Son abondo coñecidas as consecuencias económicas e sociais da privatización das empresas públicas estatais iniciada nos 80 polo PSOE e continuada nos 90 polo PP baixo o rótulo da chamada modernización: perda de milleiros de postos de traballo de calidade substituídos „externalizados, segundo a linguaxe técnica„ por outros tantos de peor condición; perda de patrimonio público estatal e dos dividendos xerados, ano tras ano, por estas empresas e que pasaban a engrosar o orzamento xeral do estado; desregulación de certos servizos estratexicos como a enerxía ou a comunicación que, lonxe de abaratar o seu custo na competencia voraz do mercado aberto, iniciaban unha espiral alcista a consecuencia do reparto amigable do mercado entre dous ou tres oligopolios que chega deica hoxe.

Pero que hai das consecuencias políticas? A privatización de practicamente todo o sector público español da comunicación, a telefonía, a produción e distribución de electricidade e hidrocarburos ou a banca pública „nun proceso culminado na Crise do 2008 coa quebra das caixas de aforros„, tivo como consecuencia inevitable a creación doutras tantas empresas de titularidade privada e magnitude colosal cunha evidente, e cada vez máis descarada, vontade de influír na toma de decisión do poder político e, por tanto, na democracia no seu conxunto.

Porque, se un repasa a listaxe das empresas que forman o IBEX 35, poderá comprobar que moitas delas foron no seu día empresas de titularidade pública „desde Telefónica e Repsol, ata Endesa ou Bankia„, cuxas directivas son decote consultadas sobre o discorrer da cousa pública por uns medios de comunicación, en boa medida, dependentes dos seus investimentos en publicidade, cando non, directamente participados no seu capital por algunha destas antigas empresas públicas. En caso de necesidade, ademais, chaman por teléfono a candidatos a presidentes do goberno para informalos dos riscos do pacto con certos partidos políticos contrarios, no pasado e no presente, á venda a prezo de saldo do patrimonio público, segundo confesión do propio Pedro Sánchez no programa aquel de Jordi Évole de cando aínda non tiña nada que perder. Agora Pedro parece xa imbuído por unha razón de estado que debe ter, sen dúbida, unha voz moi semellante á de Alierta.

A principal consecuencia política da privatización do sector produtivo público foi, como vemos, a creación dun lobby colosal que ten como obxectivo evitar a toda costa a conformación dun goberno coa participación de elementos con vontade expresa de intervir na economía, a verdadeira cousa pública, ou mesmo de reverter o proceso de liberalización do que eles mesmos son resultado. Son contrarios, en definitiva, a escoitaren desde o goberno palabras pouco amables aos oídos dunha xunta de accionistas ou dun consello de administración onde hamacan, en retiro dourado, antigos xestores públicos premiados pola súa obediencia.

Na arte, no mito, abunda un tipo específico de narración na que a soberbia ou o carácter sacrílego da acción creativa humana son ameazados pola forza destrutora das súas propias criaturas. Do Minotauro a Frankenstein, o estado é vítima de si mesmo.