En 1977 Pere Portabella estreaba a película documental Informe general sobre unas cuestiones de interés para una proyección pública, que pasaría co tempo a se converter na narración fílmica por excelencia da primeira Transición española, do mesmo xeito que A batalla de Chile de Patricio Guzmán constitúe o gran documento visual do final tráxico de Allende e a súa Unión Patriótica. O filme de Portabella comeza cunha longa secuencia na que amosa a tensión social nas rúas da Barcelona e do Madrid da época: as manis masivas reclamando amnistía xeral, as consecuentes cargas de grises a culatazos.

Na seguinte secuencia pasamos a unha escea de interior. Ao redor dunha longa mesa parolan, pitillo na man, tres representantes das forzas da esquerda estatal da época que previsiblemente han disputar a hexemonía do seu campo no tempo que abría o final biolóxico da Ditadura. Ramón Tamames polo PCE, Raúl Morodo polo PSP e un Felipe González pletórico na súa premiere, cando aínda era Isidoro. O debate céntrase na cuestión da unidade ante a previsible convocatoria dunhas eleccións constituíntes que, como sabemos, non será a fórmula finalmente escollida para o trámite da Constitución anos máis tarde.

O representante de Tierno, Raúl Morodo, é quen máis claramente aposta pola unidade da esquerda ante os comicios que estaban por vir, probablemente porque era consciente da debilidade comparativa do seu partido ante o PSOE e o PCE. Felipe, aínda Isidoro como dixemos, maniféstase contratrio de xeito rotundo a calquera tentativa de unidade da esquerda, sabedor de que o sistema de partidos que os Estados Unidos e Europa desexaban para a España post-franquista era moito máis semellante ao bipartidista francés ou da RFA que ao hiperfragmentado mapa político de posguerra italiano, concibido para evitar, ao prezo da ingobernabilidade, calquera posibilidade de vitoria do PCI. Felipe agochaba tamén un as na manga: a axuda externa precisa para financiar unha campaña electoral inmensamente superior en medios e eficacia a calquera que puidese levar a cabo o PCE. Ramón Tamames tamén semella disposto a confrontar co PSOE. O PCE é o partido de Comisións Obreiras, o que liderou de xeito indiscutible a loita antifranquista desde o ámbito estatal, o que contaba cos mellores cadros nas universidades, na cultura, na fábrica. O partido da Pasionaria.

A traxectoria posterior de cada un dos protagonistas do debate abonda para ilustrar o acontecido na banda de couso da política española durante a Transición. Tamames e Morodo rematarán a súa carreira política no CDS e Isidoro acabará sendo o Felipe González que pilotará o Azor do estado español cara ás augas mansas do Atlántico Norte, como cantaron Ferlosio e Krahe.

Hoxe volve xogarse unha partida a tres pola hexemonía da esquerda española sobre unha mesa ao redor da que sentan, sen tabaco esta vez, Sánchez, Iglesias e un Íñigo Errejón que comparte apelido, Galván, con Tierno. A banca, París e Berlín teñen claro o seu candidato. O voto popular, dubitativo, dividirase entre dúas opcións cuxas principais diverxencias, máis tácticas que políticas, semellan centrarse, precisamente, no marco da súa relación co PSOE.