En maio de 2003, nunha entrevista a un xornal afín, o daquela aínda líder da oposición, José Luís Rodríguez Zapatero deixaba un titular que formará parte da historia por escribir da crise da socialdemocracia europea: baixar impostos é de esquerdas. Eran tempos de fartura, o clímax do aznarato e do que Juliana chamou a España Solar: a das fortunas conquistadas recualificando fincas rústicas á beira do mar, preferiblemente, o Mediterráneo. O urbanismo era a arte de facer alguén rico cun lápiz e un papel, e a voda do Escorial o final apoteótico de toda unha época contabilizada en pamelas. Hoxe, case vinte anos despois, vemos entrar paseniñamente na cadea a un ritmo menor do esperado a parte dos protagonistas daquel aquelarre.

A antiga socialdemocracia tentaba escorrentar os conxuros lockeanos e antiestatalistas daquela estadea infernal encabezada por Reagan e Thatcher nos 80 copiando parte do seu programa e mercando, de paso, a paz social cunhas elites económicas capaces de determinar a opinión pública a través dos seus propios medios de comunicación. A fórmula foi chamada social-liberalismo e a súa doutrina económica aseguraba que en tempos de bonanza, o estado pode baixar a presión fiscal e seguir mantendo os mesmos servizos públicos grazas ao aumento da recadación derivado da suba do PIB. Este capital privado, ceibe por fin das torpes gadoupas do estado benefactor, regresaría ao ciclo produtivo contribuíndo así a xerar máis actividade económica e máis impostos. Anos despois desta entrevista, Zapatero chegaría a presidente do goberno ao abeiro dos delirios xeopolíticos do Aznar máis texano, retirou de inmediato as tropas de Irak, e iniciou unha serie de políticas avanzadas en materia de igualdade. A política fiscal deixouna estar como estaba e, na cuestión territorial, descubriu demasiado tarde que o Alcázar acantonado no Tribunal Constitucional ía esmagar sen piedade un Estatut aprobado previamente en Catalunya e nas Cortes. Aquel choque entre as tectónicas do principio de democracia e o de legalidade produciría os primeiros sismos do que é hoxe a fractura catalá.

A fórmula máxica da baixa presión fiscal e ampliación dos servizos públicos só era posible mantela nun contexto de crecemento económico, en tempos de contracción, o único recurso accesible ao estado era o financiamento a través débeda pública e cruzar os dedos. A Gran Recesión de 2008 atopou o estado español sen reservas financeiras nin ferramentas monetarias para facerlle fronte: de membro da tríade imperialista das Azores, España pasaba a formar parte dos países chamados PIGS, porcos, en menos de cinco anos. Hoxe, a débeda pública triplica a de 2008, supera o PIB anual e segue medrando.

A cuestión dos impostos volve estar estes días de actualidade: Ayuso quere converter o Madrid post-púnico nun paraíso fiscal, o número de moi ricos medra de xeito exponencial e, nas negociacións entre o PSOE e UP, os primeiros disque queren manter a toda costa a súa política de impostos baixos. Hai morriña dos 90, de crear unha nova xeración de ludópatas que só han deixar máis débeda en herdanza.