouse facer dela un santuario cultural, un Monserrat galego: alí acóllense creadores, entre eles o poeta Ramón Cabanillas que lle dedica o libro Samos, o escultor Asorey recibirá o encargo de facer pro claustro o monumento ao Padre Feixoo, sobranceiros pintores farán nos claustros murais sobre a significación dos bieitos pra Europa... Samos merece capítulo aparte.

No ano 2000 e tras moitas inquedanzas e reclamacións aprobouse o plan Director da Rede Natura de Galicia, o que no devalar da súa madurez experimental irá complementando medidas e cautelas medioambientais, tendo presente a ameaza dos incendios, prohibindo a instalación de novos parques eólicos nos espazos incluídos (Artigo 23 Decreto 37/2014). Así é que a serra do Oribio non lle falta unha ampla e incisiva protección teórica legal, a que agora parece ignorarse: catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) incluída na Rede Natura 2000 de Galicia, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e dende 1993 dentro da protección do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade. "Especial protección" motivada por valores naturais, etnográficos, arqueolóxicos, culturais... Zona onde sobreviven especies ameazadas de extinción, como a tartaraña cincenta, a gatafornela, onde se constata a presenza do oso pardo, que xa son palabras maiores e máis.

Retomáronse agora as obras pro parque eólico do Oribio e volveu a protesta ata que o pasado 17 de xuño paralizáronse preventivamente. Colectivos galegos atentos ao acontecer, cando a maquinaria pesada entra na serra, presentan denuncias nos despachos dos poderes públicos, os mesmos que a Constitución Española (art. 45 e 46) encarga que "garantiran a conservación do patrimonio natural e cultural dos pobos de España" e bla, bla. Proba de que o país madura cando hai colectivos solidarios quen velan por il e máis alá da rutineira maquinaria burocrática e patufa de administracións desencarriladas das mesmas normas que impoñen e incumpren. A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), a Fundación Oso Pardo (FOP) a Asociación pra Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) así como a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), pra maior seguridade o 26 de xuño denunciaron ante a Fiscalía Xeral de Galicia as obras iniciadas: alarmantes movemento de terras no tramo que dende Lampazás leván á mesma cima do Oribio, apertura de pistas, recheos sobre os vellos camiños reais, modificándoos, destrución de nacedouros, de vestixios arqueolóxicos, mámoas, antigas minas, arrasando as pedras legoeiras, fitos que marcaban o camiño de Castela etc. Así mesmo solicitouse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Cultural a documentación que se supón se esixe previamente á empresa produtora, distribuidora e vendedora de enerxía, Fergo Galicia Vento SL, a que xa en xullo do 2004 encargara estudos de impacto arqueolóxico a Lorena Vidal Caeiro e a un equipo especializado. Estudos que se fixeron traspapelar, nos que constaba que as obras afectaban a varios monumentos megalíticos como os de Lampazas, Fial, entre outras medorras que enxergan a riqueza gandeira e agrícola, mesmo servindo de marcos, lombas entre as que zigzaguea un Camiño Real que deixa a Cruz e o Campo da Braña, onde se conta houbo un mesón, a Pena Calzada, o pardiñeiro que noutrora foi portela e fielato, a Fonfría, o Poio... nas abas do monte Gundriz, a portela de Reigosa, os acubillos da Coviña de Diego, Valdecova, refuxios que foron de pegureiros, onde se escenifican mitos contados "á luz do candil", que diría Fole, arredor do encanto das mouras, da rapariga Sabeliña, onde o oso e unha moza tiveron un fillo... folclore recollido por Ana Isabel Filgueira. En fin, "Locus amoenus" que inspirou ao poeta de Lóuzara Fiz Vergara Vilariño, patria tamén do periodista Lois Celeiro, que supoño atento a esta "inxuria de rudo encono" á súa terra.

Compre analizar a sangría, o goteo de tentativas por parte de empresas enerxéticas con mandos procedentes da alta política de goberno enchufados na cúpula dos seus consellos asesores, canonxías ás que accederon polas portas xiratorias. Empresas vitais, que de ser nacionais pasaron a privatizarse e caer en mans difusas. As que mesmo ofrecen a cambio caramelos, medidas compensatorias, mentres que as fortes lévanas fondos escuros e deixar migallas a concellos e a Xunta, pra máis inri a esperpéntica dunha intervención "artística" sobre os postes e as aspas dos xeradores, dis que pra "amortecer" o impacto... curiosas solucións as do graffiteado... a degradación cultural non ten lindeiros. Co paradoxo de que se paga máis en Galiza polo consumo eléctrico que en New York, París ou Londres... enerxía que move a industria, que evitaría a emigración... parece interesar o abandono pra deixar facer.