Os coruñeses somos afortunados de que na nosa cidade exista a Fundación Luís Seoane. Un lugar no que cada semana ten lugar unha aventura arredor da arte e da propia figura do intelectual que dá nome á Fundación. Un creador que sempre nos sorprende e que agranda cada día a súa dimensión como artista. Desde sempre se creu que a achega ao teatro de Luís Seoane consistía unicamente nas pezas A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsa, mais o traballo realizado por Xavier Seoane e quen isto escribe para os libros Luís Seoane e o teatro e Luís Seoane, textos sobre arte descubriunos que existen algúns textos do pintor galego-arxentino que son pequenas pezas teatrais perfectamente representables. Trátase case sempre de escritos arredor da arte que Seoane nos presenta de xeito dialogado, de aforismos dunha fondura teatral evidente, pregóns para exposicións e versos irónicos a dúas voces. Hai agora algo máis de vinte anos a compañía Teatro Laboratorio de Formas, cuxo nome facía así unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo e ao propio Seoane, levou estes textos a escena, procurando ser fieis na súa proposta dramática ás vangardas artísticas que eles defenderon con tanto paixón, ardor e intelixencia. Trátase de Miniaturas Teatrais, tal foi o título do espectáculo, aínda que tamén poderían chamarse Diálogos Pintados. Reproducir neste artigo unha desas pequenas pezas sería saírnos un pouco do noso labor xornalístico, pero dar a coñecer algúns dos seus aforismos non deixa de ser un labor divulgativo que, ás veces, tamén debe aborda o periodismo. Aí van algúns dos brillantes aforismos de Luís Seoane:

1.- Señor pintor, ese ton é un ripio.

2.- Que mágoa! Non logrou pintar nunca o asubío.

3.- Realismo. "Ao cabo de dez anos aquel retrato tan eloxiado polo seu parecido, mantívose inalterable, mentres que o modelo deixou de parecerse ao retrato".

4.- Aquel pintor era tan malo que non fracasaba nunca.

5.- Ia debuxando e pintando mentres paseaba. Sen lapis, pinturas nin papeis. Simplemente parecía que paseaba.

6.- En pintura non abra a boca antes de abrir os ollos.

7.- Seguramente cando os pintores prehistóricos de Altamira deron por rematada a súa obra, houbo entendidos e críticos que arroxaron pedras a aquelas paredes.

8.- Existen críticos literarios que aseguran que Cervantes non cumpriu coas normas da novela no seu Don Quijote de la Mancha. O que amosa a inutilidade das normas na arte.

9.- Por que será que ninguén fai a critica literaria da crítica de arte?