Hai algunha polémica pola nacionalización exprés dun rapaz de Guinea Bisau que aínda non cumpriu os 17 anos, mentres outros subsaharianos desas idades entran á vez na categoría de "menas" (menores estranxeiros non acompañados) e na de presuntos delincuentes. Algunha polémica, pero moi pequena, porque o rapaz, Ansu Fati, é futbolista, do Barça, e xa se sabe que os futbolistas en España de calquera idade teñen un trato especial no que respecta aos trámites administrativos, sexan de residencia ou fiscais. Claro que non só os futbolistas. Calquera estranxeiro que compre unha propiedade inmobiliaria por un valor igual ou superior a medio millón de euros recibirá un permiso de residencia para todo o territorio español, e tamén de traballo (no caso de que teña ese vicio, o de traballar). Ese permiso é extensivo ao cónxuxe ou "persona vinculada con análoga relación de afectividad" e aos fillos. Non sei cal é o obxectivo desa medida, se desfacerse do parque de vivendas baleiras de alto standing, ou aumentar a nómina de ricos residentes no país. Con crise ou sen ela, os produtos de luxo siguen tendo a saída no mercado, e tampouco hai precisamente carencia de mocidade rica ociosa.

Non sei se noutras partes fan o mesmo. Por exemplo, en Israel non. Segundo traía o outro día este periódico, o estado hebreo promoverá a "importación" de 15.000 enxeñeiros informáticos, aos que lle dará un visado de dous anos para traballar no país. E non soamente o visado, a Autoridade de Innovación, a axencia estatal encargada do programa, ofrécelles ademais aloxamento, infraestruturas tecnolóxicas e respaldo loxístico para desenvolver os seus proxectos. Se a cousa sae ben, e cristaliza unha empresa, poden traballar cun permiso de experto durante cinco anos. Se teñen éxito, devólvenlle ao Estado a axuda. Se non, pois nada e tan amigos. Mesmo poden tentalo de novo. Obviamente, ninguén dá euros a 75 céntimos. Israel non é precisamente Holanda, fóra o clima, e ten que botar man de máis alicientes para atraer xente, sobre todo xente espelida que podía facer carreira en moitos outros sitios. Pero está facendo un bo negocio. O turismo, unha das fontes de ingresos para o país, depende moito do convulsa que estea a zona. Outra, os produtos agrarios teñen o límite do territorio, por moito que invadan terras palestinas ou fagan hortas do deserto. Así que a tecnoloxía é a solución mellor e a máis sostible.

En Israel comezaron por apostar pola educación universitaria, e en dar saídas despois: é o terceiro país en investimento en I+D+i (en é certo que o compoñente de investigación militar é importante, pero tamén en EUA). O Silicon Wadi israelí é, despois do Silicon Valley californiano, o lugar con maior concentración de empresas tecnolóxicas e alí teñen centros de investigación Intel, IBM, Cisco Systems, SAP, Philips, Hewlett-Packard, AOL, Microsoft..., ademais de moitas compañías israelís. Mentres, por aquí, na casa, a xente que sae da universidade emigra, a Madrid ou a Europa, e na Coruña andamos a volta coa cidade das TIC, que non se sabe onde vai estar ou se vai estar. Ou se vai acabar como o Ofimático, que como o seu nome indica, naceu para ser algo moi intelixente e acabou sendo unha urbanización. Aquí, desde os anos 60, a innovación é o ladrillo.