Síntoma de que un idioma sofre é cando se reduce á escatoloxías, as que responden ao primario, ao infantil, a un xeito inmaturo de superar represións e medos, esconxurando o prohibido en alto e con estridencia. Traumas dunha mala educación, arredor do sexo, das consideradas porcalladas, pecado ou tabú. E velaí como se exorcisan, repetíndoo con teimosía: cu, caca, tetas, carallo, cona... E toda unha serie de frases, mesmo xeniais, consideradas pola igrexa blasfemias, desafiando o sacro e divino. Rito tamén de pasaxe, un xeito instintivo de iniciación, de desafiar e superar as prohibicións, as represións xeralmente relixiosas, os "pecados", experimentando e poñendo a proba na palabra e nos acenos as posibilidades da liberdade (ou do libertinaxe) do ser humano. Pequenos efectos coas súas causas que, como tantas, radican na educación. Expresións que son como fochas nesa estrada que é o idioma, as que mesmo poden converterse en pozos negros na circulación dun diálogo, que pode circunscrito á esmorga e ao esperpento, adubado de miseria e feismos. Comportamentos aos que tende unha cultura degradada, envolta no mesmo. Remuíño que se pode superar, mesmo tras del, gañando en enriquecedora experiencia, reforzando esas palabras consideradas tacos, groserías, bocaladas con novos matices, con canto significan e aportan de perversa transgresión.

Ao respecto Galiza, país de fondas reminiscencias priápicas, representadas en canicelos, gárgolas, sobre os tellados da casa e dos cabaceiros... como poucos países, ofrece un amplo dicionario desas palabras consideradas obscenas, groseiras, ordinarias ou vulgares, mesmo de compoñente machista. Nisto paraíso que inspirou o Dicionario Secreto de Camilo José Cela. Asunto ben sabido e do que presumía pra gloria das letras españolas e pra creatividade literaria universal, el, que era natural do Padrón de tabernas con nomes de paxaros, o Cuco, o Moucho, Os Carrisos... ou cos desas pousadas que expresan a accese ao Trasmundo e coas que se atemorizaba dende os púlpitos: Inferno, Purgatorio e Gloria... Tascas que resultaban ser cátedra de xuramentos, como se dicía antes, acompasados de golpe en mesa e saídos da boca dos feirantes, tratantes, arrieiros, especialistas no tema.

Palabras, como a de "carallo" á que ós lingüistas lle deron voltas e reviravoltas, sempre prudentemente e con asépsia, como para non contaxiarse de trivialidades marxinais, con vulgarismos, aínda que sexa tamén motivo de simposios e de teses.

Carallo, equivalente ao "cazzo" italiano, insistente no galego, común no portugués e mesmo no castelán como "carajo". Incluída entre as voces de orixe onomatopeico, das máis expresivas, dependendo do xeito de pronunciación e que nin merecen explicarse. Quizais a máis universal das palabras galegas, a que, segundo se aplique ou se pronuncie, xunto cun xesto, cun aceno, tanto pode elevar ao sublime como baixar aos infernos e aos demos.

Como non podía ser doutro xeito o laureado Marqués de Iría Flavia „doutor honoris causa doutras tantas e Premio Nobel, don Camilo para os máis„ da fiel cumprimento aos lemas das moitas academias ás que pertencía "Colligit, expurgat, innovat" da galega ou ao "Limpia, fija y da esplendor" da Española. Así que no seu Dicionario Secreto dedícalle unha chea de páxinas á palabra carajo, con esa J castelán que dende a gorxa profunda rasca até o ceo da boca, namentres que a ll galega dálle até certo sabor. O literato de Iría métese en filoloxías, fura nas etimoloxías, nas conclusións de sabios que operaron coa palabra, Spitzer, Corominas, Montoliu, Thebussem, Salillas... Mesmo se revolve nas grandes bibliotecas, entre palimpsestos, incunables, glosarios, entre documentos como os de Sahagún. E quere ver na palabra carallo, a posible procedencia do latín vulgar, charáculus, ou charax, quizais derivado dunha latinización do grego, coa significación de vara ou caña... e aguilloado polos pensamentos freudianos vai máis alá, pra engadir a relación co carere, como cardar ou mesmo copular. Paséase don Camilo polas linguas romances, polo catalán e o occitano, e atopa a relación con caralhe, como chameante, mesmo con caragius, como bruxo, meigo... e até na picante terminación en ajo enténdea en relación como restra de allos... relaciónaa coa indostaní Kar,h como mexar e mesmo menta algún monte co nome de Caralio... Entre os documentos atopa o apelido Carayuelo, do Glosario do Escorial saca "conno et carajo" e "capillo de carajo"... Avaliado queda o que se busca, a relación co pene e co machismo.

