14 de septiembre de 2019
14.09.2019
SI, HOME, SI

As condicións da UDC

13.09.2019 | 22:11
As condicións da UDC

Estamos de acordo, pero non se dan as condicións". Podería ser unha das escusas para xustificar que non se produciu un pacto de goberno, ou polo menos un compromiso de investidura, entre as principais forzas progresistas. Pero non „ou si, deron tantas...„, é o resumo da xustificación da Universidade da Coruña para anular as Xornadas sobre Traballo Sexual que se ían celebrar a semana que vén. As redes sociais ardían contra a iniciativa, cousa lóxica, porque as redes sociais teñen máis inflamabilidade que unha plantación de eucaliptos en agosto e con nordés, e porque ademais as redes sociais están para iso, para mostrar desacordo, opoñerse, e mesmo para ofrecer unhas labazadas sen que ao final pase nada fóra do virtual (quitado que deas cun xuíz sensible a determinadas ofensas a determinados e moi concretos sentimentos).

Segundo a xente que protestaba nas redes contra a, as xornadas ían ser como unha feira de mostras da prostitución, con proclamas a favor da explotación de nenas e mulleres, nas que intervirían axentes pagados pola internacional proxeneta. Como para imaxinar a Facultade de Socioloxía „sede do evento„ chea de tipos con cadeas de ouro refulxindo no peito peludo, e un mercado de escravas no parking. Incluso parece ser que a universidade é un ambiente favorable para ese tipo de proselitismo, non sei se por algunha debilidade de carácter das universitarias, ou por algunha tara dos universitarios, ou polo ambiente de promiscuidade inherente a toda ensinanza mixta.

Curiosamente, dous días antes celebraranse no mesmo lugar, sen problema ningún que se saiba, outras sobre Violencia(s) contra as mulleres. Digo curiosamente, porque ese mesmo título, ou con poucas variantes era tamén o de varias intervencións das xornadas anuladas. A diferencias é que as xornadas "legais" están promovidas pola corrente de opinión que está a favor da abolición da prostitución, e as "ilegais", organizadas pola que pretende que se regule. As legais teñen o apoio de distintas institucións, e as ilegais, de ningunha (o que tiñan, o da UDC, aló foi). Nas legais participan diversos expertos e expertas e ningunha prostituta, nas ilegais, prostitutas (e un prostituto) ou exprostitutas, e algunha xente experta.

Eu non teño ningunha opinión formada sobre o asunto máis que a de son contrario á explotación sexual e a calquera forma de coerción a liberdade persoal. E sei que o noventa e moitos por cen das traballadoras sexuais non o son por decisión propia, ou polo menos non nas circunstancias na que exercen esa actividade. E iso é o que hai que combater. A mellor forma de facelo é o que habería que debater. Agora, que alguén teña relacións sexuais con quen queira, porque lle gusta, porque lle recorda a un artista, por cartos, ou porque si, porque lle peta, forma parte desa liberdade persoal. Hai xente que prefire non facelo de forma ningunha e outra que lle dá menos importancia a practicar sexo que a desenvolver outras actividades, físicas ou mentais, máis cansadas. Algo tan complexo como a prostitución non ten unha solución fácil, pero menos se poden falar as profesoras e se fai calar ás putas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook