N on sei se será produto do momento, e logo se irá pasando, pero hai moita xente que expresa o seu malestar polo non acordo de goberno e a convocatoria de novas eleccións xurando que deste vez non vota, coa mesma determinación que, ao final de Foise co vento, Escarlata O'Hara poñía a dios por testemuña de que non volvería pasar fame. A min a verdade, votar non me molesta. Ata me gusta. Tanto o feito mesmo de votar como o ambiente do colexio electoral, saudando interventores e vendo a que veciños lles tocou desta vez estar na mesa. Incluso me parecería máis san, democraticamente falando, votar cada seis meses que facelo cada catro anos, se non fose polo mareo que iso ía ocasionar nas cámaras de elección cidadá. Agora, unha cousa é que non me moleste votar e outra que estea disposto a aturar a campaña.

É máis, despois do fracaso dunhas negociacións para formar goberno (aínda no caso de que fosen unhas negociacións serias e non un espectáculo de despropósitos), o normal sería que non se presentasen os mesmos. A cidadanía optou por unhas determinadas correlacións de forzas, e se os representantes desas forzas non se poñen de acordo, a culpa é deles, non de quen os votou. Non sei por que o electorado ten que corrixir ese desacordo votando de forma distinta a como votou antes (porque se vota igual, volveremos estas nas mesmas, pero non coa auga ata o pescozo, senón ata o nariz). De todas formas, cos mesmos candidatos ou con outros, o que sobra é a campaña electoral, quitado que algún a aproveite para recoñecer os seus pecados e facer propósito da emenda.

Desde as pasadas eleccións, non sei que máis se pode dicir que non dixeran e repetiran aos seguidores respectivos, aos dos outros partidos, aos que están a cabalo entre uns e outros e aos que pasaban por aí. Non sei que máis debates van manter que non mantiveran nos titulares de prensa, nos estudios de radio e nos platós de televisión, eles propios ou por medio dos seus paladíns mediáticos. Ignoro que argumentos distintos dos que encheron o aire este verán como moscas no ídem se poden cruzar agora.

Supoño que cada quen ten un sentimento máis ou menos definido de a quen achacarlle este marasmo político. Pero a maiores dos lexítimos hooliganismos de cada un, creo que está bastante claro que, en xeral, a nosa clase política non ten demasiada consideración do nivel mental da cidadanía, ou actúa como se non a tivese. Ou esixe unha suspensión da incredulidade maior que para ver unha representación Star Wars con mimos. O normal é que o discurso político use a idea retórica que describía Aristóteles na súa Poética de que, para convencer, é preferible una mentira crible a unha verdade incrible, pero é que agora os discursos baséanse en mentiras incribles. En aras de seguir unha narración podemos aceptar que un tipo con mallas e a cara pintada faga de Princesa Leia ou de Darth Vader, mais en canto baixase do escenario non tragaríamos o de "yo soy tu padre" por moito que o tipo se empeñara. Non sei quen definiu as democracias modernas como a posibilidade institucionalizada de que os plebeos lembren aos patricios que seguen existindo. En España é exactamente ao contrario: a democracia é o método que os patricios usan para recordarlle ao vulgo que poden seguir tirando os dados, ata que saia o que ten que saír.