Cando se anuncia o outono, Elviña, algo máis que unha aldea que ten ao Santo Vicenzo como patrón, celebra festa. E santos vicenzos hai moitos e os máis valencianos, como o dominico Vicenzo Ferrer, o que nas súas apocalípticas prédicas atemorizou aos coruñeses do século XIV dicíndolles que ían ser engulidos polo mar, pra morrer e venerarse na cidade bretona de Vannes. E esoutro santo Vicenzo Mártir, do século IV, celebrado polos mareantes de Lisboa, onde compite co San Antonio no seu padroádego. Será este o celebrado en Elviña, noutrora en 22 de xaneiro, pero imponse o verán... Detrás das vellas devocións hai moita historia e cultura.

Romaría aberta a de Elviña, con pregón de entrada incluído e para o que, neste 2019, aínda que sendo cousa obsoleta, contan con este humilde servidor. Cousa de agradecer entre tanta competitividade de animadores de reguetón e estridentes cómicos televisivos.

A Elviña asoballada merece compensacións. Aldea coa orixe da orixinalidade, con castro que poido ser Brigantía, capital dos Ártabros, onde tamén se me permitiu formarme nas aventuras e desventuras da xestión arqueolóxica, a que mellor non practicar cando non facilitan medios e seguridades, a non ser preservar o xacemento. Lugares xeoestratéxicos na Historia, castigados, provocados e rebeldes. Pois por Elviña e por Eirís, istmo, éntrase e sáese da península da Coruña, camiños, que tamén collían cara Bergantiños quizais emparentado con Brigantía .

Así que feliz por concedérseme pronunciar o pregón que non é máis que un prego supino, con algo de canto bardo no que se lembran contos, historias ese enxalzan con retrousos de esperanza ás súas xentes. Recollendo así o facho entregado polo homo elviniensis por excelencia, dos de ida e volta a súa Itaca, Manolo Rivas. Oportunidade pra recoñecer a veciños, expropiados, malcompensados, os que pese a tanto aldraxe aínda manteñen esperanzas e dan facilidades tanto pra arqueoloxías nos altos dos Curutos como pra enguedellar as súas casas entre viarios, rondas, galpóns comerciais, edificios e facultades.

Parroquia nacida pois ao pé do camiño vello e á que estaban adscritos os lugares de Castro, Feáns, Laranxeiro Mesoiro, Palavea, Pedralonga, a Pasaxe, río de Quintas e o Vio. E o día 22 de cada mes, número dedicado ao San Vicente tiña marcado no almanaque unha concorrida feira. Encontro no que eran moi solicitados os froitos da súa horta: grelos, a graíña, verzas... e mesmo uvas moscateis, produtos que, xa daquela, os veciños estaban obrigados a repartir en renda ao mosteiro de Santa Bárbara da Coruña, pois este territorio do século XVI e XVI pertenceu aos Gómez Pérez das Mariñas, pasando en herdo a Roi Xordo dos Andrade, que tomou bando polos irmandiños da Fusquenlla. E finalmente predios repartidos entre o convento das bárbaras e o mosteiro compostelán de San Martín Pinario.... tal como tamén dan contan as memorias do arcebispado de Santiago do 1607. Documentos sobre Elviña non faltan.

Velaí, e tamén maltratada, pese as súas catalogacións de protección, entre cartelóns de areas comerciais, a igrexiña románica do Santo Vicecenzo de Elviña, estilisticamente vencellado ao mosteiro de Cambre. Templo con canicelos nos que abondan os bóvidos, algún saltibanquí, con gastadas acróteras e no interior o arco triunfal entre capiteis labrados con temas animais... Templo parroquial que no 1933 ardeu, sendo restaurado uns anos despois. Igrexario no que non falta cruceiro, pintoresco escenario tantas veces recollido polo pintor Xosé Fernandez Sánchez, o lembrado Pepiño de Monelos, omni presente en todo acto cultural galego da época. aquí, no día de festa sempre o atopábamos, pintando "ao natural", impregnando as súas características manchas impresionistas pra representar as "multitudes" entre as imaxes e os pendóns da procesión... Xa antes LLoréns escollera pra pintar o piñeiral e o souto de Elviña e tamén aquí as Irmandades da Fala coruñesas afondaron raiceiras galegas.