Mesmo acude Cela aos clásicos que tamén usaban estas palabras, como ben dicía Manuel María cando nos tempos do seu Outeiro de Rei aproveitaba as conversas co seu barbeiro, o popular versificador Manuel de Paderna, caracterizado polo uso destas expresións e que alguén lle replicaba cun "fala ben" e el respondía que xa estaban nos clásicos, o que referendaba Manuel María. E velaí a palabra, usada e abusada, dende o latino Marcial a Alexandre, pasando polos cancioneiro de Baena de Álvarez de Villasandino, "...Señora pues que non puedo/ abrevar el mi carajo/ en ese vuestro lavajo...". Velaí "La Carajicomedia", coplas anónimas... como outros cancioneiros de burlas, de amor e de risa, de escarnio e maldizer... cos que animar veladas, interferindo con asuntos relixiosos e políticos. Lóxico que tras esas burlas se escondesen anónimos e de gran categoría: "...Érase un largo y colosal carajo/ de esnortijadas crines revestido/ carajo entre carajos escogido/ de empuje horrendo y formidable tajo..." Quevedo está entre os mestres clásicos no seu uso. Nin mesmo quedaron atrás os nostálxicos, pálidos e enfermizos autores románticos, velaí a a Oda a Príapo dos Fernández de Moratín, mesmo Espronceda: "de pensarlo me suda hasta el carajo/ y se me hacen los huevos escabeche..." Ventura de la Vega, García Gutierrez, Lauro Olmo, Goytisolo, Vargas LLosa... E xa non digamos no refraneiro, onde Galiza ten os seus contundentes e variados aportes como aquel que asenta que "Carallo teso non cree en Deus".

E tanto rebusca e remexe don Camilo que até recolle que Charaxo chamabase o irmán da poeta Safo de Lesbos, atopa o alcume Caraxo en Asturias... e por ver, mesmo ve relación co músico alemán von Karajan entre outros con ese caraj.

Así que arredor do carallo abundan as exclamacións ou expresións que nos dirixen ao extremo: dende un simple ¡carallo! até os tócalle o carallo, arre carallo, dalle carallo, manda carallo, sáeme do carallo, vai pro carallo, o quintocarallo, qué carallo fas, fai un frío ou fai un sol do carallo, estou até o carallo, me cago no carallo, queda no carallo, carallo de lobo, percebes como o carallo... E logo todas as variedades de adxectivación, caralludo, carallada, carallazo, escarallado... e o tan traído e levado carallo vinte nove en remota lembranza do artigo 29 da caciquil Lei Electoral dos anos da Restauración Borbónica, a que tanto deu que falar.

Presencia galega que mesmo queda denunciada polo carallo, até poñerlle a unha taberna, en Gasteiz, o nome de O´Carallo, así, ademais precedida do apóstrofo de acentos célticos Irlandeses. Insistencia galega que espalla polo mundo adiante a palabra, da que se usa e abusa en seriais que remarcan a procedencia made in Galiza, como Fariña contribuíndo, xunto con outras realidades contrapelo e perseguidas a tipificar a aculturación en Galiza.

Cela concluía e concordamos con il en que saber asentar un carallo ao final dunha conversa dialéctica é sempre unha vitoria a tempo. Asegún, diría eu.