Anfiteatro natural, val entre o Monte das Arcas e os Curutos ou Castro, con microclima, onde tarda en entrar a brétema, onde apozaban regueiros, o das Hortas, o de Someso... pra crear unha braña, propicia ao liño, aos xuncos, aos vimbios, ás espadanas... materia prima pra ancestrais artesanía, por iso mesmo a Elviña de antes foi terra de cesteiros, cordaneiros, tan necesarios nas tarefas portuarias e do mar... pero tamén foi de zoqueiros e de lavandeiras. De lameiros ribeirados de farturentas hortas e leiróns con froiteiros, loureiros, fontes, lavadoiros e tendais de roupa branca. Espazos estragados a través dos anos polas obras das ribadas pro ferrocarril, polas explanación e construción da Cros, Fertibeira que, pra máis Iri e por algúns anos deu fume e cheiro fedorento, a cambio dalgúns traballos pra quen preferiu quedar a emigrar. Denantes a xente de Elviña, a máis do agro, atopaba no porto e na fábrica de tabacos saída de traballo.

Paisaxes e paisanaxes maltratadas, gran aldea que revelando tanta historia, non perde o senso rebelde: expropiada por uns e por outros para plans urbanísticos que esgotan o seu estratéxico valor na urbe. Aldea esmirriada, convertida na asepsia dos polígonos, con naves feirais, galpóns industriais e entre todo o paradoxo dunha Universidade na que se forma o futuro.

A pesares de todo Elviña convoca romaría arredor das orixes, das tradicións... e como non, dunha mesa e do bo facer da cociña, dos contos, dos cánticos e da nosa música. Trátase de recuperar o senso da antiga tradición coruñesa, aquela das merendiñas, onde a paisanaxe se atopa co que aínda queda das súas paisaxes... Paisaxes que vimos mudar, pasar de ser agras a ser urbanizacións: a Ponte da Pedra, a Costa do Quinto, a quinta do Carracedo e dos Cernadas co lavadoiro dos Mechos... E aquelas penedas orientadoras , esfaragulladas para servir de cantería: a pena do Cuco, a do Galiacho, coa pegada do que dicían a ferradura do cabalo de Santiago... a pena Longa, a pena Redonda... o Escorial, coa Casa do Cura, reitoral ou Casa do Francés, entre o que foi piñeiral, onde seica Soult tivo centro estratéxico na batalla do 16 de xaneiro do 1809 sobre as tropas inglesas ao mando de Moore, contabilizada nos mármores do Arco do Trunfo de París... o monte do Peñasquedo cos restos dos polvoríns, os da Lagarteira e do Feiteiro, destruídos no 1809... no alto o Monte das Arcas, no baixo, a carón da braña a indiana Casa do Lagar, a que deron en chamar agora como casa da galería... a casa dos de Lucho derribada recentemente pro que se prometía ser o "ofimático"... Lugares unidos por vellas vereas, congostras de rodas de carro marcadas no chan penedío: o Camiño de Garamelos, o Camiño Real que cara ao monte das Arcas e ao Orro de Altamira... ou pola outra banda cara ao Monte Melo de Eirís,o que con Elviña controlaban o paso polo istmo da Coruña. O Camiño de Palavea ao Portazgo, co seu fielato, os camiños do Castelo cara Mesoiro, os do Martinete ou do Poupón... Paisaxes trastornadas até deixar perder os seus nomes orixinarios, pra ser Elviña I, Elviña II, o que era Someso, o Mato Grande, Monelos.... esquecendo o nome de casas: Bousoas, A Laxe, Nixede, Augarríos, a Cortiña, Revandas, Carballeira, Viramontes, Lodeiro, a Maiciña, a Agra do Bico, os cómaros da Cavaxe, as Fabeiras, a Agrela, os Candados, os Sobrados... e os actores o Serafín do Pejo, os Barreiro, propietarios de boa parte do Castro, xunto co carniceiro Valentín Fernández Sánchez... Os do Campís, os Chao, os Candame que trunfaron a nivel mundial na arte da ourivería... sagas familiares, con alcumes, como sempre foi: os Trancas, os do Costureiro, do Nenuco, os do Outeiro, os de Bras, os Cotovios, os de Toba, os Mariñas... E aquelas tendas, nas que había de todo e se falaba de todo, a de Leonor, a do Cachelo, a Fringale, a de Castela... os cabaceiros co seu celeiro por baixo... hoxe pardiñeiros sobre os que campa o fungo de cemento da facultade de arquitectura. E detrás a importancia dun concello desaparecido, fagocitado pola urbe, o de Oza. Escenarios pra lendas, recollidas pola arqueóloga formada neste castro, Ana Isabel Filgueiras, fábulas de lareira que falan da trabe de ouro que vai dos Curutos ao Lagar, de mouras, de tesouros estragados.